“As casas de turismo rural deberían manter as actividades agrarias”

Juan Luis López Díaz é desde hai 2 anos presidente de Agatur, a asociación que engloba a 170 casas de turismo rural de toda Galicia. Repasamos con el a situación actual do sector e o seu potencial como xerador de emprego e complemento á activiade agrogandeira

Publicidade
“As casas de turismo rural deberían manter as actividades agrarias”

Nunha sociedade cada vez máis urbana e urbanita, o rural, medio de vida e de traballo aínda para unha parte importante da poboación galega, é sen embargo sinónimo de descanso para outros moitos. Esa tranquilidade é a materia prima principal que explotan as casas de turismo rural, que comparten espazo en moitas aldeas galegas coas explotacións agrogandeiras, dúas actividades que lonxe de estorbarse poden complementarse. É o que pensa Juan Luis López Díaz, que rexenta a Casa de Díaz no concello lugués de Samos e preside desde hai dous anos unha das principais asociacións do sector.

“Levo vinculado á Asociación Galega de Turismo Rural desde os seus inicios e neste momento notamos un repunte. Nos comezos do turismo rural na comunidade, hai 20 anos, houbo unha gran efervescencia, logo veu un baixón nos anos nos que a xente optaba por destinos de sol e praia, pero eses destinos son monótonos mentres que nós ofrecemos historia, cultura, tradición, gastronomía, etc. Nos últimos anos notamos que a xente está a volver ao turismo rural”, asegura.

“Os destinos de sol e praia son monótonos e nos últimos anos notamos que a xente está a volver ao turismo rural”

Casa de Díaz está situada no lugar de Vilachá, en Samos, e é unha antiga casa grande do século XVII que tiña gandería e unha curtiduría que pechou no ano 1952. “Traballábase a pel de vaca, de ovella e de cabra para os zocos e para as molidas e cabaleirías. Pero eu xa non acordo esa etapa, non nacín nesta casa, nacín xa en Sarria, aínda que sempre estiven vinculado ao campo porque aquí había caseiros e viñamos sempre pola malla, pola sega, cando había traballos agrícolas”, lembra.

Ex funcionario do Estado, Juan Luis decidiu hai 23 anos darlle unha nova vida á casa vinculada ao turismo. Conta con 12 habitacións con distintas categorías e prezos. Pero aquelas actividades agrarias que recorda de cando era cativo son hoxe unicamente lembradas pola configuración espacial da casa, polo patrimonio etnográfico que atesoura ou polos útiles que aínda se conservan en distintos recunchos.

“Dentro do turismo rural deberían diferenciarse as casas que seguen mantendo unha vinculación agrogandeira daqueles outros establecimentos que unicamente ofrecen servizos hoteleiros en entornos rurais”

Por iso Juan Luis define Casa de Díaz como un hotel rústico e reivindica o concepto de casa de turismo rural unicamente para aqueles establecementos que seguen a manter unha vinculación agrogandeira. “O turismo rural debería manter as actividades agrarias e desde a asociación estamos a loitar para que nos casos en que isto non sexa así, volva aparecer a figura de hotel rústico, que estaría a cabalo entre o turismo rural e o hotel. É dicir, serían establecimentos ubicados en entornos rurais que aínda que manteñan en moitos casos a idiosincrasia do mundo tradicional de Galicia, non conservan ningunha actividade vinculada á agricultura ou á gandeiría, senón que teñen outra oferta e outros servizos”, argumenta.

Agatur defende, pois, o mantemento da cualificación de casa de turismo rural para aqueles establecimentos con actividade agraria que incorporan oferta de aloxamento como complemento á actividade primaria fronte a unha nova denominación de hotel rústico ou hotel rural para aqueles outros establecementos sen actividade agraria que unicamente ofertan en entornos rurais pernoctas ou servizos de ocio, restauración ou de outro tipo.

Pero entende o acontecido en moitas casas rurais galegas. “Recoñezo que é difícil ás veces compatibilizar ás actividades agrarias coas turísticas porque non é doado programar e atender todo, porque un día non tes xente e podes atender ao gando ou á horta, pero outro día estás a tope de xente e non podes atender a actividade agraria ou gandeira, que normalmente son traballos que non poden esperar”, razoa.

Apostar por produtos da zona

O presidente de Agatur afirma que “igual que se desvirtuou o turismo rural ao desvinculalo das actividades agrarias tamén se desvirtúa ás veces a gastronomía que se serve nelas”. “Non ten sentido poñer nunha casa de turismo rural un almorzo estándar coma o que te podes atopar nun hotel dunha cadea internacional”, di.

Juan Luis, que é membro tamén da Academia de Gastronomía de Galicia, defende que as casas de turismo rural deben apostar polos produtos de proximidade. “Apostar polos produtos da zona serve tamén para apoiar e dinamizar os produtos e produtores locais”, asegura.

“Non ten sentido poñer nunha casa de turismo rural un almorzo estándar coma o que te podes atopar nun hotel dunha cadea internacional”

E exemplifica isto co que el fai no seu establecimento. “Todos os días no almorzo temos queixo do Cebreiro e pan de centeo de Sarria. Cando introducimos o pan de centeo ao principio os clientes preguntaban polo pan branco pero hoxe xa non pregunta ninguén. Outras veces pídennos croasans, pero non os poñemos no almorzo, só produtos galegos: queixo, marmelo, empanada, xamón, chourizo”, explica.

