Blas Vila, criador de bois en extensivo

Blas Vila é un criador de bois de Monterroso que conta con 15 animais de distintas razas e cos que recuperou boa parte das terras familiares que quedaran en abandono. Coñecemos algunhas das claves da súa aposta por un cebo de calidade e en liberdade que se prolonga durante 6 anos

Blas Vila, criador de bois en extensivo

Blas Vila con algúns dos animais nos pastos.

Blas Vila leva anos inmerso no cebo de vacún en Ligonde (Monterroso, Lugo) e dende o 2012 optou pola crianza en exclusiva de bois. É unha actividade complementaria que compaxina coa súa dedicación ó sector da automoción e que lle permite, á par de obter un rendemento, utilizar as terras familiares que mantiñan sen aproveitamento dende había anos. Hoxe conta con 15 bois, de distintas idades e razas, que cría ata os seis anos, cando acadan o “punto óptimo”, segundo este criador.

“O máis duro son os seis primeiros anos, onde non obtés rendemento ningún”

“A cría de bois é realmente unha oportunidade para combater o abandono do rural porque pode ser unha opción para moita xente con perfís moi variados e sen implicar un gran desembolso económico, como poden supoñer outros negocios”, defende o criador. Porén, tamén recoñece que nesta crianza de bois, “o máis duro son os seis primeiros anos onde non obtés rendemento ningún e tes que gastar alomenos o mínimo para contar cun espazo onde poidan estar os animais seguros e coas ferramentas para alimentalos”, puntualiza. No seu caso, boa parte da terra na que cria os animais pertencía xa á súa familia. “É unha opción moi boa para aqueles que contan con terra que non están a explotar doutro xeito”, considera.

Variedade de razas

Blas ten os animais separados en dous lotes, segundo a idade. Así, os exemplares máis novos permanecen nunha finca en Antas de Ulla. Unha vez que cumpren ano e medio lévaos cos adultos que pacen en Ligonde. Trátase dun grupo integrado agora mesmo por 9 bois e ó que o próximo ano se sumarán dous máis.

Bois de Rubia Galega e Asturiana.

Bois de Rubia Galega e Asturiana.

O gandeiro aposta por unha crianza de animais de razas diferentes. Agora mesmo o grupo integrado polos adultos confórmano bois de Limousin, tanto puros como cruces, así como dous bois de Rubia Galega, co recoñecemento da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), e outro de Asturiana. Pero entre os exemplares máis novos conta tamén con dous bois Frisóns. “En canto me faga con máis base territorial a miña idea é criar tres bois por ano: un frisón, un cruzado e un do país. Así entre os tres van ir equiparando cantidade e calidade”, explica o criador.

“Para min, e para moita xente, a mellor raza son os cruzados, sobre todo dicho xente con experiencia no sector, pero son os máis difíciles de conseguir e tampouco quero apostar só polo cruce”, matiza.

“A miña idea é criar tres bois por ano: un Frisón, un cruzado e un do país”

A maioría dos animais mercounos en explotacións ou feiras da contorna e tamén lle funciona o boca a boca. “Para ir ó desvelle, o que non che interesan son animais con moita traseira, xa que iso tamén che vai traer parello máis problemas respiratorios, de corazón e de mobilidade. A min interésanme animais que teñan unha planicidade máis ampla para así aproveitar o costelar ata o sacro”, concreta. Tamén prefire animais que non superen os 1,70 metros para crialos en seis anos, xa que con maior ou menor altura tamén varía o tempo de crianza.

A crianza destes animais é totalmente ó aire libre e cun sistema de rotación en distintas fincas. “Eles prefiren estar todo o tempo fóra, pola súa natureza non son animais para estar estabulados. Nunha das fincas temos unha nave onde poden meterse pero nunca van para ela”, explica o criador. A pesar diso, boa parte das fincas teñen zonas de arborado onde os animais se poden resgardar. “Sempre están no medio da finca, xuntos, pero no medio. Incluso cando neva, eles prefiren estar fóra”, comenta o criador.

Cornos-Bois-Monterroso-

Os animais conservan a súa cornamenta.

Permanecer todo o tempo no prado tamén lle permite que os bois complementen a súa alimentación con landras ou castañas na tempada. Blas defende unha crianza o máis natural posible, de aí que tamén decidira que os animais conserven a súa cornamenta, xa que cree que lle son de utilidade ante posibles ataques doutra fauna e tampouco supoñen un impedimento para a seu cebo nin un risco para o criador.

Ataques do xabarín

Aínda que ten as fincas cerradas con pastor eléctrico, xa sufriu algún ataque por parte da fauna salvaxe. “É unha zona onde hai lobo e onde cría, pero nunca tivemos ataques deles”, apunta. O que si tiveron foi a incursión na finca dos xabarís. “Parece que non sexan conscientes do que é un boi, e métense a fozar na finca e os bois tentan escorrentalos. É un comportamento que fan con todos os animais que entran na finca, ben sexan cegoñas, garzas ou os xabarís”, detalla. Nunha destas incursións, un dos seus animais, cunha cornamenta máis pequena, sufriu o arremetido dun dos caninos dun xabarín.

Blas visita os animais alomenos unha vez ó día para revisar que non se producise ningunha incursión e comprobar tamén se dispoñen de auga, alimento e asegurar un correcto funcionamento do pastor eléctrico.

