Gandería A Touza, unha pioneira da raza Limusín en Galicia

Situada na parroquia de Cabreiros, pertencente ao municipio lucense de Xermade, Vicente Prieto mantén unha explotación de 80 cabezas en ecolóxico cun alto nivel xenético, o que lle permite vender todos os animais para vida e obter unha maior rendabilidade

Gandería A Touza, unha pioneira da raza Limusín en Galicia

Vicente Prieto, propietario da Gandería A Touza.

Vicente Prieto comezou na gandería en 1984 cunha explotación de leite con medio cento de cabezas xunto cun irmán e hai xa 20 anos desfíxose das vacas de leite e pasouse á raza limusín. Foi das primeiras explotacións en Galicia en apostar por esta raza de carne “pola súa facilidade de parto”, explica Vicente. Comezou con 15 becerras traídas de Francia e foi recriando e mellorando xeneticamente a súa cabana.

Hoxe todos os seus animais están inscritos na Federación Española que agrupa aos criadores de raza limusín e a súa gandería, A Touza, forma parte do Programa de Valoración Xenética da asociación. Esta alta pureza e cualificación permítelle vender todos cantos animais saen da explotación para vida, tanto becerras para recría como machos para sementais. Outras explotacións galegas, e mesmo de León ou Portugal, mércanos para mellorar as súas explotacións.

becerros-na-pradeira3

Algúns dos xatos da explotación.

“Nos últimos anos aumentaron moito as ganderías 100% limusín en Galicia, pero cando nós comezamos non había ningunha”, lembra Vicente, que recorda que “aqueles primeiros animais que trouxemos tiñan un problema de carácter pero hoxe mellorouse moito niso a nivel de raza e son animais moi fáciles de manexar, tan dóciles como pode ser unha rubia galega”, conta.

A venda en vida permítelle a Vicente obter un maior rendemento ás 50-60 nais que ten na actualidade. Chegou a contar con máis dun cento, pero tivo que reducir case á metade a carga de animais para pasarse a ecolóxico hai xa case 10 anos. “Tanto as femias como os machos que nacen na explotación son vendidos para vida, só son enviados ao matadoiro se teñen problemas de patas ou de carácter”, explica o seu propietario.

Pero son casos moi contados. “O xato que matamos para a casa estámolo mercando, con dicirche iso está todo dito”, conta. Por iso, aínda que ten venda directa de canais a través da páxina web para aqueles animais que non se venden en vida, normalmente non ten nada que sacrificar.

140 hectáreas certificadas en ecolóxico

Vicente reconverteu a granxa das vacas de leite para almacén de forraxe e fai tamén ensilado naquelas parcelas que non se adaptan para pacer. “Temos unha carga de menos de 2 vacas por hectárea, polo que é raro que teñamos que mercar forraxe. Chéganos o que facemos, sobre todo rolos de silo de herba e algún de herba seca, só para darlles aos becerros pequenos cando se destetan, aló polos 7 ou 8 meses de vida na primavera e algo máis cedo cando coincide co inverno”, explica.

becerros-na-pradeira-A-Touza-

En total, A Touza conta con 140 hectáreas certificadas en ecolóxico, 75 delas de pradeira e o resto de pasto arbustivo. Tanto as vacas como as crías están todo o tempo en pastoreo, polo que a necesidade de superficie aumenta. Por iso Vicente ten tamén unha finca alugada de 48 hectáreas que está plantada a eucaliptos e que usa para descansar as súas parcelas no inverno. Para aumentar o tamaño das parcelas onde pace o gando mercaron fincas e fixeron permutas con veciños.

“A pradeira ecolóxica ten maior dificultade de implante cando se fan as renovacións, pero aguanta mellor en épocas de seca”

O feito de estar en ecolóxico tamén condiciona a necesidade e uso da pradeira. “En ecolóxico precisas máis superficie porque o pasto medra menos ao non usar abonos químicos”, conta Vicente, que explica que “a pradeira ecolóxica ten maior dificultade de implante cando se fan as renovacións, pero aguanta mellor en épocas de seca”.

Para controlar a competencia das malas herbas en gandería A Touza botan man dos desbroces. “Pasámoslles unha vez ao ano a todas as parcelas como mínimo e se son fincas con moita folgueira pasámoslles dúas veces porque o fento sae máis rápido e hai que estar máis enriba. Antes trouxeramos 14 cabalos de pura raza galega, pero viñan dunha comunidade de montes afeitos a estar libres e eran malos de manexar porque non deixaban achegarse e botábanse continuamente”, conta.

As parcelas desta gandería están na maioría dos casos rodeadas de monte, algo que lles serve de barreira natural para evitar a contaminación cruzada doutras fincas próximas traballadas en agricultura convencional.

Malia aos condicionantes que lle supón, Vicente mantense en ecolóxico de xeito consciente. “Ao non vender animais para carne realmente non nos aporta nada estar en ecolóxico, pero máis que os posibles beneficios é unha maneira de pensar distinta”, argumenta. “Estou convencido de que ese é o camiño polo que hai que ir, porque hoxe o consumidor dalle cada vez máis importancia a comer san”, di.

Monta natural con touros testados

Usan monta natural para as inseminacións cun touro mercado a Xenética Fontao, porque “en pastoreo escápanse moitos celos”, di Vicente. Para manter o nivel xenético actual da explotación todos os touros usados en gandería A Touza son touros testados en Aranjuez, onde se atopa o centro de referencia a nivel estatal para a raza Limusín e ao estar tamén no Programa de Valoración Xenética teñen que inseminar un 10% con touros franceses.

O control é exhaustivo en todo momento. “Por exemplo, se queremos levar un macho noso a unha poxa para vendelo como semental temos que mandalo tres meses a Aranjuez á testaxe, non podemos mandar ningún animal a subasta por libre”, explica Vicente.

becerros-destetados-no-establo_-A-Touza-

Unha vez destetados, os becerros están na granxa ata que aparece un comprador.

