Expolugo volve converterse esta fin de semana no escaparate das razas autóctonas

Máis de 200 cabezas de gando vacún, cabalar, ovino e caprino e de can de palleiro, galiña de Mos e porco celta daranse cita o sábado e o domingo no Pazo de Feiras de Lugo. A entrada é de balde e haberá tamén degustacións, paseos a cabalo e un desfile polo centro da cidade

O desfile de gando, que terá lugar o sábado pola mañá, percorrerá as rúas do centro da cidade de Lugo

O desfile de gando, que terá lugar o sábado pola mañá, percorrerá as rúas da cidade

Coincidindo co San Froilán, o Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo acolle esta fin de semana a mostra agrogandeira Expolugo 2019, con 200 cabezas de gando de 8 razas autóctonas diferentes e actividades complementarias como premios, mostras de artesanía, presentación de produtos e degustacións.

Trátase dunha mostra xa consolidada no sector e un referente tanto na provincia de Lugo como no resto da comunidade, que amosa á perfección a importancia e o potencial do sector primario na provincia de Lugo e que chega este ano xa á súa XXII edición coa presenza de 40 expositores.

Acto de presentación de Expolugo 2019

Acto de presentación de Expolugo 2019

O sábado 5 e o domingo 6 durante todo o día (de 12 da mañá a 9 da noite) e con entrada de balde o público poderá disfrutar dun completo programa. O ano pasado asistiron máis de 15.000 persoas a esta feira especializada no eido gandeiro e agroalimentario, complementada con empresas relacionadas co sector primario.

Como xa é tradicional, en Expolugo están representadas as principais razas autóctonas galegas, coa presenza das súas asociacións xestoras e mostra de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola mostran unha selección dos seus mellores exemplares, chegados de distintos puntos da provincia de Lugo.

Outro dos puntos fortes é todos os anos o desfile de gando polas rúas do centro da cidade, que congrega numeroso público e levanta grande expectación. Neste enlace podes ver unha galería de fotos da pasada edición.

Concursos morfolóxicos

Expolugo AvimosExpolugo convértese de novo esta fin de semana na máis completa exposición gandeira de razas autóctonas de Galicia, na que participarán máis de 200 animais de distintas especies. As principais asociacións gandeiras de razas autóctonas de Galicia están presentes con animais vivos en Expolugo: ASOPORCEL (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta), OVICA e ASOVEGA (Ovella e Cabra galegas), AVIMÓS (Galiña de Mos), BOAGA (Vacas das razas Cachena,Vianesa, Limiá, Caldelá e Frieiresa ) e ACRUGA (Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega).

Algunhas destas asociacións levan a cabo en Expolugo os seus concursos morfolóxicos, como é o caso do III Concurso Monográfico Provincial da Raza Porco Celta, o Concurso de Raza Rubia Galega, o XIII Concurso Monográfico de Can de Palleiro ou o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega. Expolugo tamén contempla actividades para os máis pequenos, como paseos en cabalos de pura raza galega, que terán lugar o domingo entre as 17:00 e as 19:00 horas.

Presentación de novidades en agroalimentación ou maquinaria e mostra de artesanía

foto ExpolugoAdemáis da zona expositiva agrogandeira, agroalimentaria e artesá, cun total de 40 expositores, a feira verase completada con outras actividades habituais en Expolugo, sempre relacionadas co sector primario:

– Presentación de produtos e novidades no sector en servizos, ferramentas, aplicacións, maquinaria, etc.

– Charlas técnicas a cargo das asociacións participantes no evento, como poden ser as organizadas por ACRUGA, ASOPORCEL, OVICA, etc. Charlas sempre abertas a todos os públicos e nas que sobre todo asiste público especializado nas diferentes temáticas que se aborda.

– Celebración de asembleas e xuntanzas de socios: cada ano algunhas das asociacións que participan na mostra agrogandeira, deciden facer coincidir en datas a celebración das suas asembleas anuais. É o caso de AVIMÓS ou ACIVO.

– Mostra de artesanía: os principais artesáns da provincia participarán nesta mostra onde se poderán ver demostracións e adquirir produtos elaborados artesanalmente (tear, madeira, coiro, etc.).

