Anúnciase o peche da planta de pensos da cooperativa Copagro, en Valdoviño

O sindicato USO sinala que a empresa xa lle comunicou ós 16 traballadores un ERE de extinción. Critica a decisión de peche, pois a planta viña de investir un millón de euros e movía 19.000 toneladas ó ano

Publicidade
Anúnciase o peche da planta de pensos da cooperativa Copagro, en Valdoviño

Planta de pensos de Copagro en Valdoviño, na comarca de Ferrol.

A planta de penso da Cooperativa de Produtos Agrarios (Copagro), participada polas cooperativas de Meirás, Lago e Vilaboa (Valdoviño), vén de anunciar o seu peche, segundo advirte o sindicato USO, que critica o ERE de extinción que a empresa lle comunicou xa ós 16 traballadores de Copagro. “É unha decisión que nos colle totalmente por sorpresa, xa que a planta ampliou o seu cadro de persoal un 40% nos últimos anos e viña de investir un millón de euros en modernizarse”, destaca Francisco Cousillas, coordinador da federación de Industria de USO – Galicia.

Copagro, unha cooperativa de segundo grao fundada no 1973, moveu no último ano arredor de 19.000 toneladas de mercancía na súa planta, segundo asegura a USO, que incide tamén en que a cooperativa carece de débedas con proveedores e traballadores. “É unha planta que semellaba ser competitiva e ter futuro, pois estaban acometéndose investimentos para convertila nunha planta punteira. De feito, nos últimos meses mercáronse tres camións, o último hai mes e medio, e investíronse 80.000 euros en maquinaria para a elaboración de pensos porcinos, unha maquinaria que está almacenada e que nunca se chegou a instalar, a pesar de existir xa pedidos de suministro para esa liña”, valora Cousillas.

Para o sindicato, é precisa a busca de alternativas que permitan a continuidade da planta, ben sexa a súa venda ou outras posibilidades. Os traballadores solicitaron a documentación que sustente o ERE, pero só recibiron as contas do 2017, “o que fai sospeitar de irregularidades nas contas do 2018”, cuestiona a USO. Ante esta situación, os traballadores de Copagro convocaron unha concentración para mañá mércores ás 12 horas diante da cooperativa de Meirás. “Queremos documentación que xustifique o peche e os despedimentos. Se é tan rendible como os datos semellan indicar, esixiremos que se manteña a actividade”, sinala Francisco Cousillas.

Unha vez que a cooperativa lle comunicou o ERE de extinción ós traballadores, espérase unha reunión o próximo día 30 para iniciar o proceso de cese da factoría. Desde ‘Campo Galego’ tentouse contactar co presidente de Copagro para coñecer a súa versión, pero non foi posible polo de agora.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información