Ternera Gallega medra no campo e consolida mercados

A Indicación Xeográfica Protexida aumentou un 6% o número de animais rexistrados no 2017, así como as explotacións gandeiras inscritas. Vaca e Boi de Galicia, que arrincou en xullo, xa superou os 5.000 animais identificados

Publicidade
Ternera Gallega medra no campo e consolida mercados

Acto de presentación de pezas despezadas de 'Vaca e Boi de Galicia', coa conselleira e o presidente da IXP.

O balance de Ternera Gallega do 2017 mantén a liña de crecemento de anteriores anos. Nun contexto de perda de efectivos agrarios e despoboamento no rural, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP`) continúa medrando en explotacións inscritas, que son 8.249, un cento máis que hai un ano. Tamén aumentou en gando inscrito un 6%, ata superar as 133.000 cabezas, e consolidou as súas cifras no mercado español, así como a presenza en Alemania.

Animais e canais
En gando identificado, a IXP marcou 73.000 animais de Ternera Gallega Suprema, unha cifra similar ó ano anterior, e 60.000 de Ternera Gallega, cun aumento duns 7.000 becerros en relación ó 2016. “Todo apunta a que os cebadoiros, que viñan duns anos de estancamento, recuperaron produción no 2017. Tamén é probable que parte dos animais de Ternera Gallega correspondan a explotacións tradicionais nas que houbo becerros que deixaron de mamar antes dos 7 meses, co cal non puideron aspirar á calificación de Suprema”, detallou o presidente do Consello Regulador das Carnes de Vacún de Galicia, Jesús González.

O número de canais comercializadas polas industrias adscritas á Indicación tamén aumentou no 2017, superando as 94.000 canais. Este ano constatouse unha lixeira reducción do peso medio das canais, que pasou de 220,5 quilos a 219. “Tivemos un ano seco e quizais a alimentación en campo foi máis xusta que outras campañas. En calquera caso, o obxectivo de Ternera Gallega non é medrar en peso, senón manter unha tipoloxía de canal acorde coas demandas do mercado. Para a IXP, non é mala cousa que o peso non aumente”, valora Jesús González.

Distribución
En canto a distribución comercial, Ternera Gallega mantén en España 1.349 establecementos con imaxe corporativa identificativa. A Indicación Xeográfica conta cunha cota de mercado da carne con IXP do 55% a nivel estatal, sendo unha das denominacións de referencia a nivel europeo.

Un 44% do consumo da IXP está en Galicia, un 53% no resto de España e un 3% no estranxeiro, unha cota que gaña peso de xeito progresivo. Se hai uns anos, as vendas ó exterior limitábanse a norte de Portugal e Andorra, na actualidade hai xa unha distribución consolidada en Alemania, con medio cento de establecementos que fan pedidos regulares de Ternera Gallega.

Prezos
Os prezos das canais en primeira venda fluctuaron pouco ao longo de todo o ano, mantendo números similares a 2016. Nun animal medio tipo, os prezos oscilaron ó longo do ano entre 4,42 e 4,60 euros o quilo canal. Os mellores valores déronse no verán e outono, en tanto o final do inverno e a primavera rexistraron unha baixada de prezos.

O presidente do Consello Regulador lembrou a importancia dunha regularización produtiva das explotacións, cun suministro repartido ao longo de todo o ano, un asunto no que a IXP traballa desde hai tempo, aínda que sen especial éxito. “Hai meses en que metemos no mercado 14.000 becerros e outros meses 8.000. Esa diferenza dificulta chegar a acordos estables coa distribución, con cifras concretas, e perxudica ó prezo medio dos animais”, incidiu González.

Promoción
No balance do 2017, o Consello Regulador incidiu tamén nas accións promocionais desenvoltas, con especial atención ás redes sociais e á posta en marcha dunha canle de Youtube, a ‘Escola de Cociña de Ternera Gallega’. Tamén se desenvolveron accións promocionais inversas con cadeas de distribución nacionais e internacionais e chegouse a un acordo de patrocinio co triatleta galego Javier Gómez Noya.

O acto pechouse coa intervención da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que salientou a importancia de que o sector de vacún de carne se manteña organizado en torno a Ternera Gallega como vía para “enfrontar dificultades e gañar en estabilidade”.

Primeira degustación de Vaca e Boi de Galicia

vaca e boi degustacion vertical

A presentación do balance 2017 de Ternera Gallega acompañouse da posta de longo da outra IXP de vacún galego, a de Vaca e Boi de Galicia, da que se realizou hoxe a primeira degustación, con presenza de industrias, gandeiros, representantes institucionais e medios de comunicación.

A carne da IXP Vaca e Boi de Galicia comeza agora a saír ó mercado, logo de que o pasado 9 de febreiro se certificasen as primeiras canais da Indicación. A nova IXP Vaca e Boi de Galicia púxose en marcha o pasado mes de xullo e desde aquela xa se inscribiron 265 explotacións, con outras 100 en proceso de sumarse ó selo. Hai 5.091 animais inscritos, unha cifra que medra día a día, dos que 4.992 son vacas e 99 bois. “O mercado de bois é minoritario pero ten potencial de crecemento e hai explotacións interesadas na cría de bois”, destaca Jesús González.

Polo de agora, certificáronse en matadoiro 19 canales de vaca, cun peso medio superior ós 400 quilos canal, o que fala de animais ben engordados e con boa conformación. No medio prazo, a perspectiva pasa por superar as 20.000 canais certificadas ó ano.

A IXP Vaca e Boi de Galicia aspira a introducir maior transparencia no mercado, erradicando o uso fraudulento das referencias sen acreditar a carne galega, así como identificando claramente cando a carne se trata de boi e cando de vaca.

Faixiñas de vaca galega.

Faixiñas de vaca galega.

Acto
Arredor de 80 persoas asistiron hoxe en Santiago a un menú degustación que contou con 7 pratos de vaca de Galicia elaborados por tres cociñeiros especialistas en carne de vacún: Flavio Morganti, do restaurante Galileo, de Ourense; Héctor López, do restaurante España (Lugo), e Javier Rodríguez Ponte (Taky), responsable da canle de Youtube ‘Escola de Cociña de Ternera Gallega’.

Os pratos, nos que se incluiron todo tipo de cortes da canal, foron os seguintes: steak tartar de Vaca galega (elaborado con solombo, punta de contra ou rabiño de croca), bombón de Vaca galega (con croca e babilla ou corte redondo), vaca galega en Tataki (con croca), faixiña de agulla de vaca galega selección (con agulla), ravioli de cabaza recheo de vaca galega (con agulla ou xarrete), espaldiña de vaca galega e chuletón de vaca galega á grella (chuleteiro ou lombo).

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información