Ciclo de conferencias da Deputación de Lugo sobre cambio climático e o sector agrario

Ciclo de conferencias da Deputación de Lugo sobre cambio climático e o sector agrario

Inauguración do ciclo de conferencias

O responsable de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández Queipo, inaugurou este luns o ciclo de conferencias Luis Asorey que acolle o salón de actos do Pazo de San Marcos dende hoxe e ata o vindeiro mércores 22 de novembro, baixo o título O cambio climático e o sector agrario en Galicia.

Trátase dunhas xornadas gratuítas, organizadas dende 1989 polo organismo provincial e a Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Universidade de Santiago, e que cada ano aportan a análise de expertos no campo das ciencias medioambientais.

Programa do ciclo de conferencias

As charlas previstas, todas no Salón de Actos da Deputación, ás 19:30 horas, serán de acceso libre ata completar aforo. Estas son as seguintes:

– Día 13: “O Proxecto Life Lugo + Biodinámico, do programa de acción polo clima Planificación dun barrio multiecolóxico como modelo de resiliencia urbana”, polo Catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro Rodríguez.

– Día 14: “Evolución do clima en Galicia. Evidencias e escenarios de futuro”, polo Catedrático xubilado do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e Académico, Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

– Día 15: “Cambio climático e agricultura en Galicia”, polo enxeñeiro agrónomo e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da USC, Francisco Sineiro García.

– Día 16: “Cambio climático, gandería e sanidade animal en Galicia”, polo Catedrático do Departamento de Patoloxía Animal da USC e Académico, Pablo Díez Baños.

– Día 20: “Cambio climático e produción forestal en Galicia”, polo Catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Roque Julio Rodríguez Soalleiro.

– Día 21: Mesa redonda “O cambio climático e a biodiversidade” moderada por Antonio Rigueiro Rodríguez, coa participación do profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Manuel Antonio Rodríguez Guitián; o profesor do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC, Augusto de Castro Lorenzo; e o Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz.

– Día 22: “Estratexia galega de cambio climático e enerxía”, pola Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira.

A Real Academia Galega de Ciencias acordou dedicar este ciclo de conferencias á memoria do Dr. Luís Asorey García, prestixioso médico que desenvolveu a súa actividade profesional durante moitos anos na cidade de Lugo e que foi Académico, Secretario e Vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias.

Proxectos da Deputación de Lugo para loitar contra o cambio climático

Fernández Queipo subliñou que “o compromiso da Deputación de Lugo co aforro enerxético e coa redución de emisións de gases de efecto invernadoiro é claro. Sen ir máis lonxe, hoxe o profesor Antonio Rigueiro presentaranos o proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, que lidera o Concello de Lugo, xunto coa Deputación, a Universidade de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid, cun orzamento total que supera os 3,5 millóns de euros, dos cales a Deputación aporta máis de 500.000 euros”.

O obxecto principal deste proxecto é a realización de accións de desenvolvemento sostible que contribúan a frear o cambio climático, como o acondicionamento dunha parcela de cultivos para producir biocombustibles, a construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, ou o deseño dun catálogo de solucións de deseño urbano para axudar a frear o cambio climático.

O Deputado de Medio Ambiente engadiu que “en xuño deste ano presentamos o proxecto [email protected] un novo programa de aforro enerxético gratuíto dirixido aos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para dotar de novo equipamento enerxético de baixo consumo a instalacións públicas municipais e continuar coa redución de custos pola luz. Xa no ano 2016, a Deputación concedeu 1.500.000 euros aos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para actuacións no marco do aforro e a eficiencia enerxética, en concreto para actuacións en instalacións de alumeado público, instalación de caldeiras de biomasa e mellora da envolvente térmica en edificios de titularidade municipal”.

Por outra parte, estase a executar tamén a iluminación do paseo do río Rato, cun orzamento de 750.000 euros. En total estase a dotar ao paseo de 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos, dos que 103 se situarán na estrada e 144 no paseo, nun treito de 7 quilómetros. Tamén se instalará un sistema informático que permitirá controlar cada un dos 283 puntos de luz, así como regular a súa intensidade lumínica co fin de aforrar custos ao poder adaptala ás condicións climatolóxicas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información