“A Xunta trata ao sector ovino e caprino como a ovella negra da gandería en Galicia”

Entrevista a Luis Ceide Arias, vogal de OVICA e presidente de Vélaro S. Coop. Galega, a principal cooperativa de ovino e caprino de Galicia, fundada por gandeiros/as de OVICA en 2.011

“A Xunta trata ao sector ovino e caprino como a ovella negra da gandería en Galicia”

Luis Ceide Arias, nas instalación da granxa ecolóxica de ovino “A Armada”, que xestiona xunto coa súa muller Vanessa Diaz Mata (A Devesa, Friol-Lugo)

Luis Ceide, gandeiro de 42 anos de idade, sempre foi un namorado do rural. Luis foi criado na granxa familiar de ovino na parroquia de A Devesa, no concello lucense de Friol) onde a súa nai Ubaldina e o seu pai Sabino lle inculcaron dende moi cativo o respecto polo medio ambiente, pola tradición e a cultura agraria herdadas de xeración en xeración.

Hoxe en día xestiona a gandería familiar explotación ovina “A Armada”, certificada en ecolóxico, xunto coa súa esposa Vanessa, coa que lle trasmite estos mesmos valores aos seus dous fillos pequenos, e defende a través de OVICA, a Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia, a súa gran paixón pola gandería extensiva.

Foi no ano 2004 cando ingresaron en OVICA, e dende o primeiro momento se involucraron aportando as súas iniciativas e ideas a través da Xunta Directiva. Consideran que só a través do asociacionismo e do cooperativismo se poden emprender proxectos ambiciosos que permitan profesionalizar un sector tan sensible como estratéxico e ao mesmo tempo tan desprestixiado socialmente.

Cren dende o máis fondo convencemento, que este tipo de actividade gandeira baseada no pastoreo é a mellor opción para a sostenibilidade social, económica e ambiental do noso rural.

Luis, falemos da Cooperativa Vélaro, ¿cómo e cando se constituiu?
A creación da cooperativa sempre foi unha vella demanda do noso sector. Dende a constitución de OVICA no ano 1.994, os gandeiros e gandeiras entendiamos que a profesionalización do sector pasaba por comercializar e valorizar a excelente carne de cordeiro e cabrito que producimos en Galicia.

Deste xeito, en decembro de 2.011, un total de 59 socios de OVICA repartidos por todo o territorio galego decidimos fundar a Vélaro S. Coop. Galega. Optamos por ese nome, porque o “vélaro” fai mención á la dos cordeiros noviños, de curta idade, que era o fiel reflexo da ilusión e das gañas que depositamos na cooperativa nos seus primeiros pasos.

Hoxe en día, a cooperativa agrupa a case un centenar de produtores das 4 provincias, comprometidos en producir dun xeito sostible e en condicións idóneas de sanidade e benestar animal, unha carne de excelente calidade coa máxima seguridade alimentaria e trazabilidade en toda a cadea de distribución. Tamén contamos con produtores de leite e de queixos tan prestixiosos como O Rexo (Allariz), Touza Vella (Castro Caldelas), Cooperativa Caprina Galega (Chantada) e O Balido (Lalín).

¿Como foi a evolución durante estes anos de vida da cooperativa?
Os comezos sempre son difíciles, xa que calquera proxecto no que o asociacionismo e o cooperativismo debe aglutinar a todo un sector tan heteroxéneo e complexo como é o noso, constitúe un enorme reto a afrontar.

Tedes que ter en conta que en Galicia existen máis de 20.000 explotacións de ovino e cabrún, cunha media de 10 animais por granxa e na que a maior parte das mesmas son complemento doutras orientacións produtivas ou incluso doutras rendas de traballo dentro da unidade familiar.

Non se precisan grandes investimentos para iniciar este tipo de actividade gandeira e a posibilidade de complementación de ingresos agrarios é moi común entre os nosos asociados e cooperativistas.

