A agrocompostaxe, un posible complemento de renda no campo

A lexislación obrigará a compostar os residuos orgánicos urbáns, o que abre as portas á participación do sector agrario no procesado do lixo. Calfensa Proxectos busca impulsar experiencias piloto no marco dun grupo operativo. Desenvolverá unha charla o próximo mércores

Publicidade
A agrocompostaxe, un posible complemento de renda no campo

Xestión de compost no proxecto Madrid Agrocomposta.

En Austria, a metade do lixo orgánico que se xenera no país é xestionado por medio da agrocompostaxe. Os agricultores encárganse de recibir e compostar os residuos, cobrando por elo unha media de 50 euros / tonelada e xestionando arredor de 1.000 toneladas ó ano. En Francia, Alemania ou Bélxica tamén se están desenvolvendo experiencias, que se poden extender en breve a Galicia e ó resto de España.

A cuestión é que o lixo orgánico que se xenera nas casas terá que ter unha recollida por separado en menos de cinco anos co obxectivo de impulsar a súa reciclaxe. É unha medida de ámbito europeo que colle a case toda España co pé cambiado, pois salvo proxectos puntuais, como o da Deputación de Pontevedra, que está a impulsar a compostaxe comunitaria, a gran maioría de concellos carece de plans para a xestión dos residuos orgánicos urbáns.

A alternativa da agrocompostaxe para a xestión destes residuos está a ser promovida en España por un grupo operativo no que participan diversos colectivos do sector agrario e empresas, coma Calfensa Proyectos. O obxectivo final do grupo é impulsar experiencias piloto que amosen as posibilidades da agrocompostaxe en Galicia e no resto do Estado.

O sistema presenta vantaxes a nivel medioambiental e constitúe tamén unha oportunidade de xerar rendas complementarias no agro, segundo explica Alberte Momán, do departamento técnico de Calfensa. “Trataríase de que os agricultores interesados puidesen colaborar na xestión dos residuos orgánicos urbáns nun volume que tería que estar en función da superficie da que dispoñan. Recibirían lixo orgánico sen residuos impropios e procesaríano para obter compost, que ademais ten un uso de interese para as explotacións, pois representa unha aportación de materia orgánica ó solo”, destaca Alberte.

A proposta do grupo operativo é que as explotacións agrarias reciban un pago de entre 30 e 100 euros por tonelada, cunha escala de pagos descendente a medida que aumenta o volume de toneladas procesado por cada explotación.

En España, hai xa experiencias puntuais de agrocompostaxe en Madrid e Euskadi, se ben albíscase un gran potencial para o desenvolvemento deste sistema de xestión de residuos. “É unha alternativa que permite unha xestión local dos residuos orgánicos, evitando grandes desprazamentos, e que pode representar tamén un aforro para as arcas municipais”, valoran desde Calfensa, pois a agrocompostaxe tería sempre un custo inferior ou, ao sumo igual, que as actuais vías de eliminación do lixo.

Charla este mércores en Lugo
Co obxectivo de dar a coñecer as posibilidades da agrocompostaxe entre todas as persoas interesadas, Calfensa Proyectos desenvolverá unha charla este mércores 19 de setembro nas súas instalacións de Santa Comba, en Lugo (Estrada Lugo-Sarria, Km. 2), a partir das seis da tarde.

O evento ofrecerá información sobre cuestións coma os requerimentos que habería de equipos de manexo e de instalacións de recepción dos residuos orgánicos, en función do volume de lixo que queira xestionar cada produtor.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información