Bacoriños nunha granxa.

A ameaza da peste porcina africana coloca ó xabarín na diana

Os produtores en intensivo extreman as medidas de bioseguridade nas granxas e reclaman máis control sobre as poboacións de porco bravo, que poden ser no futuro un vector de contaxio da enfermidade. Os cazadores tamén piden maior implicación para reducir riscos

Os brotes de Peste Porcina Africana (PPA) detectados nos últimos meses en China, Rusia ou en países do leste de Europa, como Rumanía, e máis recentemente en Bélxica, fixeron saltar as alarmas en Europa ante a expansión desta enfermidade. As consecuencias que a afección pode traer ó sector porcino son graves, pois a enfermidade ten unha taxa de mortalidade próxima ó 90% e é moi contaxiosa. En Galicia, extrémanse as precaucións, mírase cara ás accións que o goberno estatal impulsa e esíxese maior concreción e contundencia da Administración fronte a esta ameaza.

Dende o sector extrémanse as precaucións e esíxese maior concreción e contundencia fronte á ameaza da peste

A peste porcina africana é unha enfermidade hemorráxica orixinada por un virus que afecta tanto ó porco doméstico como ós xabaríns, e para o que actualmente non existe vacina. Isto provoca que tamén se estea a mirar cara estas poboacións de fauna salvaxe polo risco que poden implicar na propagación da enfermidade.

Os produtores de porco en intensivo, preocupados pola situación, están a incrementar as medidas de bioseguridade nas súas instalacións, para tentar reducir os riscos de contaxio.

Centrados na bioseguridade

As granxas de porcino en intensivo afrontan a situación “con preocupación máxima porque non está nas nosas mans evitar a expansión da enfermidade e as consecuencias poden ser moi importantes”, valora José Antonio Vidal, presidente da Federación Galega de Porcino (Fegapor), que agrupa ó 80% das granxas en intensivo de Galicia.

“A situación actual é certamente complexa, pois o mercado mundial da carne de porco está moi globalizado. Se non se controla axeitadamente existe o risco de que a peste chegue a España e poderían paralizarse as exportacións, o que ocasionaría unha drástica caída dos prezos da carne de porco”, indican dende o Grupo Coren, un dos principais produtores galegos.

Recomendan non traer porcos de fóra de España para reducir o risco de que cheguen ás granxas animais contaxiados

Ante o risco de expansión da peste, as granxas están a extremar as medidas de bioseguridade. “Estanse tomando tódalas precaucións para evitar que a PPA poida entrar nas granxas, sobre todo incrementando os niveis de bioseguridade e recomendando que non se traian animais de fóra de España”, explica Beatriz Toimil, veterinaria da ADS de porcino do Deza (Pontevedra).

Así, por exemplo, dende a ADS dezá, nas granxas cuxas integradoras traen leitóns doutros países comunitarios estanse a facer probas canto antes e revisan que ningún porco teña signos clínicos da enfermidade, como indica a veterinaria.

Namentres outras empresas optan directamente por evitar traer animais doutros países. “En Coren temos un exhaustivo control da orixe dos porcos. O 100% dos leitóns son producidos nas nosas granxas en Galicia”, reivindica a empresa.

Medidas preventivas

A nova normativa que regulará o sector porcino, e que substituirá á actual -en vigor dende o ano 2000-, incide en medidas preventivas nas granxas para minimizar os riscos de contaxios da enfermidade. Inclúese, por exemplo, a obrigatoriedade de contar cun peche perimetral para evitar as incursións da fauna salvaxe nas instalacións. Dende o sector apuntan que a práctica totalidade das granxas xa contan con este valo que, ademais, revisan periodicamente.

Xunto con esta medida, estanse a levar a cabo outras accións concretas para incrementar a bioseguridade. “Somos moi conscientes do que nos xogamos. Se se chega a dar un brote de peste, para ese produtor sería a ruína e todos nos veríamos afectados”, apunta Vidal.

Recollemos algunhas das medidas sobre as que máis inciden dende Coren ou a ADS do Deza, ademais das xa referidas.

– Desinfección dos camións antes de entrar nas granxas.

– Evitar ou reducir ó máximo as visitas ás instalacións. É preciso realizar un rexistro de control destas visitas e que as persoas que accedan á granxa se cambien de roupa e de calzado e mesmo se duchen antes de acceder onda os animais.

– Control do persoal que entra na granxa e das últimas ganderías que visitara.