¿Que tipo de produtos e servizos ofrecedes en Vélaro S.Coop.Galega?
Hoxe en día, a cooperativa está centrada na comercialización dos produtos dos cooperativistas, fundamentalmente carne de cordeiro e cabrito, pero tamén leite, queixo ou subprodutos como o a la como elemento na fabricación téxtil ou illante térmico e acústico en construción, o coiro para a fabricación de instrumentos musicais, o esterco usado como fertilizante en horta e flor, etc…

Tamén dispoñemos de venda de insumos agrícolas (penso, cereais, correctores minerais, forraxes, etc…), material gandeiro básico para as instalacións e para a protección fronte ao ataque do lobo (peches, mallas electrificadas móbiles, pastores eléctricos, etc…)

Igual que pasou con OVICA, cada vez son máis os servizos dos que dispoñen os socios a través da cooperativa, a cal recentemente acaba de ser recoñecida tamén como entidade de aconsellamento no RESAXEGA.

Ao que hai que engadir a tramitación da solicitude da PAC, a organización da campaña de tosquiado das ovellas con cuadrillas de esquiladores profesionais, tramitación de axudas paliativas e preventivas por ataque de lobo e fauna silvestre, recollida de gando de desvelle, oferta de cursos formativos en benestar animal, organización de xornadas técnicas formativas anuais, asesoramento e tramitación de axudas a mozos e mozas que desexan incorporarse á actividade agraria ou solicitar plans de mellora, etc…

Sentímonos afortunados, porque temos a gran sorte de contar nos últimos anos na plantilla da asociación e da cooperativa con enxeñeiros agrónomos, que son técnicos de gran valía e cun compromiso exemplar, que se consolidaron como un dos piares sobre os que se fundamentou o crecemento recente tanto en Ovica como en Vélaro.

Carne comercializada pola cooperativa Vélaro e co selo de Pastores de Galicia

Carne comercializada pola cooperativa Vélaro e co selo de Pastores de Galicia

¿Cal é o maior logro que resaltarías dentro de Vélaro Sociedade Cooperativa Galega?

A Cooperativa funciona de xeito asembleario, e nas Xuntas Directivas estamos representados gandeiros e gandeiras das catro provincias, tanto de ovino como de cabrún, de orientación cárnica ou leiteira ou transformación queixeira, persoas recén incorporadas con ilusión e moito que aportar e xente cunha gran traxectoria detrás, a punto da xubilación pero con moita experiencia acumulada que transmitir ás novas xeracións.

Esta gran capacidade de integración permitiu ao noso entender, o maior logro no sector nos últimos 20 anos, que foi a creación en decembro de 2015 da marca de garantía “Pastores de Galicia” para o cordeiro e cabrito producidos en Galicia.

A Xunta de Galicia aprobou o Regulamento de Uso e o prego de condicións, que recolle os métodos de crianza tradicionais en base a sistemas de manexo extensivos e semiextensivos, cunha alimentación diaria das ovellas ou cabras pastoreando libremente nos pastos ou mediante aproveitamento silvopastoril. A alimentación das crías realízase unicamente co leite materno e coa posibilidade de suplementar con herba seca, ou cereais cara o final do seu período de cebo.

Luis, agora falemos un pouco da situación global do sector. ¿Que preocupacións e necesidades xerais destacarías entre os produtores de ovino e cabrún de Galicia?

A vida do gandeiro é unha carreira de obstáculos. Cada vez é máis frecuente a percepción entre os poucos que quedamos no rural e que vivimos das nosas ovellas e cabras, que a administración nos abandonou.

A sensación maioritaria é que a Xunta trata ao sector ovino e caprino como a ovella negra da gandería en Galicia.

Do mesmo xeito que estamos moi satisfeitos de como se progresou a nivel interno no asociacionismo e cooperativismo, cunha oferta maior de servizos e de actividades, contrasta frontalmente co inmobilismo da Xunta de Galicia, tanto dende a Consellería de Medio Rural como a de Medio Ambiente.

¿A qué te refires? ¿Poderías concretar máis?
Temos moitos feitos nos últimos anos que así o corroboran. Por comezar, no pasado mes de xullo, a Consellería de Medio Rural convocou a unha xuntanza aos representantes do sector agrogandeiro galego, co obxectivo de buscar unha postura común ante a reforma das axudas da PAC.

Non entendemos moi ben cales foron os criterios que se tiveron en conta para levar adiante esta convocatoria, xa que nin sequera se nos pediu un informe sectorial previo para trasladar as nosas propostas, como única asociación que aglutina a todo o sector de ovino e cabrún de Galicia.

