¿Canto terán que pagar os agricultores por reutilizar sementes de cereais e leguminosas?

Por primeira vez en España as cooperativas e a maior parte de organizacións agrarias asinan un convenio coas empresas de obtención de sementes de gran para facer cumprir a lexislación sobre patentes. A Coag e o Sindicato Labrego opóñense ao acordo e critican que só favorece ás multinacionais de sementes.

Publicidade
¿Canto terán que pagar os agricultores por reutilizar sementes de cereais e leguminosas?

Campo de centeo en Viana do Bolo.

Por primeira vez en España as principais organizacións agrarias (Upa e Asaja), Cooperativas Agroalimentarias de España e as empresas obtentoras de sementes, agrupadas en Anove, alcanzaron un acordo o pasado 26 de xullo para facer cumprir a normativa sobre patentes de cereais de gran.

O acordo afecta ás principais zonas cerealeiras de España, e no caso de Galicia o seu efecto notarase principalmente na comarca da Limia.

E é que desde o ano 1997, e en aplicación da normativa europea, o Real Decreto 1709/1997 sobre Acondicionamento de Gran Destinado a Sementeira prohibe a agricultores e gandeiros reempregar na seguinte sementeira variedades de gran (trigo, cebada, centeo, millo para gran, leguminosas para gran..etc) protexidas por patentes -a inmensa maioría das existentes no mercado- sen o permiso da empresa obtentora e sen pagarlle un canon para compensar os gastos de investigación para lograr esas variedades melloradas.

No primeiros dez anos posteriores á entrada en vigor desta norma a administración non foi celosa no cumprimento da mesma, de forma que moitos agricultores seguiron reutilizando sen problema sementes protexidas sen permiso da empresa obtentora.

Porén, na última década o Seprona estivo actuando de oficio, tanto contra almacenistas que limpaban semente e logo vendíana para sementar, como contra os propios agricultores, o que supuxo centos de penalizacións no cobro da PAC, multas e mesmo penas de cárcere.

Canto terá que pagar o agricultor?

Neste sentido, o acordo aplicarase xa a partir da campaña 2017-2018, é dicir xa na sementeira dos cereais de inverno dentro de dous meses.

En canto ao que terá que pagar o agricultor por volver utilizar sementes de cereal certificado, simplificouse a cantidade a pagar, de forma que se antes a contribución era diferente segundo a variedade que se utilizaba, agora unificouse nunha tarifa única.

Ademais o agricultor pode decidir cando pagalo e segundo a modalidade que máis lle conveña.

En primeiro lugar, o agricultor pode pagar directamente no operador que lle limpa a semente. Se o fai así paga pola cantidade de semente que limpe e o pago é de 12 euros/por tonelada ou 1,2 euros por quintal, independentemente da variedade que sexa. Antes o pago era diferente por variedade.

Pero se o prefire pode facer o pago no momento de facer a PAC, e en función do número de hectáreas sementadas. Neste caso o pago está modulado en función do rendemento comarcal do plan de rexionalización, segundo a seguinte escala:

Zonas

Rendemento medio (Kg./Ha) Comarcas

Remuneración

/ha sementada

A

Secaño: Menor ou igual a 2.200

1

B

Secaño: Entre 2.200 e 3.200

2

C

Secaño: Maior ou igual a 3.200

3

D

Regadío

3

Por tanto, a primeira decisión que ten que tomar un agricultor é cando quere pagar a remuneración, e en función das súas doses de sementeira e do seu rendemento comarcal que opción é a máis rendible.

Quen está exento de pagar?

