Prezo medio de 2.100 euros na poxa de Rubia Galega de Adai

Prezo medio de 2.100 euros na poxa de Rubia Galega de Adai

Manuel López Pereiro co touro premiado como mellor semental de Rubia Galega

Preto de 40 cartóns e poxas moi animadas nunha subasta na que se chegaron a pagar 700 euros por encima do prezo de saída dalgúns exemplares. Adxudicáronse 13 dos 16 animais presentados á poxa a gandeiros con explotacións nas provincias de Lugo e A Coruña

Un ano máis o mercado gandeiro de Adai, no Corgo (Lugo), congregou a gandeiros e a compradores de Rubia Galega, que acudiron á LXXXVII poxa na que se alcanzou un prezo medio de 2.132 euros. Este prezo medio foi aínda maior no caso das femias, que superou os 2.170 euros.

Adxudicáronse un total de 13 dos 16 animais presentados a unha poxa moi animada e disputada nalgunhas ocasións, con 36 cartóns de posibles compradores, procedentes de diferentes municipios lucenses, ademais das provincias da Coruña e Pontevedra. Isto favoreceu as altas cotizacións, sobre todo das femias, e nalgúns exemplares pagáronse ata 700 euros por encima do prezo de saída. Este foi o caso dalgunhas das vacas presentadas por Justino Segade, un gandeiro de Antas de Ulla, que viu como unha das súas reses subía dos 1.900 euros aos 2.600.

Con todo, a maior cotización levouna unha vaca propiedade do gandeiro de Samos, Manuel López Pereiro, que cun prezo de saída de 2.500 adxudicouse en 2.700 euros.

Tamén conseguiron bos resultados cinco das seis xovencas presentadas por Acruga, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, da Deputación de Lugo. De feito, unha delas con categoría moi boa e cunha alta puntuación no índice morfolóxico viu subir a súa cotización desde os 1.800 euros do prezo de saída ata os 2.450 euros.

Concurso

Paralelamente á poxa, os asistentes ao mercado gandeiro de Adai puideron contemplar os máis selectos animais de Rubia Galega e ver de preto aos gañadores dos premios do vixésimo noveno concurso nas súas diferentes seccións. Un dos gandeiros máis galardoados foi Manuel López Pereiro, de Samos, cuxos animais lograron os primeiros premios nas seccións de sementais de máis de 26 meses; xovencas de 14 a 26 meses; becerros de 8 a 14 meses e becerras de 8 a 18 meses.

Outros gandeiros con animais distinguidos con primeiros premios foron Jesús Varela Mourelle, de Palas de Rei, na sección de vacas paridas; Justino Segade, de Antas, na sección de xovencas de 18 a 24 meses; e Juana Besteiro Otero, do Corgo, na categoría de machos e femias ata 8 meses de idade.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información