As axudas da PAC despois de 2020 terán menos burocracia

Publicidade
As axudas da PAC despois de 2020 terán menos burocracia

Ángeles Vázquez co ministro español, Luis Planas, e o comisario europeo de Agricultura, Phill Hogan.

Os agricultores europeos terán que realizar menos papeleo para solicitar as axudas da PAC no futuro. Así o acordaron de forma unánime os ministros de agricultura da Unión Europea na reunión celebrada este luns en Bruxelas e á que asistiu, xunto ao ministro español do ramo, Luis Planas, a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, en representación das Comunidades Autónomas.

Houbo un consenso xeral en que a nova PAC que debería entrar en vigor despois do ano 2020 debe modernizarse e simplificarse para os agricultores e tamén para a administración. É unha das prioridades da Comisión Europea, xunto con combater as prácticas comerciais desleais, ou fomentar a produción de proteína vexetal na propia UE.

Juliane Bogner-Strauss, ministra representante de Austria, país que asume este segundo semestre a presidencia rotatoria da UE, díxoo de forma moi gráfica: “Os agricultores deberían estar ocupados coa agricultura, non con encher papeleo ou interpretando regras engorrosas. Gustaríanos que a futura PAC fose fácil de utilizar e de fácil acceso a todas os agricultores e gandeiros”.

Na mesma liña se pronunciou a conselleira Ángeles Vázquez, quen advertiu que “non podemos perder tanto tempo e diñeiro nunha finalidade únicamente burocrática”. Do mesmo xeito, o ministro español pediu que a futura PAC debe ser máis sinxela para a administración e para os gandeiros e agricultores.

Neste sentido, algunhas das propostas que se plantexaron son:

-Maior uso das novas tecnoloxías para desenvolver os controis sobre o terreo. Isto cobra especial importancia en Galicia, onde debido ao minifundio existen 15 millóns de parcelas en só 500.000 hectáreas, o que leva a una enorme carga burocrática. Trátase de que o control de superficies se realice cada vez máis coas novas técnicas de control vía satélite.

-Claimless ou sistema sen solicitude de axudas. É unha proposta que defende España e consistiría en ir a un réxime no que o agricultor non precise solicitar a axuda dun ano para outro, sempre e cando os datos e os rexistros estean actualizados.

-Simplificar máis o réxime dos pequenos agricultores.

-Plans estratéxicos a nivel de Estado e para cada Comunidade Autónoma. A proposta da Comisión Europea para a nova PAC é que cada Estado pacte uns obxectivos coa UE e a partir de aí cada país poda tomar as súas propias decisións para acadalos. Luis Planas, o ministro español de Agricultura, pediu que estes plans, que dan máis marxe de manobra aos Estados Membros, sexan sinxelos, comprensibles e que se implanten con transparencia. Pola súa parte, a conselleira Ángeles Vázquez reclamou que “se teñan en conta as características específicas de cada Comunidade Autónoma”. E é que a proposta da Comisión deixa marxe para que Galicia e calquera comunidade que o desexe poida establecer o seu propio plan para as axudas do pago directo.

-Orzamento: Redución do 5% debido ao Brexit. Sen embargo, Francia e Alemaña presentaron un documento no que reclaman un acordo sobre o marco financeiro plurianual 2021-2027 – o orzamento da UE para os próximos anos- no que reclaman que se manteña e non se recorte o presuposto da nova PAC, por coherencia cos obxectivos climáticos e as expectativas sociais crecentes cara a agricultura.

É unha boa nova para os agricultores e así foi percibida polo ministro español, quen manifestou o seu apoio á declaración francoalemá.

As negociacións sobre a nova PAC e os cartos dos que disporá continuarán nos próximos meses e prevese que non entre en vigor ata o ano 2022.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información