Ademais, e tal como establece a lexislación europea establécese unha definición de pequeno agricultor que queda exento do pago Serán considerados pequenos agricultores aqueles que cumpran as seguintes condicións:

Zonas

Rendemeento medio (Kgs/Ha) Comarcas

Superficie máxima (ha) de Terra Arable declarada na PAC

Índice ponderación

(Has equivalentes)

A

Secaño: Menos de 2.200

60

1

B

Secaño: Entre 2.200 e 3.200

40

1,5

C

Secaño: Maior ou igual a 3.200

20

3

D

Regadío

10

6

Por tanto, en comarcas de regadío como A Limia, os agricultores que sementen máis de 10 hectáreas en terra de regadío deberán pagar por reutilizar as sementes.

Como se repartirá o diñeiro recadado?

A aplicación das cantidades recadadas (equivalentes ao 50% do royalty comercial da variedade) será para os seguintes conceptos:

-O 50% como retribución directa ás empresas obtentoras de sementes.

-O 15% ás cooperativas e acondicionadores por gastos de xestión.

-O 5% ás asociacións asinantes (Asaja e Upa) para actividades de formación.

-O 30% para medidas de apoio á investigación e a calidade da semente, divididas en: un 15% con destino a un fondo de investigación e desenvolvemento de variedades en España, coxestionado por Cooperativas
e GESLIVE-Anove.

-15% con destino a axudas para a compra de semente certificada.

Desde Upa valoran que o convenio “mellora a situación dos agricultores, cunha remuneración menor que terán que pagar, á vez que se exime aos pequenos agricultores”.

Ademais, destacan que “unha parte moi importante do diñeiro recadado, o 40%, destinarase a actividades de formación e información aos agricultores, así como para proxectos de investigación”.

A este respecto, a organización agraria lembra que “nas últimas décadas as empresas de sementes estaban a diminuír os seus programas de investigación en España, o que supón que as sementes que se comercializan non están perfectamente adaptadas ás nosas condicións climatolóxicas, e ás limitacións que supoñerá o cambio climático”.

Coag, o Sindicato Labrego e a Rede Galega de Sementes consideran que só favorece ás industrias das sementes

A Coag non asinou o acordo porque considera “inxusto e abusivo” o pago da agricultores dun canon anual -durante 25 anos desde o rexistro da semente- pola reutilización dos seus propios grans como sementes, polo mero feito dunha procedencia anterior como semente certificada protexida.

Ademais, Coag considera que o agricultor xa paga un alto custo pola compra de sementes certificadas -no que van incluídos os royalties- cun prezo que triplica o do gran, polo que considera que “neste convenio prima o afán desmedido de lucro”.

Pola súa banda, desde o Sindicato Labrego Galego, que tampouco asinou o convenio, recoñecen que “en Galicia o custo non será excesivamente elevado, pero non deixa de ser unha taxa que un grupo de empresas repercute nas nosas explotacións coa conivencia do Goberno”.

Coag e Slg: “É un abuso que se obrigue ao agricultor a pagar este canon durante 25 anos”

Onde se terá un impacto importante será na Limia. Asi, o SLG calcula que nesa comarca a superficie de cereal cultivada por explotación pode andar en ao redor de 15 hectáreas, aínda que hai explotacións que traballan 50 ou máis hectáreas. “Estariamos a falar dun custo superior aos 50 euros para unha superficie dunhas 30 hectáreas se aplicamos a taxa de 12 euros por tonelada de gran; pero se a taxa fose de 3 euros xa subiriamos aos 100 euros”, advirten.

Ademais, lembran que “hai casos de empresas de sementes que denunciaron a agricultores por atopar trazas das súas patentes en campos de cultivo onde non foron cultivadas esas sementes, pero onde chegan debido á polinización cruzada”.

Neste sentido, o Sindicato Labrego pon os seus servizos xurídicos a disposición dos agricultores aos que se lles pretenda cobrar este canon.

 

image_print

Una idea sobre “¿Canto terán que pagar os agricultores por reutilizar sementes de cereais e leguminosas?

  1. Candido Sanchez Vaamonde

    Que pasa coas varidades agricolas ? abandonanse ? que investigacion lle teñen que facer a unha semilla ?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información