Nova suba dos becerros de recría de Frisoa e do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola suba dos prezos do vacún maior e dos becerros de recría de Frisona e pola baixada dos de cruce. Subas no porco cebado e sen cambios nos leitóns, no coello e nos ovos

Nova suba dos becerros de recría de Frisoa e do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia/Abanca estivo marcada pola suba dos prezos do vacún maior e dos becerros de recría de Frisona e pola tendencia á baixa dos de cruce. Subas tamén no porco cebado e sen cambios nos leitóns, no coello e nos ovos.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, subiron os prezos en case todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo remontou lixeiramente ata os 115 euros por xato, 2 máis que a pasada semana. E nos becerros de menos de 20 días o prezo tamén subiu ata os 104 euros de media por animal, fronte aos 86 a anterior poxa. A excepción foi a categoría de máis de 50 días, onde a media baixou ata os 134 euros por animal, 2 menos que o pasado martes.

Nos becerros de cruzamento industrial a tendencia xeral foi á baixa, agás nos xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde os prezos situáronse nos machos en 336 euros, 1 máis ca na sesión anterior. Nas femias tamén houbo suba, quedando nunha media de 236 euros por becerra, 7 máis que a semana pasada. Pola contra, nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos caeu ata os 221 euros, fronte ós 298 euros que se pagaron na última poxa. Tamén houbo descensos nos becerros de máis de 50 días, onde os machos se cotizaron a unha media de 420 euros por animal, fronte aos 467 da sesión anterior, mentres que nas femias a media tamén caeu ata os 315 euros por becerra, fronte aos 384 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha suba do prezo nos machos, acadando unha media de 854 euros por animal, 3 máis que a semana pasada. As femias tamén subiron de prezo pero de forma máis acusada, ata os 769 euros de media, moi por riba dos 662 euros por animal da última sesión.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi á suba, pero con excepcións. Así, na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios quedaron nunha media de 744 euros por animal, 9 máis que o martes pasado. A categoría de desvelle tamén experimentou unha alza, quedando nunha media de 474 euros por animal, fronte aos 469 da semana pasada. Porén, nas vacas de primeira a media baixou ata os 1050 euros, 39 menos que na anterior poxa.

silleda_19_03_02_vacun

Suba do porco cebado e sen cambios nos leitóns e nos ovos

En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis unha suba en todas as categorías. Así, o selecto e o normal subiron 0,01 euros quedando nos 1,180 e 1,155 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II a suba acordada foi de 0,013 euros ata quedar nos 1,500 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle sobe 0,02 euros, quedando nun intervalo de entre 0,51 e 0,57 euros o quilo.

Polo que respecta ao leitón, despois de varios meses de subas consecutivas esta semana acordouse manter os prezos sen cambios. Así, a cotización do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 60 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 65 euros para os dunha única granxa. O prezo por kilo sitúase en 3,00 e 3,25 euros respectivamente.

No referido ós ovos, ao igual que a semana pasada non houbo cambios: as categorías XL e L mantéñense nos 1,40 e 1,02 euros a ducia, respectivamente. Para a M e a S o prezo queda tamén igual: 0,97 e 0,82 euros a ducia, respectivamente.

A galiña de desvelle sobe 0,01 euros o kilo e queda nun intervalo de entre 0,10 e 0,18 euros o quilo.

Por ultimo, no coello non houbo cambios na Lonxa de Madrid e queda o quilo nos 1,95 euros.

silleda_19_03_02_porcino

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información