As granxas avícolas e de porcino, dous sectores en auxe en Galicia

A estabilidade dos prezos, as axudas da administración e as propias necesidades destes sectores son algunhas das razóns que motivan que se aposte por abrir novas granxas ou incluso pola reapertura de antigas instalacións

As granxas avícolas e de porcino, dous sectores en auxe en Galicia

Tanto o sector avícola como o porcino atravesan nos últimos tempos unha certa estabilidade nos prezos que motiva a apertura de novas granxas centradas nesta produción. Incluso, aínda que en menor medida, tamén se está a producir a reapertura de antigas instalacións.

Ademais dos prezos, tamén está a contribuír a este desenvolvemento as axudas da administración, boa parte delas procedentes de fondos europeos, como coinciden en sinalar dende distintos ámbitos destes sectores. Os plans de mellora e de incorporación de mozos, foron ferramentas indispensables para que moitos gandeiros afrontaran os investimentos precisos para poñer en funcionamento estas granxas.

Ambos sectores constatan este lixeiro auxe , aínda que cada un presenta distintos factores que o propiciaron e tamén un desenvolvemento diferenciado. As características propias de cada actividade e a situación do mercado están a condicionar a súa evolución, segundo explican profesionais destes sectores.

O porcino: un crecemento derivado da evolución do sector

No caso do sector porcino, o crecemento atende a que “había unha demanda grandísima de granxas de cebo logo de que se incrementara a produtividade das granxas de nais, que pasou de 22 a 30 leitóns por porca”, segundo explica Marcos Fuentes, enxeñeiro agrónomo en Nudesa.

O aumento da produtividade nas granxas de nais e a necesidade de renovar as granxas de cebo propicia novas aperturas

Deste xeito, e tal e como ratifica Fuentes, esta apertura de granxas que se constata ó longo dos últimos tres anos, non está derivando nun incremento da produción senón que está a cubrir as necesidades que había en Galicia. Recorda que a entrada en vigor de novas normativas en materia de benestar animal hai uns anos motivou que bo número de granxas de nais, que carecían de relevo xeracional e que estaban centradas na venta a particulares, non chegaran a poñerse ó día e optaran por ir reducindo a actividade e pechar. Polo que agora hai quen está aproveitando tamén estas antigas instalacións para retomar a actividade e convertilas en cebadeiros.

Pero, á marxe de suplir a demanda das granxas de nais, o enxeñeiro agrónomo de Nudesa tamén incide en que boa parte das granxas de cebo tiñan, de media, máis de 50 anos, polo que se fai preciso a súa renovación. Fuentes, matiza que, “o que aínda non chegou foi a rehabilitación de cebadeiros antigos que xa teñen moitos anos e que terán que afrontar a renovación das instalacións pronto”.

Complemento do vacún de leite

O sector porcino está a resultar especialmente atractivo para xente moza e como complemento doutra actividade profesional, como confirma este enxeñeiro agrónomo. Así o sector está notando tamén a entrada doutros traballadores alleos a esta actividade que optan por contar cunha granxa de cebo. “Hai xente, sobre todo relacionada co mundo da construción, que contaba con capacidade de financiación e que ante a baixada de carga de traballo dos últimos anos, decidiu montar un cebadeiro”, detalla Fuentes.

As granxas de porcino proporcionanlle ós gandeiros abonos ideais para as pradeiras

As granxas de porcino son tamén un aliado das explotacións de vacún de leite. “Convértense nun complemento que ademais de aportar beneficios económicos directos e estables proporciona un abono rico en nitróxeno e fósforo, dos que normalmente son deficitarias as ganderías de leite e que son ideais para as pradeiras”, puntualiza o enxeñeiro.

A comarca do Deza é unha das zonas nas que máis cebadeiros se están a construír nos últimos anos, aínda que dende Nudesa constatan que é unha tendencia de toda Galicia. “Sarria era unha antiga zona de produción de porcino con bastantes granxas de nais semiabandonadas que deixaran de ser viables hai 15 ou 20 anos e que están volvendo a reconstruírse”, comenta. Tamén a zona de Vilalba e Melide están a constatar esta creación e reapertura de granxas. “Estase a notar tamén unha profesionalización do sector que antes non había. Estanse a facer máis granxas, máis modernas e con xente cunha dedicación máis profesional”, detalla.