No seu caso teno claro e apostaría por moitos máis produtos deste tipo, pero nalgúns casos acaba sendo inviable. “Coa manteiga temos o problema de que non hai produtores locais que fagan manteiga envasada en monodoses e a outra non a podemos poñer porque nolo impide a lexislación”, aclara.

Considera que a gastronomía é unha parte fundamental da oferta de turismo rural, igual que a hospitalidade ou o trato próximo. Na carta de Casa de Díaz para cear sempre hai produtos galegos, como ovos fritidos con chourizo, xarrete de tenreira, ou caldo. “O 80 ou 90% dos que cean aquí optan polo caldo de primeiro”, asegura.

“Está ben innovar pero hai que ter coidado co snobismo. Podes poñer unhas endivias con queixo do Cebreiro, pero non me fagas caldo galego con endivias”

“Este tipo de pratos da cociña galega son os que non deben perder a súa esencia”, di. “Non desvirtuemos o tradicional. Non podemos negar a evolución das cousas e está ben innovar, pero hai que ter coidado co snobismo. Podes poñer unhas endivias con queixo do Cebreiro, pero non me fagas caldo galego con endivias. Xa hai dentro do caldo galego distintos tipos, xa hai variedade dabondo: de grelos, de nabizas, de repolo, de verza, de xudías, de castañas”, enumera.

“O Xacobeo 2021 debe servir para dar a coñecer o rural galego”

Un momento da conversa con Juan Luis en Samos, en pleno Camiño

Un momento da conversa con Juan Luis en Samos, en pleno Camiño Francés

Casa de Díaz atópase en pleno Camiño de Santiago e un bo número das persoas que se hospedan nela, sobre todo en tempada baixa, son peregrinos. “En moitas casas de turismo rural boa parte do ano os nosos hóspedes son maioritariamente persoas que fan o Camiño. Nos últimos anos notamos un auxe, está repuntando de cara ao vindeiro Ano Santo e hai un crecemento importante en todos os Camiños”, asegura.

O feito de que os peregrinos se hospeden en albergues ou en casas de turismo rural non ten que ver co poder adquisitivo da persoa. “Hai xente con moito poder adquisitivo que quere facer o Camiño como se facía antes”, di.

Sen embargo, comparte o pensamento do filósofo grego Heráclito de que non nos bañamos dúas veces no mesmo río. “Todo vai evolucionando, tamén as costumes no Camiño”, asegura, e pon como exemplo os servizos cada vez máis habituais de carrexo das mochilas aos peregrinos.

“Estamos a notar un repunte moi importante en todos os Camiños de cara ao vindeiro Ano Santo pero temos que ter coidado de non matar a galiña dos ovos de ouro coa masificación”

Considera que o Camiño de Santiago é “un foco de dinamismo económico e social moi importante para os lugares polos que pasa e di que “ademais de para encher Santiago, o Xacobeo 2021 ten que servir para dar a coñecer o resto de Galicia, tamén o rural”. E fai unha advertencia: “No vindeiro Ano Santo temos que ter coidado de non matar a galiña dos ovos de ouro coa masificación”.

“Debemos planificalo todo mellor”, asegura. “O Camiño debe estar ben coidado. O custo de mantemento non é elevadisimo, chega con rozar e cun pouco de zahorra, non fai falla máis”, di. Pero advirte de que o Camiño non é unha simple ruta de sendeirismo máis. “Os monumentos históricos no Camiño de Santiago son os que fan o Camiño e sacar o Camiño deses lugares é desnaturalizalo porque tanto os edificios civís como os relixiosos todos aportaron historicamente para facer o Camiño”, argumenta.

Alternativas de ocio

O presidente de Agatur ve fundamental crear unha oferta complementaria de actividades nas casas rurais. “Son fundamentais nos sitios polos que non pasa por exemplo o Camiño de Santiago”, di. “É importante que haxa cousas que facer pero estas rutas poden ser de moitos tipos: de natureza, de patrimonio, culturais, gastronómicas, etc”, enumera. “Hoxe non fai falta moita sinalización física, pode ser virtual, non é necesario que haxa moitas frechas nin carteis, hoxe está a tecnoloxía e pódese sinalizar mediante coordenadas. Iso non custa cartos, custa tempo”, engade.

“Non debemos competir entre as casas de turismo rural, debemos complementarnos, porque no ano hai fins de semana dabondos para todos”

Argumenta que se seguen a abrir casas de turismo rural en Galicia do mesmo xeito que se seguen abrindo outro tipo de establecementos, como hoteis ou balnearios, pero advirte de que tamén hai baixas e considera que “o importante é manter un número suficiente e por toda Galicia, que non haxa zonas saturadas e outras descubertas”. “Non debemos competir entre nós, debemos complementarnos e habituar entre todos á xente ao turismo rural, porque no ano hai fins de semana dabondos para todos”, conclúe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información