Suba do gando vacún en Silleda pola menor afluencia

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola menor afluencia de gando, o que favoreceu unha suba dos prezos dos becerros de recría e do vacún maior. Suba tamén no porco cebado, sen cambios nos leitóns e baixada dos ovos

Suba do gando vacún en Silleda pola menor afluencia

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou esta mañá unha asistencia de reses inferior á habitual debido, segundo os operadores que acoden á poxa, a que os gandeiros están a realizar labores de ensilado para aproveitar o bo tempo. Así, os gandeiros pospuxeron a tramitación dos documentos dos animais e o seu envío á Central para atender ás labores agrícolas.

Esta menor afluencia de gando favoreceu unha suba dos prezos dos becerros de recría e do vacún maior. Suba tamén no porco cebado, sen cambios nos leitóns e baixada dos ovos.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, subiron os prezos en case todas as categorías. Deste xeito, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo subiu ata os 139 euros por xato, 4 máis que a pasada semana. Nos becerros de menos de 20 días o prezo medio tamén subiu ata os 124 euros de media por animal, 8 máis que o pasado martes. A excepción foi na categoría de máis de 50 días, onde o prezo medio baixou ata os 159 euros por animal, fronte aos 166 do pasado martes.

Nos becerros de cruzamento industrial a tendencia xeral foi tamén á alza, pero con excepcións. Así, nos xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, os prezos situáronse nos machos en 321 euros, 4 menos ca na sesión anterior. Nas femias, pola contra, subiron 14 euros de media quedando nun promedio de 222 euros por becerra. Nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos subiu ata os 281 euros por animal, fronte aos 252 da última poxa. Por último, nos becerros de máis de 50 días, os machos tamén se revalorizaron e cotizáronse a unha media de 476 euros por animal, fronte aos 464 da sesión anterior. As femias tamén subiron ata os 347 euros de media, fronte aos 311 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha baixada do prezo nos machos, quedando nunha media de 840 euros por animal, 47 menos que a semana pasada. As femias tamén baixaron lixeiramente de prezo ata os 809 euros de media, fronte aos 813 do pasado martes.

Suba no vacún maior

No que atinxe ó vacún maior, houbo unha suba xeral de prezo en case todas as categorías. Así, na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios quedaron en 732 euros por animal, 19 máis que o martes pasado. Porén, na categoría de desvelle quedaron nunha media de 465 euros por animal, fronte aos 470 da semana pasada. E nas vacas de primeira os prezos baixaron ata os 1101 euros de media, 2 menos que na anterior poxa.

silleda_19_maio_4vacun

Suba do porco cebado, sen cambios nos leitóns e baixada nos ovos

En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou subir prezos en todas as categorías. Así, o selecto e o normal soben 0,015 euros e quedan nos 1,425 e 1,400 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II sobe 0,019 e acada os 1,818 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle tamén sobe,neste caso 0,10 euros, e queda nun intervalo de entre 0,71 e 0,77 euros o quilo.

Polo que respecta ao leitón, a mesa de prezos acordou manter as cotizacións da semana pasada. Así, a cotización do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 65,5 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 70,5 euros para os dunha única granxa. O prezo por kilo sitúase en 3,275 e 3,525 euros respectivamente.

No referido ós ovos, a mesa de prezos acordou unha baixada xeral das cotizacións. Así a categoría XL, a M e a S baixan 0,02 euros e quedan nos 1,33 euros, 0,96 e 0,81 euros a ducia, respectivamente. Para a L a baixada acordada é de 0,03 euros e queda a ducia nos 0,99 euros.

A galiña de desvelle baixa tamén 0,01 euros e queda nun intervalo de entre 0,11 e 0,19 euros o quilo.

Por ultimo, o coello na Lonxa de Madrid mantense o quilo nos 1,85 euros.

silleda_19_maio_4porcino

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información