Suba nos becerros de recría e baixada do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola tendencia á alza das cotizacións dos becerros de recría mentres que no vacún maior baixaron os prezos. Houbo tamén subas no porco cebado

Suba nos becerros de recría e baixada do vacún maior en Silleda

Logo de dúas semanas cunha afluencia máis baixa, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca volveu contar este martes con máis de 700 becerros de recría.

A de hoxe foi a última sesión que se celebre con normalidade ata o vindeiro 18 de xuño, xa que o próximo martes, día 4, suspéndese o mercado pola celebración da Semana Verde, que ten lugar do 6 ó 9 de xuño no recinto feiral de Silleda. Tamén se verá afectada a poxa do martes 11 que contará só con becerros de recría. Para esa sesión, a apertura de portas da recpección de animais será a partir das 20.00 horas do luns 10.

Na xornada deste martes mantivéronse as subas para boa parte das categorías dos becerros, tanto de raza frisón como de cruce industrial, agás para as seccións máis numerosas de ámbalas razas, que experimentaron unha baixada dos prezos.

Pola súa banda, o vacún maior baixa en tódalas categorías. Mentres, o porco cebado sube e mantéñense sen variacións tanto os leitóns como os ovos.

En concreto, nos becerros de recría de raza Frisoa, a tendencia xeral foi á alza, a excepción dos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, e a única onde se produciu unha baixada dos prezos, situándose en 141 euros, 9 menos ca na lonxa pasada. Mentres, o resto de categorías desta raza rexistraron subas. Nos becerros de menos de 20 días, o incremento foi de 2 euros e o prezo medio situouse nos 124 euros. No caso dos animais de máis de 50 días a suba foi de 12 euros e acadaron os 165 euros de media.

Unha situación parella produciuse nos becerros de Cruce Industrial. Así, a única baixada rexistrouse na categoría de 21 a 50 días, onde o prezo medio dos animais foi de 337 euros, 13 menos ca na anterior sesión. Pola contra, os animais con menos de 20 días pagáronse 7 euros máis ca semana pasada, nun prezo de 306 euros. Tamén os tenreiros de máis de 50 días se pagaron máis nesta feira e acadaron os 444 euros, 36 euros máis.

Os becerros carniceiros de cruzamento industrial rexistraron esta semana unha suba do prezo nos machos, acadando unha media de 901 euros por animal, 21 euros máis ca semana anterior. As femias, pola contra, baixaron ata os 766 euros de media, 12 euros menos que a pasada sesión.

Baixada do vacún maior

Por segunda semana consecutiva, o vacún maior rexistrou nesta sesión unha nova baixada dos prezos, que foi xeralizada en tódalas categorías. A baixada máis moderada foi nas vacas de segunda –a sección con máis afluencia-, onde o prezo medio se situou nos 717 euros, 4 menos ca na anterior feira.

O prezo medio das vacas de primeira categoría foi de 1.081 euros logo de baixar 9 euros con respecto á pasada sesión. Tamén as vacas de desvelle se pagaron menos, cun prezo medio de 490 euros fronte ós 496 euros da semana anterior.

Central-agropecuaria-Silleda-28_05_2019-vacun-

Suba do porco cebado

En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou subir os prezos en case tódalas categorías, agás na de desvelle que se mantén sen cambios con respecto á semana anterior. Así, o selecto e o normal quedan nos 1,455 e 1,430 euros o quilo, respectivamente logo se subir 0,010 euros cada un. Na categoría de Canle II o prezo acada os 1,875 euros o quilo, tras un incremento de 0,013 euros. En canto á categoría de desvelle, a única sen cambios, continúa nun intervalo de entre 0,72 e 0,78 euros o quilo.

Os prezos do leitón mantivéronse de novo sen cambios esta semana. Así, a cotización do bacoriño medio de 20 quilos queda nos 65,5 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 70,5 euros para os dunha única granxa. O prezo por quilo sitúase en 3,275 e 3,525 euros respectivamente.

No referido ós ovos, tampouco houbo variacións. A categoría XL mantense nos 1,33 euros a ducia, a L sitúase nos 0,99 euros, a M nos 0,96 euros e a S queda nos 0,81 euros. A galiña de desvelle mantense nun intervalo de entre 0,10 e 0,18 euros o quilo.

Por último, o coello na Lonxa de Madrid continúa cun prezo de 1,85 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Silleda-28_05_2019-porcino-

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información