O aumento de granxas tamén o ratifican dende a ADS de porcino do Deza. “Xente que xa tiña unha nave decidiu aumentar a capacidade ou incluso construír unha nave ou dúas máis”, comenta Beatriz Toimil, veterinaria da ADS. Incluso hai quen decidiu apostar polo cebo ibérico en intensivo, unha opción que resulta atractiva tamén ós criadores ,segundo explican dende a ADS.

Nova-Granxa-Porcino-Nudesa-Silleda-

Novo cebadeiro de porcos situado en Silleda.

Reabrir o cebadeiro, un complemento a tempo parcial

Aínda que a maioría de cebadeiros son de nova construción, tamén hai quen decide poñer a punto antigas instalacións adaptadas ás novas esixencias. Este é o caso de Almudena Costoya, que acaba de construír unha nova granxa en Silleda a carón dunha antiga, que tamén reformou para un mellor aproveitamento. No seu caso, compaxina o cebadeiro con outra actividade profesional totalmente allea a este sector.

En canto conte coas dúas granxas disporá dunha capacidade de case 1.000 porcos (570 na máis antiga e 430 na de nova construción) que lle subministra Nudesa. “En canto volveu a meter porcos na granxa, varios gandeiros da zona foron preguntarlle polo abono para poder empregalo nas súas pradeiras. Hai moita demanda”, explica Marcos Fuentes.

interior-nova-granxa-porcino-Nudesa-Silleda-

Interior das novas instalacións.

Ademais, Costoya optou por construír unha nave con luz natural tanto no tellado como con ventás que lle permite un aporte de temperatura no verán e fomenta máis actividade dos animais. Tamén conta cun sistema de ventilación natural e unha estrutura no teito de madeira que integra con bloque de formigón celular. Tal e como explican, estas instalacións permitiranlle traballar con comodidade e centrar as horas de traballo na atención e coidado dos animais, xa que boa parte dos procesos, como a alimentación están automatizados.

Novas granxas de polos

Ó igual que moitos gandeiros optan por cebadeiros de porcos, tamén as granxas de polos son unha alternativa en auxe. Neste caso, a estabilidade de prezos rexistrada dende 2007, sen producirse picos de serra nestes anos, é tamén un aliciente para os criadores. O prezo do polo en Galicia sitúase arredor dos 0,65 e os 0,80€ o kilo. Pese a iso, e a que moitos optan por esta actividade animados tamén polos plans de mellora, hai quen alerta de que a situación do sector non é boa para todos como pode parecer.

O baleiro do polo Cuk

Dende o sindicato Unións Agrarias, inciden en dúas problemáticas que están a deixar pegada no sector. Por unha banda o ruptura do contrato de Mercadona co Grupo Sada, que representa o 28% da produción de Galicia, para o seu polo Cuk. Este tipo de polo diferenciado e alimentado a base de millo, criábase en Galicia polo que o ruptura do acordo afecta directamente ás granxas galegas. “Está habendo moitas granxas valeiras, sen produción ao non ter saída para este tipo de polo”, explica Javier López, de Unións.

Por cada granxa nova que se abre en Galicia pechan 4 das vellas

Por outra banda, as novas granxas, máis modernizadas e tecnificadas, equipadas con modernos sistemas de ventilación e calefacción que lle permiten meter máis polos por metro cadrado están a exercer unha importante competencia coas granxas máis antigas. López alerta de que estas granxas máis vellas están condenadas a pechar. “Por cada granxa nova que se abre en Galicia cerran 4 das vellas”, sentencia.

Segundo os datos que manexa o sindicato, no 2016 en Galicia contabilizábanse 782 granxas, 35 máis ca no 2012. E se se compara a produción, en 2016 incrementouse en 8.983.000 polos sacrificados en Galicia, situándose nos 78.701.000, con respecto ós 69.718.000 contabilizados no 2012.

“É un bo momento para o sector cun repunte para as novas incorporacións, pero as antigas están cada vez máis condenadas a pechar”, conclúe López. “As granxas máis antigas están xa amortizadas pero terán que acabar modenizándose porque as novas son cada vez máis competitivas”, coincide en destacar Juan Serrano, xerente de Aviporto. Con case trinta anos de experiencia no sector, Serrano apunta a que estas granxas precisan unha reinversión continua e incide na gran influencia que teñen as grandes empresas integradoras no devir do sector e escaso marxe de manobra dos criadores.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información