Un destes aspectos que desexabamos transmitir é a necesidade de protexer e defender os aproveitamentos silvopastorís a través do coeficiente de admisibilidade (CAP). En outubro de 2015 a Xunta de Galicia aplicou unha redución sobre a xustificación da admisibilidade dos pastos arbustivos (PR) e pastos sobre arboredo (PA) que afectou ao 85% de todo o territorio galego, de modo que unha gran parte da superficie que xestionaban os nosos gandeiros de ovino e caprino pasou a ter un coeficiente de admisibilidade (CAP) igual a cero, a pesar de que están a realizar unha excepcional labor ambiental de control biomasa do monte.

“Non sabemos se a Xunta vai penalizar os aproveitamentos silvopastorís nas axudas da PAC”

Isto supuxo que no cálculo da carga gandeira se producise unha descompensación e perdese o pago da liña de axudas agroambientais, e a axuda para zonas con limitacións naturais.

A raíz desta inxusta medida, en decembro de 2015 presentamos á Dirección de Gandería, Agricultura e Industrias, un informe en colaboración coa Plataforma española para o Pastoralismo e a Gandería Extensiva, na que defendemos este tipo de especies leñosas e arbustivas como base da alimentación do gando ovino e cabrún.

Paradóxicamente na recente publicada Lei Ómnibus, a Comisión Europea recoñece a singularidade deste aproveitamento con pastoreo, e suprime a obriga da consolidación herbácea.

Sen embargo, non temos claro que se vaia a aplicar dende esta mesma campaña 2018, xa que no pasado mes de abril solicitamos mediante escrito dirixido ao FOGGA a servizos centrais en Santiago de Compostela, que se nos informase dos criterios de aplicación da nova normativa e se impartise unha xornada formativa aos nosos técnicos para que nos puidesen trasladar a información durante a tramitación das solicitudes unificadas da PAC, pero non recibimos contestación e seguimos agardando a que se nos de resposta.

É indispensable ademais recuperar o programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Man Común, que estivo operativo entre o ano 1984 e o 2015, e que contribuíu ao desenvolvemento rural nas zonas nas que implantaron, dun xeito estable e duradeiro.

 “É indispensable recuperar o programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Man Común”

En relación tamén coas axudas da PAC, os gandeiros de ovino e de cabrún somos os únicos perceptores de axudas acopladas aos que se nos comunicou o motivo das denegacións das axudas acopladas por produción de ovino e cabrún das campañas 2015, 2016, e 2017.

Temos detectado varios casos nos que si realizaron movementos do 60%, dispoñen das guías de transporte finalizadas no matadoiro e das pertinentes facturas e non se lles informou sobre o motivo da denegación da axuda.

Outra promesa incumprida co sector foi a realizada pola propia conselleira, cando asegurou que os gandeiros que así o solicitasen poderían establecer o pastoreo nas zonas queimadas pola devastadora vaga de lumes de outono de 2017, que unida ás extremas condicións de seca deixou sen posibilidade de alimento a moitas ganderías espalladas por todo o territorio.

Ese mesmo día OVICA trasladou ao Parlamento de Galicia as necesidades do sector na Comisión Especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal. Podemos constatar unha vez revisado o informe de conclusións, que non se plasmou ningunha das propostas trasladadas á Comisión en accións a implantar a curto prazo máis aló que meras declaracións de intencións.

“A conselleira incumpriu a súa promesa de que os gandeiros poderían pastorear sobre a superficie queimada”

Non coñecemos a ningún gandeiro dentro dos nosos asociados que se lle comunicara formalmente a autorización para poder pastorear sobre esa superficie queimada.

De feito, dende a Delegación Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Rural se informou verbalmente a algunha comunidade de montes veciñais afectada polo lume que tiñan prohibida a introdución nesa zona queimada ata o 1 de xaneiro de 2021, seguindo a normativa vixente.

Na Comisión solicitamos a supresión da prohibición de pastoreo nos terreos queimados nos dous anos sucesivos ao lume cando se produce por causas alleas ao propio gandeiro e tendo en conta as excepcionais condicións de seca con escaseza de alimento para o gando e a posibilidade de declarar esa superficie na PAC sempre que se continúe a traballar e manter, para evitar que o gandeiro se vexa dobremente damnificado.

