becerreá 2018-2 acruga

Media de 2070 euros na poxa de Acruga en Becerreá

Nin o frío nin a neve nin as baixas temperaturas lograron restar afluencia á poxa de Acruga celebrada esta mañá no mercado gandeiro de Becerreá, unha cita coa que se abre a tempada de poxas da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega. Ao final, logrouse un prezo medio de case 2.070 euros despois da adxudicación de todos os animais presentados.

Foron seis xovencas preñadas presentadas a poxa, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Con 14 cartóns de posibles compradores e pouco antes da unha da tarde daba comezo unha poxa que, por momentos, estivo moi animada e na que máxima cotización, 2.250 euros, obtívoa a quinta xovenca presentada, con xenealoxía de Alferez e Muiño; preñada de oito meses e cunha idade de 25 meses.

Finalmente levouna a gandaría de Concepción Quintela Millán, unha explotación de Carballedo, que tamén conseguiu facerse con outro tres dos animais presentados. Os responsables desta gandaría de raza rubia, cunhas 35 cabezas de gando, xa compraron exemplares o pasado ano na poxa de Becerreá e aseguran ao termo da poxa de hoxe que “os resultados das novelas que compramos o ano pasado foron moi bos. Están a parir moi ben. Ademais contamos con garantías porque teñen unha moi boa xenética, por iso animámonos a comprar”.

As outras dúas xovencas poxadas na mañá de hoxe foron a parar a dúas explotacións de Paradela e de Monforte de Lemos.

Boa valoración de Acruga

O presidente de Acruga, César Dorado, quen na poxa estivo acompañado polos alcaldes de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, así como polo deputado de Medio Rural, Liño Rodríguez Ónega, mostrouse satisfeito polos resultados da poxa de hoxe e sinalou o feito de que se adxudiquen todos os animais demostra que “por unha banda os gandeiros saben que teñen unhas garantías en canto á selección dos mellores animais e que, ademais, os controis de saneamento aos que son sometidas avalan que están libres de todas as enfermidades”.

“Creo que os gandeiros saben que as xovencas que chegan a través de Acruga cumpren con todas as garantías”, engadiu.

A única preocupación para o presidente de Acruga é que “podamos dar resposta a toda a demanda de xovencas que temos porque os resultados de poxas como a de hoxe demostran que se trouxésemos máis animais, adxudicáronse tamén. Por iso, unha das nosas preocupacións agora é a de poder abastecer a demanda de rubia galega que hai actualmente”.