“Se o Goberno non regula a cadea de valor e establece axudas pecharán moitas granxas de coello”

Entrevista a Xosé Luis Santaclara, representante dos produtores de coello de COAG en Intercun, a interprofesional do sector. Denuncia que os produtores levan máis dun ano perdendo cartos

“Se o Goberno non regula a cadea de valor e establece axudas pecharán moitas granxas de coello”

Xosé Luis Santaclara

Corren malos tempos para as granxas de coellos tanto en Galicia como en toda España. O sector arrastra máis dun ano con prezos anormalmente baixos, no entorno dos 1,50 euros o kilo, bastante por debaixo duns custos de produción que se sitúan en arredor de 1,85 euros/kg.

Moitas explotacións resístense a pechar porque hai que seguir pagando os préstamos, xa que só para unha granxa nova con 1.000 coellas o investimento pode achegarse aos 400.000 euros. En Galicia hai arredor dunhas 300 explotacións, das que dependen miles de empregos directos e indirectos, e é a segunda autonomía en produción cunícola do Estado español, despois de Cataluña, e seguida de preto por Castela e León.

O mercado repártase entre tres grandes matadoiros que presionan aos produtores cara un modelo de integración: COGAL, a cooperativa galega con sede en Rodeiro, que controla máis do 50% da produción en Galicia e é o segundo en España; o Grupo Hermi, un matadoiro de Valladolid que se está expandindo por toda a Península e que lidera o mercado español, co 25% da produción, e Cunicarn, unha empresa catalá que ocupa a terceira posición.

Xosé Luis Santaclara, produtor cunha granxa en Moaña, é o secretario da cooperativa Cunigalicia que agrupa aos poucos produtores de coellos independentes que quedan na actualidade. É membro do Sindicato Labrego Galego e, dende hai uns meses, tamén responsable do sector cunícola de COAG e representante en Intercun, a interprofesional do sector a nivel de Estado.

¿A que se debe esta crise de prezos da carne de coello?
É unha crise estrutural. O problema é que na cadea de valor a gran distribución é a que manda e marca os prezos a costa dos produtores.

A outra razón é a profunda reestruturación que está vivindo o sector, que se foi aprazando estes anos debido aos prezos altos da pel de coello. Esta reestruturación vai supor o control das granxas por parte dos grandes matadoiros vía integración, a través de COGAL, pero sobre todo de HERMI que controla o 24% da produción de carne de coello de España, con preto de 250.000 canles á semana, e que se está expandindo e controlando o mercado.

 “No sector do coello hai un control férreo dos produtores por parte dos matadoiros e a Cunigalicia queren quitarnos do mercado”

En Galicia temos o problema engadido de que temos aquí matadoiros dos principais grupos e tamén os temos en Portugal, o que fai que haxa un control férreo do coello galego e portugués por parte das grandes integradores.

Cunigalicia é unha asociación de produtores de coello independentes e tanto a COGAL como a HERMI gustaríalles quitarnos do mercado. Logramos saír adiante porque cos nosos camións vendemos coello para Cataluña e outras partes da Península e elaboramos o noso propio penso.

En Galicia só quedamos unhas poucas explotacións de coello que somos independentes, o resto están controladas polos grandes matadoiros de Cogal, no caso dos seus cooperativistas, e Hermi, coas súas explotacións integradas,. Desta forma, as protestas pola situación dos prezos fanse sobre todo por parte dos produtores independentes de Levante e do Sur, porque os produtores que están integrados teñen medo.

Ata hai pouco o prezo da pel de coello con destino á exportación, sobre todo a China, paliaba a caída no prezo da carne. ¿A que se debeu a caída do prezo da pel de coello?
Paliaba e ao mesmo tempo fixo dano. A pel de coello estivo durante moito tempo por riba de 1 euro. En principio, era un valor engadido que viña como extra para os matadoiros, xa que nunca repercutiu nos produtores. E os matadoiros utilizaron o diñeiro da pel, sobre todo os grandes, para loitar entre eles polo mercado tirando cos prezos á baixa.

As grandes cadeas de distribución utilizaron isto tamén para presionar á baixa nos prezos da carne de coello, utilizándoo como produto reclamo. E a AICA non funcionou para nada para atallar estas prácticas. De feito, antes do verán chegouse a promocións no supermercado de 2,80 € euros o kilo.

¿Por onde pode vir a solución?
O que reclamamos a través de COAG e tamén de UPA é que o Goberno interveña na cadea de valor, sentando a produtores, matadoiros e distribución e repartir o valor porque agora a parte máis feble somos os produtores.

Ademais, reclamamos unha axuda directa aos produtores de coello, porque no mes de agosto xa tiñamos unha perda por coella de 25,67 euros/ano e a final de ano calculamos que estará nos 30 euros. Nunha granxa de 1.000 coellas supón unha perda anual de 30.000 euros.

 “O Goberno ten que regular a cadea de valor no coello e establecer axudas directas aos produtores”

Ademais, na mesa de Intercún non hai capacidade de diálogo porque os matadoiros estana utilizando no seu favor. En concreto, hai unha organización de produtores, escisión de Conacun, e que conta coa axuda de Hermi, que está en contra da paridade na aportación por extensión de norma, xa que os produtores aportamos 1 céntimo por quilo e os matadoiros só 0,02 céntimos.

Os matadoiros alegan que hai un descenso no consumo de carne de coello e que iso tira á baixa cos prezos. ¿Está de acordo?
O problema da baixada de consumo de carne de coello é, entre outros, porque se está comercializando enteiro, como hai vinte anos. Hai que ir a produtores elaborados (pezas, salchichas, hamburguesas…etc), como pide o consumidor actual, porque non se pode adicar tanto tempo a cociñar e as racións e os fogares son menores. Sen embargo, os matadoiros non queren apostar por isto e tampouco o queren tratar dentro de Intercun.

Tamén estamos intentando traballar desde Intercun na exportación, pero os matadoiros tampouco están pola labor.

EVOLUCION_PREZOS_COELLO_COAG¿Como están os prezos neste momento?
No verán estivéronse vendendo coellos a 0,80 céntimos, neste momento están a 1,50 euros o kilo. Hai que ter en conta que os custos de produción están entre 1,85 e 1,95 €/kilo e se temos en conta que Carrefour chegou a vender este ano o coello a 2,45 €/kilo ou que Hermi tamén o chegou a vender ao mesmo prezo, está claro que o produtor está perdendo diñeiro.

¿Por que deixou e funcionar a mesa de prezos do coello da Lonxa de Silleda, na Central Agropecuaria de Galicia?
Deixou de cotizar porque querían que fose un apéndice da Lonxa de Madrid, que Madrid fixase o prezo e Silleda, un día despois, acatalos e poñer o mesmo prezo. E os representantes dos produtores negámonos a ese paripé.

Nesta situación de reestruturación do sector, ¿Galicia pode quedar relegada como unha comunidade líder na produción de carne de coello?
Desde logo, a expansión de Hermi vainos afectar. Non obstante, Galicia manterá a súa identidade a través de COGAL, aínda que esta non deixa de facer as mesmas prácticas que os demais matadoiros. Neste momento, hai unha loita por ver quen queda co mercado e os que estamos saíndo prexudicados somos os produtores.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información