Debe modificarse a lei para dar acollida a esta demanda de primeira necesidade. A lexislación actual só conduce ao abandono desa terra. Se os gandeiros que quedaron sen alimento e coa maior parte da superficie queimada ou afectada non poden pastorear no inverno, a explotación gandeira está condenada ao seu peche.

 “Nos últimos 3 anos déronse de alta en OVICA 65 novos gandeiros, moitos deles neorurais”

Vanessa co rabaño que posúe xunto con Luis Ceide

Vanessa co rabaño que posúe xunto con Luis Ceide

Tedes importantes atrancos detectados. Pero a nivel sectorial ¿seguides medrando ano a ano?
No ano 2016 decidimos organizar todos os anos unha xornada formativa específica para a xente que desexa incorporarse ao rural.

Inclúe ademais dunha parte teórica, unha sesión práctica de tarde coa visita a 2-3 granxas que a valoran moi positivamente, xa que na maioría dos casos nunca tiveron ningún contacto cos animais, nin traballaron previamente en ningunha explotación gandeira. De feito, este ano estiveron visitando a granxa, as instalacións e as parcelas que xestionamos, para que se fagan unha idea do que se van atopar unha vez se incorporen.

Nos últimos 3 anos déronse de alta en OVICA 65 novos gandeiros, nalgúns casos motivados polo relevo xeracional ao fronte da granxa familiar, pero na maioría dos casos trátase de xente moza que procede do ámbito urbano das cidades que desexan emprender un novo modelo de vida no rural.

Tratamos de suplir o papel que debería realizar a administración e de paliar o déficit en formación que reciben dende a Xunta de Galicia.

“Levamos anos pelexando para que a Xunta implante unha Escola de Pastores”

Nos últimos anos levamos pelexando pola implantación dunha Escola de Pastores nalgún dos centros de capacitación agraria trasladando á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal propostas para satisfacer a demanda existente, que cando menos sería suficiente para organizar unha promoción anual, cun curso específico de 250 horas, acompañado de prácticas en explotacións gandeiras reais que sexan o máis proveitosas para o seu futuro laboral.

De feito, puxemos a disposición da Consellería de Medio Rural os recursos materiais e humanos (técnicos e veterinarios con experiencia no sector e ampla traxectoria en OVICA e na ADS-G Acivo) para facilitar a coordinación e elaboración da guía docente, e a programación dos cursos, incluíndo tamén a posibilidade de realizar prácticas en ganderías dos nosos asociados, tanto de ovino e cabrún, como de leite ou de carne. Pero desgraciadamente foi rexeitada en repetidas ocasións ao non considerala necesaria.

De feito, os rapaces que se incorporaron nos últimos anos están moi preocupados porque na maioría dos casos optaron pola elección dun novo modelo de teleformación, que está dispoñible dende a convocatoria do ano 2017 e que permite realizar as 250 horas de formación, necesarias para acreditar a formación que especifica a orde de axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrarias.

A Orde de axudas obriga a ter finalizada a formación aos 36 meses de realizar a incorporación efectiva. Pero, a Xunta está ofertando polo de agora só 5 dos 8 módulos no formato de teleformación, esixidos na orde de axudas.

Estase a producir un “efecto embudo” que pode ocasionar a perda e devolución da axuda senón se cumpren cos requisitos marcados na mesma de acreditación da formación aos 36 meses desde a súa incorporación.

Esta situación ademais conleva que non se lles conceda a condición de explotación prioritaria, polo que deixan de percibir a axuda destinada ás zonas con limitacións naturais a pesar de ser un colectivo especialmente vulnerable.

Son moitos os compañeiros que demandan á Xunta cursos para aprender a manexar as ferramentas informáticas como a propia Oficina Agraria Virtual ou a plataforma telemática da sede electrónica e non se está a ofertar máis que un par deles anuais para toda Galicia, o cal é manifestamente insuficiente.

 “Hai un exceso de carga burocrática que leva a socios de OVICA a renunciar a axudas porque é imposible xustificalas”

Ademais, moitos deles carecen da suficiente cobertura datos nas redes de comunicación, para poder establecer unha mínima conexión a internet e teñen que desprazarse igualmente ata finalmente rematan por acudir ás oficinas agrarias comarcais (OACs), cada vez dotadas de menos persoal, ou ata a nosa oficina de OVICA para realizar estes trámites administrativos.

