Galicia aspira a ser declarada libre de tuberculose bovina antes do 2020

A xefa do servizo de Sanidade Animal da Xunta, Marta Muñoz, analizou nas xornadas de Seragro a posibilidade de erradicación da enfermidade. Desminte mitos coma a existencia habitual de falsos positivos ou que haxa vacas que no matadeiro se demostre que estaban limpas

Galicia aspira a ser declarada libre de tuberculose bovina antes do 2020

Presentación de Marta Muñoz sobre a tuberculose bovina nas xornadas de Seragro. / Imaxe: Seragro.

A tuberculose bovina é unha enfermidade altamente contaxiosa e persistente que se comezou a combatir en serio en España a partir do 1989, cando se puxo en marcha o Programa Nacional de Erradicación da Tuberculose. Daquela, Galicia tiña máis dun 16% do gando infectado. Hoxe en día, tras os esforzos de gandeiros e veterinarios durante 25 anos, a comunidade ten o índice máis baixo de España, o 0,08%. Se a tendencia decrecente prosegue, Galicia podería declararse territorio libre de tuberculose antes do 2020.

A declaración da comunidade como territorio libre de tuberculose tería efectos positivos sobre toda a gandería. A xefa do servizo de Sanidade Animal da Xunta, Marta Muñoz, que expuxo a situación galega nas recentes xornadas de Seragro, en Lugo, destaca como primeira vantaxe a clara mellora que representaría na sanidade animal e na saúde pública. A gandería galega pasaría a ostentar ademais un estatus sanitario privilexiado, o que constituiría unha oportunidade e un reforzo nos mercados.

Outras vantaxes da erradicación da tuberculose pasarían por unha menor presión diagnóstica sobre os rabaños e pola liberación de fondos para encarar outras enfermidades, segundo destaca Marta Muñoz.

Casos
En Galicia, no 2015 detectáronse 28 focos, un 64% novos e un 36% persistentes. Nestes últimos optouse por facer un baleiro sanitario. As causas dos brotes debéronse á entrada de animais infectados na explotación ou ó rexurdimento de focos antigos.

A xefa do servizo de Sanidade Animal da Xunta incidiu na necesidade de non baixar a garda ante a tuberculose e quixo desmentir algúns mitos que circulan no sector, como a existencia xeralizada de falsos positivos ou a influenza da fauna salvaxe na tuberculose bovina en Galicia. Muñoz destacou os seguintes mitos:

1) A fauna silvestre é a culpable

En Galicia, analizáronse máis de 2.000 mostras de xabarín, 600 de corzos e 200 de carnívoros, atopándose unha prevalencia moi baixa de tuberculose. En xabaríns, sitúase no 2,59%, cando en territorios do sur peninsular os positivos dos porcos bravos sobrepasan o 50%. O principal reservorio da tuberculose en Galicia son os bovinos.

2) Todos son falsos positivos

“Por que unha proba é boa cando dá negativo e é falsa se o resultado é positivo?”, pregúntase Marta Muñoz. A xefa do servizo de Sanidade Animal incide en que os Servizos Veterinarios Oficiais deben investigar cada caso de xeito individual para protexer ó resto de gandeiros. Sinala tamén que os veterinarios fan un estudo de avaliación do risco individualizado en cada explotación e advirte de que as probas son capaces de detectar animais infectados que aínda non presentan lesións nin outros síntomas.

De feito, Muñoz, a preguntas do público, amosouse nas xornadas máis preocupada polos falsos negativos, pois en determinados casos o test oficial pode dar negativo e a res estar infectada. En situacións de sospeita, os veterinarios poden recurrir a unha segunda proba, a través dun test Elisa, un método cuxa eficacia considérase garantida pero que non está validado para uso oficial. “Se unha vaca dá positivo co test Elisa, falamos co gandeiro, explicámoslle a situación e normalmente accede a que a vaca sexa sacrificada”, sinalou Muñoz.

3) Matáronas e logo estaban limpas

Se as vacas se levan ó matadoiro e o cultivo que se fai a partir de mostras do animal dá negativo, non se pode descartar que a vaca estivese infectada. Moitos animais non presentan lesións ou non as teñen nos órganos que son obxecto de mostraxe. Outras veces a carga bacteriana é moi baixa ou a infección foi debida a cepas de crecemento lento. En definitiva, se o cultivo dá positivo, a explotación estaba infectada, pero se dá negativo, non se pode descartar que sexa positiva.

4) “Eu non podo facer nada. É unha lotería”

O papel do gandeiro é moi importante para previr a infección. A xefa de Sanidade Animal da Xunta, Marta Muñoz, efectúa as seguintes recomendacións:

– Evitar a entrada de reses nas explotacións. En caso de compra de animais, a orixe preferente é Galicia. Debe evitarse a entrada de animais procedentes de comunidades autónomas ou países con maior índice de prevalencia da enfermidade que Galicia.

– Colaborar cos servizos veterinarios oficiais no seguemento de animais ou de focos con tuberculose.

– Garantir a bioseguridade das explotacións: control da entrada de animais e persoas; non mesturar con animais doutras explotacións, etc.

– Garantir un manexo axeitado, mantendo en todo momento a limpeza, a hixiene e a boa alimentación. Iso repercutirá nun mellor estado inmune do animal.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información