Os xatos e xatas están no pasto coas nais até que son destetados. Despois van para a corte á espera de que apareza un cliente a quen vendelos. Na granxa son alimentados con silo presecado, penso e herba seca.

 

Aproveitar as novas tecnoloxías

“A información é algo básico”, asegura o propietario da gandería A Touza. “Vas a moitas explotacións nas que o gandeiro diche que el coñece moi ben as súas vacas. Pero iso non chega, hai que ter datos obxectivos e para iso os gandeiros temos que aproveitar as posibilidades que nos dan as novas tecnoloxías”, di convencido.

Unha das ferramentas que Vicente usa a diario é a aplicación do programa Isa Carne de Isagri. “É unha aplicación para o móbil que permite introducir datos no historial da vaca e sincronízaos directamente co ordenador, polo que é moi útil, porque non andas con papeis e tes en todo momento os datos que precisas. Por exemplo, anotas vía móbil tratamentos ou vacinacións no prado no momento no que estás pinchando ao animal e directamente pasa á súa ficha informática. Tamén serve para escoller os touros en función da consanguineidade, dáche o traballo feito. Tamén é útill á hora de seleccionar a recría ou para facer descartes e detectar vacas con historial de coxeiras ou outros problemas. Así que esta ferramenta informática simplifica a información e a xestión da explotación e facilita a toma de decisións”, asegura.

Pesaxes cada tres meses

Vicente usa a báscula como ferramenta de traballo habitual para a toma de decisións. Fai pesaxes cada tres meses nunha báscula móbil da cooperativa da que forma parte. “Os animais pésanse ao nacemento con cinta e despois faise outra pesada aos 3 meses de vida e outra ao destete, onde tamén son clasificados”, explica.

Durante anos a selección da raza Limusín fíxose en base ao peso dos animais. Era a ferramenta básica para estandarizar datos como facilidade de parto e capacidade leiteira das nais ou capacidade de engorde ou índice de conversión dos becerros. Pero neste momento a Federación emprega como complemento o sistema Iboval para captar, manexar e interpretar os datos. “É o sistema que leva a Federación para a valoración xenética dos animais e crúzanse os datos con Francia”, conta Vicente.

“Ao vender para vida sacas un pouco máis de rendemento, pero ten tamén outros gastos que non ten vender para carne, como máis control nos animais, máis gastos de manexo ou máis gasto en xenética”, explica. A Touza ten un remolque para facer o transporte dos animais e poñelos na explotación que os mercou.

“Tamén damos moita importancia ao tema sanitario”, relata. “Sángranse todos os animais a partir dos 9 meses e cada vez que vendemos unha xata ou un xato sacámoslles as probas todas de antíxenos e anticorpos para garantir que saen sans de aquí”, explica. Non tiveron ningunha vaca positiva en IBR ou BVD malia que non vacinan para iso. A explotación forma parte da ADS Trimaz, da que Vicente é o presidente desde fai un ano.

novo-peche-nunha-das-parcelas-A-Touza-

Un dos novos peches nunha das parcelas de A Touza.

Atende el só a explotación cun reforzo puntual durante varios meses no verán, cando hai máis traballo. “Aínda que hai moitas empresas externas de traballos agrícolas, procuramos contratar a alguén e facer as distintas labores con maquinaria nosa, deste xeito creamos un posto de traballo”, defende. A persoa contratada axúdalle a recoller a forraxe e amañar os peches, unha tarefa que unha persoa soa non sería capaz de facer.

Tándem burro-mastín contra o lobo

A burra Kika contribúe a evitar a incursión do lobo na fincas e danos ó gando.

A burra Kika contribúe a evitar a incursión do lobo na fincas e danos ó gando.

“Aquí nunca foi zona de lobos e agora velos de día e van matar becerros ao pé das casas”, di o propietario desta gandería. Para loitar contra o lobo ten seis mastíns, que tamén son útiles contra o xabarín. “Normalmente témolos nas fincas onde están os becerros e desde que temos os cans, fai xa dous anos, non tivemos ningunha perda, antes tiñamos baixas de vacas e tamén de becerros, mesmo a tres xuntos”, conta.

“Dende que temos os mastíns non tivemos ningunha perda. Antes tiñamos baixas de vacas e de becerros, mesmo a tres xuntos”

Para os mastíns serve o mesmo peche das vacas. “Poderían marchar se quixeran, pero non se van de xunto das vacas, non saen da finca”, di. “Sempre están pendentes, os cans notan cando un becerro ten dificultades e están con eles, sen marchar do seu carón”, engade.

Vicente mercou os seus mastíns a un gandeiro de León. Trouxo dúas cadelas adultas a partir das que foi criando. Agora vai comezar a vender camadas de mastíns para compensar un pouco os gastos de telos, como os de alimentación. Dalles carne porque o penso comíanllelo as vacas e a burra.

Porque na gandería A Touza teñen tamén unha burra comprada en Asturias que comparte fincas cos mastíns e os becerros limusín. “Merqueina antes de ter os mastíns, pero coa burra soa non chegaba, porque a burra alerta, pero non repele o ataque”. Agora compleméntanse á perfección: a burra Kika avisa aos cans e os mastíns espantan ao lobo.

No barrio da Touza, pertencente á parroquia de Cabreiros, quedan só dúas explotacións de carne e ningunha xa de leite. A Vicente non lle ven de familia a actividade gandeira. “Meu pai non tiña vacas e as fincas eran duns tíos meus, pero a min gústame isto e teño un cativo de 8 anos e non podo negar que me gustaría que el seguira coa actividade”, recoñece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información