Tamén sodes críticos co exceso de carga burocrática para os gandeiros. ¿Como vos afecta no caso concreto de OVICA?
A excesiva carga administrativa que se nos impón desde a Xunta está detrás de situacións tan contraditorias, como o feito que moitos gandeiros de OVICA que solicitan axudas rematen por renunciar a elas pola imposibilidade de xustificalas en tempo e forma.

Os exemplos son múltiples. Así, na axuda extraordinaria polos danos dos lumes de outono de 2017, comunicáronse recentemente en agosto as aprobacións, uns dez meses máis tarde do sinistro e deben ter xustificada a compra dos bens e equipamentos aprobados na comunicación, antes de mediados de novembro, o cal se converte nunha carreira contrarreloxo.

Na axuda extraordinaria para paliar as extremas condicións de seca do 2017 e subministro de auga ás ganderías foron convocadas con certo atraso, finalizando o ano, case simultáneamente coas anteriores. Esta liña foi un despropósito dende un principio, xa que non permitía xustificar investimentos que fosen realizados nese mesmo ano da seca, previa á publicación da orde no DOG, polo que moitos dos nosos compañeiros que se viron obrigados á compra dese material (bebedeiros) ou a execución de pozos e captacións con anterioridade á publicación de outubro, non a puideron xustificar.

Chegamos á situación en que debido á gran cantidade de peticionarios, só se aprobou un 25% do total do importe da solicitude, pero finalmente remataron por renunciar ante a imposibilidade de obter a licencia administrativa na data imposta pola orde de axudas.

Por último, no caso das axudas para os investimentos nas explotacións (incorporacións e plans de mellora) todos os anos existe un importante número de solicitantes que teñen que renunciar novamente á axuda pola imposibilidade de xustificar a concesión da licencia administrativa pertinente debido ao reducido marxe de tempo dende que se convocan en marzo-abril e ata mediados de setembro en que se debe contar con toda a documentación.

“Nos plans de mellora e incorporacións debe fixarse de inicio un período máis amplo, ou senón tratar de convocar a orde de axudas nos primeiros dous meses do ano”

Debe fixarse de inicio un período máis amplo, ou senón tratar de convocar a orde de axudas nos primeiros dous meses do ano.

Tamén se lle deu traslado á Consellería de Medio Rural de iniciativas necesarias para o sector como a convocatoria dun curso específico para a capacitación de esquiladores profesionais de ovellas, mediante a emisión dun título homologado e carnet que remate co intrusismo que atopamos ano tras ano coas cuadrillas de traballadores ilegais, sen a formación necesaria e sen estar dados de alta na seguridade social.

Tamén foi rexeitada a proposición de fomentar un proxecto de desenvolvemento rural para a recuperación de obradores tradicionais para o fiado da la e a creación dun módulo formativo de recuperación desta labor tradicional, moi vencellada ao rural do noso país.

E en relación cos ataques de lobo en explotacións de ovino e cabrún ¿Cal é a situación agora mesmo? ¿Que opinades da recente polémica suscitada coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural pola non convocatoria neste 2018 da Orde de axudas para métodos preventivos?
A situación actual é crítica. É a primeira vez que constatamos o peche de ganderías de ovino e cabrún, motivado por continuos ataques recorrentes de mandas de lobos en zonas tan diversas como Becerreá, Cotobade, Guitiriz, Muras, O Irixo ou Vilasantar.

Os datos recopilados polos nosos técnicos confirman que os ataques de lobo provocaron o peche dun 7 % do total de gandarías de ovino e cabrún existentes na asociación. O atraso no pago das axudas paliativas polos ataques de lobo e a mala xestión administrativa na orde de axudas preventivas agudiza aínda máis esta situación.

No ano 2014, as camadas de lobos censadas en Galicia mataron 1.466 cabezas de gando, cifra que se incrementou ata 2.379 no 2017 (1.288 ovellas e 242 cabras). Polo tanto, o incremento nestes 3 últimos anos é do 62 %.

“Os ataques de lobo provocaron o peche dun 7 % do total de gandarías de ovino e cabrún existentes na asociación”

A inmensa maioría dos gandeiros creemos na coexistencia pacífica co lobo, de feito por ese motivo somos membros fundadores do grupo O-Xan (Grupo de Opinión a Xestión do Lobo en Galicia), onde estamos representados todos os axentes implicados.