Bois-mansos-Monterroso-
Amansar o carácter atendendo á lúa

Nesta crianza, un dos problemas ós que tivo que facer fronte, sobre todo nos primeiros anos, foi ó carácter que tiñan algúns animais. “Foi meu avó quen me dixo que para conseguir bois mansos tiña que capalos en lúa minguante”, recorda. “Dende que comecei a capalos atendendo á lúa desaparecéronme todos os problemas de carácter e os animais son totalmente mansos, só que aínda teño algúns que capara sen ter en conta isto”, recoñece.

Do capado dos animais tamén se encarga el e realízao cando os becerros teñen apenas mes e medio de idade. “Canto antes o fas evítase tamén que logo teñan problemas de incontinencia e a súa vexiga comeza xa a medrar e funciónalles mellor. Se están estabulados isto é máis difícil de detectar”, afirma.

Ademais das ensinanzas no manexo dos bois recibidas por seu avó, Blas ten moi presente que “meus pais fixeron un importante esforzo por manter estas terras e agora eu podo darlles un aproveitamento sen que queden abandonadas, o que para eles tamén lles resulta reconfortante e satisfactorio”, valora o gandeiro. Un aproveitamento que tamén ve como un legado para a súa filla.

Os propios animais encárganse da rexeneración do pasto

A explotación dispón dunha base territorial de 10 hectáreas mixtas, con pradaría e zonas de arborado, e vai rotando os animais polas distintas fincas. Tamén está pendente de ampliar a súa superficie tanto co aproveitamento de monte comunal na zona como dun proxecto condicionado polas autorizacións da Xunta.

Novas-zonas-de-pasto-Bois-Monterroso-

Unha zona onde o pasto agromou logo de estar os bois.

Ó longo destes anos os propios animais fóronse encargando da recuperación das fincas onde a broza compartía espazo cunha pradaría sen explotar. Así, Blas desbrozou algúns espazos e os bois rexeneraron a pradaría. De feito, non emprega ningún tipo de química nos seus pastos nin outro xurro que non sexa o abono que producen os animais. “Cando merquei os primeiros cinco bois tardei varios días en ver os animais xa que andaban escondidos entre a maleza e nin se vían pegadas nin bosteiros. Ata pensei que marcharan ou mos roubaran”, recorda Blas.

Ademais do pasto, a alimentación dos animais durante boa parte da súa crianza compleméntase só con silo de herba. O gandeiro coloca varios comedeiros móbiles que vai rotando nas zonas de arborado ou broza para conseguir que os animais pazan e abonen eses espazos. Este proceso permítelle recuperar zonas de pasto sen maior traballo. “Ó principio podaba moito máis as árbores pero agora ata se encargan eles de arramar bastante ou de boa parte das pólas pequenas que corto”, indica.

Os últimos meses, a fase decisiva

A fase máis decisiva do cebo destes animais son os últimos 8 meses, na que varía a alimentación para conseguir que o animal remate de formarse e acade o seu máximo esplendor. Polo xeral, os animais pesan arredor de 800 quilos antes de comezar esta fase final, na que poderán aumentar arredor de 200 quilos. Polo momento, ó cebado do remate incorpora dous animais cada ano, que separa do resto do grupo e cuxa alimentación se complementa con cereais.

“Este ano morreume por clostridium un dos bois que xa estaba na fase final para vender nos próximos meses”

A variación na dieta é paulatina e comeza con dous quilos de millo triturado ó día ó que ós poucos días xa incorpora tamén salvado, “co que consegues que non se metan enchentes de auga e inchen”, explica. Ó final da ceba, a alimentación compleméntase con cebada. Como máximo apórtalle 11 quilos de cereais por animal. Ademais destes cereais, estes dous animais consumen un bolo de silo de herba cada tres días e un rolo de herba seca á semana. “Hai que ser moi meticuloso porque é moi fácil picar nesta última fase da ceba, aínda que teñas experiencia, como era o meu caso”, apunta.

De feito, este mesmo ano perdeu un dos seus animais xa nesta fase da ceba por un ataque de clostridium. Ademais da perda que supuxo a morte do animal, tivo que volver atrás tamén a ceba do outro boi, aínda que este conseguiu salvalo. Apunta a que unha mala conservación, durante o traslado do millo que mercou, puido ser o detonante. No seu caso valora que non é factible tamén sementar os cereais, por iso os merca. Porén, produce el o silo de herba, cunha produción anual de 100 bolos, e a herba seca, cuns 50 rolos.

Algúns dos bois de máis idade do cebadeiro.

Algúns dos bois de máis idade do cebadeiro.

A carne de boi

Unha vez que alcanzan os 6 anos, os bois poden acadar un valor de entorno a 4.000 ou 5.000 euros, que pode incrementarse dependendo das características do animal. Para este criador hai un mercado puxante que reclama carne de boi de calidade. Non descarta, de atopar os apoios precisos, conseguir autoxestionar a comercialización directa. “Cun produto de calidade coma este o cliente conséguese, o problema é garantir o abastecemento da demanda”, puntualiza. Contempla a comercialización máis directa de boa parte da carne e dedicar as partes con menor saída a un proceso de elaboración de chacina.

O produtor augura un bo futuro para a IXP Vaca Galega / Boi Galego

Neste senso tamén lle augura un bo futuro para a IXP Vaca Galega / Boi Galego. “Co tempo, Ternera Gallega vai ter que deixarlle paso a estas carnes, xa que se están demandando carnes de gran calidade incluso para produtos que non as empregaban antes, como as hamburguesas”, asegura. O criador tamén apunta a que é preciso un axuste dos prezos das carnes para que non resulten prohibitivas para o consumidor “e iso tamén pode ser positivo para o produtor e o intermediario, se fai incrementar o consumo”, valora.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información