As 10 reclamacións de Galicia ante a reforma das axudas da PAC

A Consellería de Medio Rural reuniuse a pasada semana coas organizacións agrarias e cooperativas para acordar unha postura galega ante a reforma da PAC. Estas son as 10 demandas da Xunta de Galicia

Publicidade
As 10 reclamacións de Galicia ante a reforma das axudas da PAC

A Consellería de Medio Rural reuniuse a pasada semana coas organizacións agrarias e cooperativas para acordar unha postura galega ante a reforma da PAC. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez presentou un borrador, ao que o sector presentará as súas propostas ata o vindeiro martes, co obxectivo de que en setembro se traslade ao Ministerio de Agricultura unha postura común galega.

Estas son as 10 demandas que propón a Consellería de Medio Rural:

1) Non á renacionalización da PAC:
A Xunta rexeita calquera posibilidade de renacionalización da PAC. Para iso defende que o primeiro piar da PAC “debe financiarse exclusivamente con fondos europeos”. “En todo caso -engade o documento- para manter unha PAC coherente e común a Comisión debería establecer criterios iguais obrigatorios para todos os estados membros nas principais definicións”.

Neste sentido, a Consellería defende que “o transvasamento de fondos entre piares debe limitarse a un 10%, e non do 15% como establece a proposta de regulamento, e só autorizarse do primeiro ao segundo piar”.

2) Establecer un límite de axudas de 60.000 euros por explotación.
A Xunta considera excesivamente alta a proposta da Comisión de limitar o importe das axudas da PAC a 100.000 euros por explotación, preferindo un teito de 60.000 euros, sen descontar custos sociais e laborais dos traballadores alleos nin os correspondentes aos salarios relacionados coa actividade agraria dos titulares da explotación, debéndose realizar controis cruzados para impedir a subdivisión da explotación.

3) Favorecer o apoio á incorporación de xente nova, mediante a creación de sociedades nas que se incorporen de forma menos restritiva á actual. Débense de apoiar tamén as medidas de igualdade no rural.

4) A PAC debe incluír unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, así como para as pequenas explotacións.

5) Establecemento de medidas que permitan responder de forma rápida ás oscilacións de prezos dos produtos agrarios e dos factores produtivos como os pensos e a enerxía.

6) Obriga de establecer unha axuda redistributiva de forma que o importe das primeiras hectáreas sexa superior ao do resto, para garantir así o apoio ás pequenas e medianas explotacións cunha axuda íntegra, mentres que as explotacións de maior base territorial cobrarían menos por hectárea.

7) É necesario incrementar a proposta da Comisión, de modo que as axudas asociadas supoñan unha gran parte das axudas directas, destinadas aos agricultores e gandeiros con produción. Deben ter carácter nacional para evitar discriminacións e destinarse aos agricultores e gandeiros activos ou xenuínos.

8) A posta en marcha de forma obrigatoria dun sistema de asesoramento para os agricultores por parte dos Estados membros e de control de riscos valórase por parte da Xunta como unha medida adecuada, sempre que se asegure un razoable grao de apoio financeiro, incorpore asesoramento sobre as novas tecnoloxías e a adecuación a procesos produtivos e manteña unha orientación de cooperación entre o sector e os actores implicados.

9) O proxecto de regulamento da nova PAC proposto pola Comisión Europea propón unha diminución da porcentaxe de apoio europeo ao FEADER respecto do regulamento actual, pasando do 75% ao 43%, salvo nas zonas con limitacións naturais, onde será do 65%, o que obrigará a unha maior contribución de cada Estado e das Comunidades Autónomas no financiamento do tramo nacional.

10) É necesario acordar dentro do Plan Estratéxico a definición da figura do agricultor xenuíno, así como apoiar os dereitos históricos no novo pago disociado. Para establecer o seu valor deberíase ter en conta a referencia dos importes históricos das axudas directas que, como en cada reforma da PAC, sempre reflictan a realidade de cada rexión. Este sistema garantiría manter o actual nivel de apoio que está adaptado ás características propias de cada zona.

 

UPA propón que a PAC regule a cadea agroalimentaria para evitar crises e abusos

A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos propuxo que a futura PAC aborde unha verdadeira regulación do mercado agroalimentario para evitar crise nos sectores agrarios e abusos que afectan os consumidores.

UPA cre “moi necesario” avanzar en medidas de xestión de mercado máis eficaces que as existentes actualmente, que non serviron para evitar crises como a xerada polo veto ruso no sector da froita de óso ou a crise do sector lácteo.

“Hai que reforzar a capacidade de negociación dos produtores na cadea agroalimentaria “

“A Unión Europea e a Política Agraria Común non poden ser alleas á necesidade de establecer medidas de xestión de mercado que sirvan para facer viable un mercado xusto para todos os seus elos”, sinalaron desde UPA, “desde os produtores ata os consumidores”.

Os agricultores defenden que a PAC teña entre os seus obxectivos prioritarios o reequilibrio da cadea agroalimentaria, “definindo claramente as prácticas desleais e reforzando o peso das pequenas empresas agroalimentarias e da agricultura familiar”.

A clave é, afirman, reforzar o poder dos produtores no mercado, e por tanto, consideran que deben adoptarse “iniciativas valentes”, como reforzar a capacidade de negociación na cadea agroalimentaria dos produtores, para o que é necesario poder negociar, no seo das organizacións interprofesionais, as condicións dos contratos dos produtos agrarios.

Os produtores tamén cren que a nova PAC debe deixar “perfectamente establecida” a excepción ás normas de competencia en canto á posibilidade de que se poida establecer unha negociación colectiva para defender os intereses dos agricultores e gandeiros.

 

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información