Megaro Foods exportará vacún galego desde a sala de despece de Castro de Rei

A empresa catalana inicia en xaneiro obras para ampliar o túnel de conxelación e dotarse dunha cámara de conservación de produto conxelado con capacidade para 600 toneladas. Proxecta retomar a actividade o 1 de marzo

Megaro Foods exportará vacún galego desde a sala de despece de Castro de Rei

Imaxe da sala de despece adquirida por Megaro Foods. / Arquivo.

A empresa cárnica que adquiriu finalmente a sala de despece de Castro de Rei (Lugo), a catalana Megaro Foods, ten xa unha folla de ruta trazada para a factoría. A sala de despece volverá á actividade o 1 de marzo e antes, desde xaneiro, Megaro Foods acometerá obras para ampliar o túnel de conxelación e dotarse dunha cámara de conservación de produto conxelado con capacidade para 600 toneladas. A produción da planta centrarase na exportación, onde Megaro Foods ten na actualidade o 80% do seu negocio, e en cadeas de distribución españolas.

A firma catalana, que conta cunha planta en Barcelona, está especializada no procesado de ovino e vacún. A compra da instalación galega permitiralle ampliar os seus volumes de traballo. “O investimento en Galicia xurdiu como unha oportunidade. En Barcelona, tiñamos limitada a capacidade produtiva e vimos a posibilidade de adquirir unhas instalacións punteiras e en perfectas condicións, que ademais están moi próximas ós gandeiros”, explica o xerente de Megaro Foods, Carlos Cebrián.

A empresa, que abonou 1,6 millóns de euros pola factoría de Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei), tras renunciar Coren á compra da sala de despece, subliña a súa vontade de chegar a acordos de colaboración cos gandeiros galegos. “A nosa intención é que todas as partes logremos un valor engadido no noso traballo. É certo que os gandeiros veñen de pasar por momentos sensibles, pero temos que mirar cara o futuro. A unión fai a forza”, valora Carlos Cebrián.

Mercados
Megaro Foods iniciou contactos tanto con cooperativas gandeiras como con grandes superficies, de cara a valorar posibles vías de colaboración. O obxectivo da empresa é adicar unha parte da súa produción á distribución en fresco en cadeas de supermercados, tal e como se viña facendo na anterior etapa da sala, que xestionou Artesanos Gallegos de la Carne. Outra parte da produción destinaríase á exportación, xa que a empresa conta con mercados nos países árabes e en Europa, e ten tamén a previsión de exportar a Indonesia.

A planta traballará tanto con vacún maior coma con becerros

O traballo da planta abarcará tanto vacún maior coma becerros. É previsible que no mercado en fresco opere cos selos de calidade de Ternera Gallega e de Vaca de Boi de Galicia, se ben no mercado de produto conxelado, orientado á exportación, non será posible, xa que estas indicacións xeográficas protexidas non amparan ese tipo de distribución.

A planta ten previsto retomar a actividade o 1 de marzo. A plantilla inicial será de 25 persoas e espérase procesar arredor de 60 animais ó día, con perspectivas de crecemento a medida que haxa unha demanda maior. As actuais instalacións da sala remodelaranse este mes de xaneiro para ampliar o túnel de conxelación, que terá capacidade para 20 toneladas / día, e para dotarse dunha cámara de conservación do produto conxelado que permita almacenar ata 600 toneladas.

Debate no Parlamento
A situación de impagos que xerou a liquidación de Artesanos Gallegos de la Carne, a anterior propietaria da factoría, volveuse debatir o venres pasado no Parlamento. Preguntado pola posibilidade de buscar vías para reducir o impacto dos impagos no sector gandeiro, o grupo popular incidiu en que, de acordo coa lexislación europea, non son posibles axudas directas por esta situación nin para os 62 gandeiros individuais afectados nin para as cooperativas con débedas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información