Pularda Celta: a raza autóctona Galiña de Mos conquista os padais de toda España

Producida de forma artesanal e en réxime de semiliberdade por unha empresa de Vila de Cruces, a Pularda Celta consegue colocarse este Nadal no Club Gourmet de El Corte Inglés cunha cantidade numerada de 410 unidades.

Pularda Celta: a raza autóctona Galiña de Mos conquista os padais de toda España

Pularda Celta: galiña nova de raza de Mos criada en semiliberdade por Galo Celta en Vila de Cruces

A empresa de Vila de Cruces (Pontevedra), Galo Celta, comercializará este Nadal no Club Gourmet de El Corte Inglés a “Pularda Celta”, un produto exclusivo e de edición limitada obtido a partir da raza autóctona galega Galiña de Mos.

O fundador de Galo Celta, David Sueiro, destaca que “isto supón un paso moi importante para dar a coñecer en toda España un ave criada como antes, en réxime de semiliberdade e con alimentación tradicional na nosa explotación de Merza”.

Serán un total de 410 unidades de “Pularda Celta”, numeradas e de edición limitada as que se comercializarán en exclusiva durante estas datas no Club Gourmet de El Corte Inglés. A Pularda é a galiña nova xusto antes de que empece a poñer ovos e a súa carne é moi apreciada na alta cociña pola súa textura tenra e xugosa.

“Sacrificámolas no matadoiro de Ribadumia cunha idade de cinco meses e medio e un peso duns dous quilos, respectando unha crianza artesanal das galiñas de Mos, como se facía nas casas de labranza de Galicia tradicionalmente”, explica David Sueiro.

Así, a alimentación da Pularda Celta baséase en cereais e verzas que deben ser producidas na propia explotación. Tamén engaden á súa ración fariña de castaña, para engrasar de forma natural, e mesmo están a probar a alimentala con uva Garnacha, para darlle aminoácidos e azucres.

“Así conseguimos unha carne con sabores e texturas especiais, pura manteiga, unha vez que a Pularda Celta trabállase coas técnicas da alta cociña”, destaca David Sueiro.

Ademais, de nos centros El Corte Inglés de toda España, a empresa de Vila de Cruces ten previsto comercializar este Nadal 400 Pulardas Celtas en alta restauración de estrelas Michelín.

Caldo de Galiña Vella

Xunto á pularda, Galo Celta tamén empezou a comercializar na Sección Gourmet de El Corte Inglés “Caldo de Galiña Vella”, elaborado a partir de Galiñas de Mos da propia explotación de 2,5 anos de idade. “Queremos recuperar o caldo de galiña vella que as comadroas ofrecían ás parturentas no medio rural, un caldo enerxético e milagroso polos seus efectos recuperadores”, explica David Sueiro.

O caldo de Galiña Celta comercialízase en envases de medio litro e foi elaborado baixo a receita artesanal galega recuperada polo chef Iván Domíguez.

Presentación da Pularda Celta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información