Pequena suba dos becerros de recría e baixada do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola baixada dos prezos do vacún maior e pola lixeira suba dos tenreiros de recría. Soben tamén os leitóns e os ovos e baixa o porco cebado

Pequena suba dos becerros de recría e baixada do vacún maior en Silleda

As cotizacións deste martes na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA viñeron marcadas pola baixada dos prezo do vacún maior e pola lixeira suba dos tenreiros de recría. Soben tamén os leitóns e os ovos e baixa o porco cebado.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a suba produciuse nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado. O prezo medio foi de 107 euros por xato, fronte ós 100 da semana pasada. Na categoría de menos de 20 días non houbo variacións: 84 euros por animal. A excepción foron os becerros de máis de 50 días, que baixaron de prezo nesta sesión ata acadar os 119 euros de media por animal, 12 euros menos ca na anterior.

Nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi á suba de prezos nas femias, e non así nos machos. Así os xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, situáronse nos 349 euros, 11 menos ca na sesión pasada. Pola contra, nas femias houbo unha suba media de 30 euros, ata os 232 euros por animal. Nos becerros máis novos, con menos de 20 días, os prezos baixaron de novo nos machos ata os 300 euros, fronte ós 367 euros que se pagaron a semana pasada. Nas femias, pola contra, houbo subida: 197 euros este martes fronte aos 188 da semana pasada. A excepción foi nos becerros de máis de 50 días, onde a suba foi xeral. Así os machos incrementaron o seu prezo ata situarse nunha media de 427 euros por animal, 10 euros máis ca na sesión anterior. As femias tamén subiron ata os 312 euros, fronte aos 293 euros da semana pasada.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial rexistraron esta semana unha baixada do prezo nos machos, que acadaron unha media de 843 euros por animal, 56 menos ca na lonxa pasada. As femias desta categoría baixaron tamén ata os 677 euros de media, fronte ós 779 que acadaran a semana pasada.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi tamén á baixa, a excepción das vacas de primeira. Así, as vacas desta categoría acadaron os 1.114 euros, fronte aos 1057 do mercado pasado. Na categoría segunda, a máis numerosa, rexistrouse unha caída do prezo ata os 696 euros, 14 menos que o pasado martes. Por ultimo, no desvelle o prezo medio situouse nos 426 euros, 3 menos ca semana anterior.

SILLEDA_VACUN_18_11_1

Baixada no porco cebado e suba dos ovos e dos leitóns

En canto ó porco cebado, tamén rexistrou unha baixada das cotizacións en boa parte das categorías. Así, o selecto e o normal quedaron nos 1,087 e en 1,045 euros o quilo, respectivamente, tras senllas baixadas de 0,01 euros o quilo. A caída foi aínda maior na categoría de Canle II que queda en 1,357 euros logo dunha baixada de 0,013 euros. Mentres, a categoría de desvelle permanece sen cambios nun intervalo de entre 0,52 e 0,58 euros o quilo.

As cotizacións en Alemaña, que é o referente para os prezos de porcino na Unión Europea, o valor medio mantense sen cambios e sitúase unha semana máis nos 1,360 euros por quilo.

Polo que respecta ao leitón, sobe un euro de prezo e queda nos 34 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 39 euros para os dunha única granxa.

No referido ós ovos, as categorías XL e L mantéñense sen cambios e quedan nos 1,68 e 1,25 euros a ducia, respectivamente. En canto ás categorías M e S acordouse unha suba de 0,02 euros, quedando nos 1,10 e 0,89 euros a ducia, respectivamente. A galiña de desvelle sobe 0,01 euros e queda nun intervalo de entre 0,15 e 0,22 euros o quilo.

En canto ó coello, a cotización mantense sen cambios na Lonxa de Madrid e queda nos 2,30 euros o quilo.

SILLEDA_PORCINO_18_11_1

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información