terras abandonadas_Cualedro_1

Comezan os traballos para poñer en produción 250 hectáreas abandonadas de Cualedro

Os directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, supervisaron este luns as actuacións de acondicionamento para a posta en marcha dun proxecto de recuperación de terras agrarias no concello ourensao de Cualedro.

Ambos destacaron a boa marcha dos traballos, que se desenvolven en terreos de varias reestruturacións parcelarias abranguendo unha superficie total de arredor de 250 hectáreas, a demanda dos propios interesados. Así, os labores consisten principalmente no acondicionamento das parcelas mediante a súa roza, para adecuar os terreos co fin de aproveitalos desde o punto de vista agrícola e gandeiro. O uso futuro dos predios será, fundamentalmente, o seu aproveitamento como pasteiros.

Actualmente están xa contratados traballos de recuperación e adecuación nas zonas de concentración parcelaria de Cualedro-Carzoá-Vilela e de Xironda-Pedrosa, por un importe que se aproxima aos 200.000 euros.

Como labores complementarios, están tamén en marcha os relacionados coa posta a disposición dos terreos por parte dos propietarios para a incorporación das parcelas ao Banco de Terras e os traballos para a elaboración de contratos de arrendamento por parte dos interesados en facer uso delas.

Esta actuación en Cualedro é unha das postas en marcha pola Consellería do Medio Rural para loitar contra o abandono e mobilizar terras en desuso en diferentes puntos de Galicia.