Bruxelas quere ampliar ata o 15 de outubro o prazo para pagar as axudas da PAC

Bruxelas quere ampliar ata o 15 de outubro o prazo para pagar as axudas da PAC

Phil Hogan, Comisario Europeo de Agricultura

A Comisión Europea (CE) confirmou este mércores 8 a súa intención de ampliar do 30 de xuño ao 15 de outubro a data limite que os Estados membros da Unión Europea (UE) teñen para pagar as axudas directas da Política Agrícola Común (PAC) a gandeiros e agricultores.

Esta ampliación, que só se pode aplicar a nivel de Estados membros, significa que os pagos poderán seguir facéndose despois do 30 de xuño sen que se apliquen aos Estados as reducións previstas na lexislación comunitaria para os pagos serodios.

O comisario europeo de Agricultura, Phil Hogan, indicou nun comunicado que esta ampliación “responde ás dificultades que unha serie de países e rexións están a experimentar á hora de completar os seus pagos antes da data tope do 30 de xuño”.

A normativa da Unión Europea establece para os Estados máis tardíos en pagar a PAC unha serie de reducións nos reembolsos do 10% sobre os pagos feitos en xullo, o 25% para os realizados en agosto e do 45% no caso dos que se pagan en setembro.

Hogan subliñou que se trata dunha “medida excepcional” que ten en conta “as dificultades que algunhas axencias pagadoras experimentaron co primeiro ano de pagos baixo a nova PAC”. “Esta derrogación -advirte o eurocomisario de Agricultura- non se debe utilizar como escusa para retardar a taxa de pagos”, polo que urxe ás axencias pagadoras dos distintos Estados e Comunidades Autónomas a priorizar o pago das axudas pendentes, con vistas a maximizar o nivel de pagos de aquí ao 30 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información