É preciso controlar os alimentos cárnicos que entran nas granxas, xa que o virus pode aguantar ata 2 anos nun embutido

– É preciso controlar tódolos alimentos que entran nas granxas, especialmente os produtos cárnicos procedentes de países do leste de Europa, xa que o virus da peste porcina pode aguantar ata 2 anos nun embutido. Aínda que esta enfermidade non afecta ás persoas, ter estes alimentos na granxa pode provocar que os animais rematen infectados.

– Contar con arcos e valos sanitarios e supervisar os vehículos que accedan ás instalacións.

– Revisar os equipos de mantemento ou reparación que se levan a cabo nas granxas

– Contar con zonas específicas de carga e descarga de animais con cumprimento de medias de bioseguridade.

– Proporcionar formación e información ós gandeiros para que coñezan os síntomas da enfermidade.

Os xabarís, unha das maiores preocupacións

Logo de que o brote detectado en Bélxica, en xaneiro deste mesmo ano, se orixinase en xabarís, estase a pór o foco, aínda máis, sobre estas poboacións de fauna salvaxe. Os produtores reclaman maior control destes animais.

“O máis preocupante é que a peste entre a través dos xabarís, polo que o Ministerio debería de facer canto antes un censo destes animais, xa que neste momento non o hai”, incide Toimil.

Os produtores de porcino reclaman que se faga un censo de xabarís e que se controle a poboación

“Precísase un control da poboación de xabarís, xa que actualmente é un dos grandes riscos para o sector”, apuntan dende Coren. “Noutros países como Bélxica non dudaron en actuar e mesmo sacaron ó exército para controlar a poboación de xabaríns, e aquí non se están a tomar medidas. Só se volve de novo a botar a responsabilidade sobre os granxeiros, que somos os que temos que adoptar medidas de bioseguridade, pero dende as administracións non están a cumprir co que lles corresponde”, recrimina Vidal.

Xunto co xabaril, tamén están no punto de mira as ganderías en extensivo, posto que poden estar máis expostas a un contaxio directo co xabarín. “Resulta difícil de comprender como ás granxas de intensivo estásenos esixindo un valo perimetral en perfectas condicións e, en días pasados, anunciábase que para as ganderías en extensivo de porco ibérico abondará con que conten cun valado eléctrico”, apunta Vidal.

Controis ás explotacións cinexéticas comerciais

Precisamente nese intento por abordar os riscos que a poboación de xabaril pode traer para a expansión da peste porcina, o Ministerio de Agricultura mantivo varios encontros coa Federación Española de Caza para tratar a cuestión. Polo de agora, as accións con este colectivo céntranse en incidir na difusión de pautas de bioseguridade que os cazadores deben seguir cando realizan cacerías en países onde se ten detectado algún destes brotes.

Dende a Federación propuxeron ó Ministerio formar ós cazadores para actuar no control do xabaril de detectarse focos de peste

Dende a Federación tamén lle trasladaron ó Ministerio unha proposta para impartir formación especializada ós cazadores sobre o control de poboacións de xabaril, para que poidan actuar, de xeito inmediato, de detectarse algún foco. Unha medida que, polo momento, aínda está por concretar, segundo indican dende a Federación.

Porén a nivel autonómico, entidades de cazadores como a Unión de Tecores de Galicia (Unitega) afean que a Administración galega non chegase a reunirse con eles para abordar a problemática. “O lóxico sería que ante un problema grave, como o que pode supor a peste porcina africana, a Xunta se sentase con tódolos implicados e tentase abordalo, pero con nós non houbo ningún tipo de contacto, pese a que temos ofrecido a nosa colaboración”, comenta Antonio Mota, secretario de Unitega.

Reclaman maior control sobre os traslados de xabaríns que se poidan dar nas explotacións cinexéticas comerciais

Dende o colectivo de tecores tamén inciden na necesidade de que a administración extreme o control dos traslados cinexéticos que poidan realizar as explotacións cinexéticas comerciais. Estas entidades, que non abundan en Galicia -a penas se contabiliza una decena delas- están orientadas a una caza comercial. Esta actividade motiva que se fagan traslados de xabarís desde distintos países de Europa co fin de contar con exemplares de mellor calidade xenética para as cacerías que organizan.

Unha oportunidade para o sector

Por outra banda, se a peste non chega a estenderse a España, esta situación pode converterse nunha oportunidade para o propio sector, como recoñecen dende distintas empresas, posto que actualmente China, que lidera a produción mundial de carne de porco, está a atravesar unha grave situación por esta enfermidade.

“Se facemos as cousas ben, entre todos, deberíamos poder impedir que a peste porcina africana entre en España, e estaríamos ante unha boa oportunidade para o sector porcino galego e español”, conclúen dende Coren.