Curiosamente, quen rexeitou participar e aportar ideas e solucións ao conflito é a propia Consellería de Medio Ambiente, que ademais é a responsable última da xestión do lobo e da fauna silvestre en Galicia.

Polo que sempre nos vemos obrigados a solicitar unha reunión coa Directora Xeral de Patrimonio Natural para trasladarlle ás demandas de todos os colectivos implicados, aprobadas previamente por maioría nas reunións realizadas.

¿Cales son as peticións concretas de OVICA para xestionar a convivencia do lobo co gando en Galicia?

As últimas medidas consensuadas foron:

– Actualizar á alza os prezos das indemnizacións das axudas paliativas no gando ovino e cabrún, que levan sen tocarse nos últimos 10 anos, xa que non se está tendo en conta o lucro cesante dos animais mortos polos ataques na gandería.

-Inclusión dun criterio que priorice positivamente aos mozos menores de 40 anos que soliciten a axuda para instalación de métodos preventivos.

– O establecemento dun protocolo de asesoramento para aquelas situacións nas que se produce unha serie de ataques reiterados, incluso cando temos constatado o emprego de métodos preventivos axeitados.

Necesitamos axuda da Consellería de Medio Ambiente, xa que dende a asociación nos vemos desbordados para asesorar sobre todos os ataques que sufrimos a diario: É rara a semana que non hai 2-3 ataques a rabaños de socios, tanto de ovino como de cabrún.

Neste sentido, non acabamos de entender como a pesar desta elevada incidencia, a Consellería de Medio Ambiente decidiu unilateralmente non convocar as axudas para instalacións de métodos preventivos neste 2018, ademais tendo en conta que no 2017 non se chegou a cubrir un terzo das peticións dos solicitantes.

 “Non se entende que a Consellería de Medio Ambiente non convoque as axudas para instalacións de métodos preventivos neste 2018”

É imprescindible blindar esta liña de axudas, é necesario incidir na necesidade de implementar os métodos preventivos nas nosas ganderías.

De feito, detectamos varios erros na tramitación administrativa na convocatoria de 2016. En concreto, dous expedientes de socios de A Pastoriza e A Pontenova foron traspapelados, de forma que aínda cando tiñan dereito á axuda a día de hoxe aínda non se lles fixo a comunicación de aprobación e se procedeu ao pago.

Nós somos parte da sociedade e queremos que siga existindo o lobo, pero non queremos asumir todo o custe que supón. O lobo é parte da nosa tradición e da cultura galegas, pero se todos estamos de acordo en que debe ser protexido, os pastores e as nosas ganderías deben ser respaldadas pola sociedade a través das políticas dos nosos xestores políticos.

Non queremos converternos na seguinte especie en perigo de extinción, e o feito de non convocar as axudas preventivas non fai máis que afogar se cabe aos gandeiros.

O sistema de pago das axudas paliativas debería ser máis áxil, e non ir máis aló dos 3 meses dende a data en que se produciu o dano. E tampouco debe esixirse ao gandeiro volver presentar a solicitude novamente cando non chega o orzamento da presente orde de axudas e dende a Consellería de Medio Ambiente te obrigan a volver a presentar toda a documentación coa solicitude novamente para vinculalo ao novo orzamento da seguinte orde de axudas, cando debería ser executado directamente pola propia administración.

O que está ocasionando é que na maioría dos casos, cando se producen mortes de menos de 3 ovellas ou cabras, que son a maioría, optemos por non solicitar a axuda, xa que os custes asociados e o tempo propio para a súa tramitación non compensa.

Vista tamén a non convocatoria de axudas preventivas, e que en outras comunidades autónomas como a Consellería de Fomento e Medio Ambiente de Castela-León se aprobou o incremento da indemnización a un prezo xusto que oscila arredor dos 300 euros por ovino, dende OVICA estamos valorando a posibilidade de reclamar por vía xudicial para que os danos reais sexan tidos en conta e resarcidos (hai que ter en conta que os animais desaparecidos e os abortos das ovellas e cabras preñadas non se abonan dentro da liña de axudas paliativas por ataques en Galicia). Comunidades autónomas como a de Madrid ou a de Castela-A Mancha teñen sentencias favorables ao resarcimento dun pago xusto polas ovellas e cabras mortas, desaparecidas e abortadas.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información