Medio Rural actualiza o censo de porcos para autoconsumo ante a ameaza da peste porcina africana

Trátase dunha medida preventiva por parte da Consellería para ter controladas e localizadas as ganderías de porcino de todo tipo. Tamén están a reforzar a vixilancia sanitaria en todo o sector

Medio Rural actualiza o censo de porcos para autoconsumo ante a ameaza da peste porcina africana

A ameaza da peste porcina africana motivou que a Consellería de Medio Rural iniciase unha campaña para actualizar o censo de porcos para autoconsumo e granxas de pequeno tamaño. Tal e como concretou o director xeral de Gandaría, José Balseiros, na última comisión de Agricultura do Parlamento, este rexistro é unha das accións que está a levar a cabo a Consellería ante o risco de expansión da enfermidade, que xa afecta a 10 países da UE.

Trátase dunha medida preventiva coa que pretenden ter controladas e localizadas tódalas ganderías onde haxa porcos, xa sexan granxas industriais, reducidas ou destinadas ó autoconsumo.

Un dos procedementos para levar a cabo a actualización do censo é unha campaña informativa ós gandeiros. Así, nalgunhas zonas son os profesionais encargados do saneamento de animais nas distintas ganderías os que están a informar sobre a necesidade de rexistrar os porcos que haxa para autoconsumo. O trámite formalízase na Oficina Agraria Comarcal coa apertura dun libro de rexistro, onde quedan asentados os animais e que, unha vez sacrificados, cómpre dar de baixa.

Vixilancia sanitaria

Xunto con esta medida, a Consellería de Medio Rural tamén comunica que reforzou o plan estratéxico de bioseguridade en explotacións porcinas dende outubro do pasado ano, data na que se notificou un caso desta enfermidade nun xabaril en Bélxica. Ademais das enquisas de bioseguridade realizadas na totalidade das granxas porcinas galegas, a Xunta está visitando todas aquelas granxas dadas de alta para proporcionarlles un documento informativo sobre a prevención da enfermidade.

O director xeral explicou, durante a súa comparecencia na Parlamento, que os esforzos e recursos da Consellería están concentrados fundamentalmente dentro do Programa de vixilancia sanitaria do gando porcino. Así, indicou que se reforzou a mostraxe seriolóxica periódica dunha mostra representativa de explotacións porcinas, así como a vixilancia en movementos procedentes doutros países considerados de risco.

Tamén se reforzou o control das condicións de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando, a vixilancia nos matadoiros ou sobre as poboacións de xabarís. Precisamente, hai unha gran preocupación por parte dos gandeiros ante as dimensións que acadou a poboación de xabaril, o que representaría un problema en caso de que a peste porcina chegase a España, posto que pode ser un medio de contaxio para as ganderías.

Finalmente, José Balseiros reiterou que se informou ó sector con folletos, encontros divulgativos e xornadas sobre as posibles consecuencias desta enfermidade para este sector produtivo, á vez que se lles explicaron as medidas tomadas para vixiar que a doenza non afecte ó gando porcino galego.

image_print

Una idea sobre “Medio Rural actualiza o censo de porcos para autoconsumo ante a ameaza da peste porcina africana

  1. Luis

    Rexistro de porcos, si, fundamental!
    Poñer ó día a poboación de xabaríns…. Eso para pasado!

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información