A Xunta confía en que a comezos de 2017 Galicia sexa declarada rexión indemne á brucelose bovina

A Xunta confía en que a comezos de 2017 Galicia sexa declarada rexión indemne á brucelose bovina

Gandería de vacún de carne

A Xunta destinará en 2017 un total de 7,7 millóns de euros a financiar as campañas de saneamento do gando e outras medidas sanitarias relacionadas coa cabana gandeira galega. O Goberno galego aprobou no Consello da Xunta deste xoves esta medida, que persegue manter a cualificación sanitaria das explotacións gandeiras, así como o desenvolvemento de diferentes plans de vixilancia de enfermidades e de medidas de limpeza e desinfección das granxas en que se detectan animais enfermos e dos vehículos de transporte das reses. Estes fondos destinaranse, ademais, a sufragar o plan de control en relación coa vespa velutina.

Con estas actuacións establécense os mecanismos para desenvolver correctamente os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais, a execución dalgúns plans de vixilancia destas doenzas, a xestión dos centros de limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de gando por estrada e o devandito Programa de vixilancia e control da vespa velutina en Galicia.

A Xunta márcase como obxectivo que Galicia sexa declarada rexión indemne á tuberculose bovina en 2021

Ademais, tras a declaración de Galicia como rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa, o obxectivo da Consellería é que a comunidade sexa declarada canto antes rexión oficialmente indemne de tuberculose bovina e brucelose bovina. Estas medidas teñen como finalidade a cualificación sanitaria das explotacións, segundo o establecido na normativa nacional e comunitaria, asegurando o mantemento do estatus sanitario de Galicia e a comercialización sen trabas dos produtos de orixe animal.

Neste sentido, ao longo do 2015 controláronse máis de 33.000 explotacións e revisáronse preto de 835.000 reses dentro do programa de erradicación da tuberculose bovina, confirmándose a tendencia de descenso de prevalencia desta doenza. “De continuar esta evolución positiva, a nosa comunidade podería ser declarada oficialmente indemne desta enfermidade no horizonte do 2021”, aseguran dende a Consellería.

No que atinxe á brucelose bovina, en 2015 controláronse máis de 32.000 explotacións en Galicia e unhas 680.000 reses, confirmándose por sexto ano consecutivo a ausencia de granxas positivas a esta doenza, “polo que a nosa comunidade continúa no cómputo de prazos cara á declaración de rexión oficialmente indemne da enfermidade, que mesmo podería producirse a comezos de 2017”.

Outras actuacións desenvolvidas en 2015 foron o control de preto de 8.000 explotacións e case 80.000 reses para o seguimento da brucelose ovina e cabrúa.

No que atinxe á vespa velutina, a retirada ou inactivación de 5.045 niños (neste 2016 o número ascende a 8.194). Tamén en 2015 se realizaron un total de 8.502 servizos de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando nos 13 centros que xestiona a Consellería do Medio Rural no territorio galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información