Protagonismo para as razas autóctonas galegas

Expolugo cabra e ovella galegaUnha parte moi importante de Expolugo xira arredor da visibilización e posta en valor das razas autóctonas galegas, cunha serie de accións encamiñadas ao intercambio de experiencias entre os criadores e ao seu coñecimento tanto entre o público en xeral como entre os consumidores:

– Degustación de produtos de raza autóctona: Como maneira para achegar este tipo de produtos ao cidadán, realizarase unha degustación, onde se explicarán as características dos produtos das razas autóctonas. Como novidade este ano, o domingo entre as 13:30 e as 16:00 horas, Expolugo contará cunha degustación gastronómica de produtos de razas autóctonas de Galicia a cargo de 100% Feito en Galicia, elaborado polo prestixioso cociñeiro Oliver Fernández Batista, do Barco de Valdeorras. O prezo será de 3€ e inclúe unha tapa a escoller con cabra galega, cachena, galiña de mos ou porco celta máis bebida.

Entregarase documentación a todos os visitantes de onde poden adquirir os produtos das nosas razas autóctonas.

– Mercado Alimentario de Razas Autóctonas, con venda de productos directamente do produtor ao consumidor.

– Exposición das razas autóctonas bovinas en perigo de extinción (Cachena, Caldelá, Limiá, Frieiresa e Vianesa).

– Exposición das razas Ovella Galega e Cabra Galega.

– VII Concurso-Exposición Provincial da Galiña de Mos

– Exposición de raza Porco Celta

– Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega (V memorial Luciano Sánchez) e concurso-exposición de gando de raza Rubia Galega

Desfile de gando polo centro da cidade

O desfile de gando conta cunha mostra de animais de distintas razas e maquinaria clásica

O desfile de gando conta cunha mostra de animais de distintas razas e maquinaria clásica

Expolugo é un complemento esencial do San Froilán, que naceu como feira de carácter anual. Para lembrar esta orixe, o sábado pola mñá  terá lugar un ano máis un desfile de gando polas rúas do centro da cidade na que participarán exemplares das distintas razas autóctonas que logo se poderán ver no Pazo de Feiras e Exposicións até o domingo á noite.

A gandería e os produtos do campo eran o eixo sobre o que se conformaba historicamente a festa do San Froilán, á que acoden todos os anos persoas de toda a provincia e de distintos puntos de Galicia. Expolugo contribúe así a manter a tradición das feiras polo San Froilán, á vez que se revaloriza a importancia do sector primario na provincia de Lugo, esencial na economía de moitos concellos e para manter un rural vivo.

A prensenza dos animais polas rúas do centro da cidade, moi perto do lugar onde outrora se celebraba a Feira de Gando, no espazo que hoxe ocupa a estación de autobuses, congrega cada ano a numeroso público e serve para lembrar o carácter rural dunha cidade coma Lugo, cunha perfecta simbiose entre o rural e o urbano dentro dun termo municipal que conta con 54 parroquias rurais.

cartel Expolugo 2019PROGRAMA EXPOLUGO 2019:

SÁBADO 5 DE OUTUBRO

11:15 h.- Desfile de Gando pola cidade de Lugo. Participarán no desfile exemplares de animais das asociacións ASOPORCEL, OVICA, ACRUGA, BOAGA, GALIÑA DE MOS, ASOVEGA , AVIMOS, CAN DE PALLEIRO e MUVICLA (MUSEO VIVO INTEGRADO DO CAMPO E DA LOCOMOCIÓN AGRARIA). O percorrido transcorre polo tramo peonil da Ronda da muralla, Praza da Constitución, entrada pola Porta do Campo Castelo, Praza maior (recepción diante da casa do Concello), Rúa Bispo Aguirre, volvendo ao punto de partida.

13:15 h.- Inauguración Oficial Expolugo, A Rural 2019

13:45 h.- Entrega de diplomas e clausura do Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega – V Memorial Luciano Sánchez.

17:00 h.- XIII Monográfico Can de Palleiro

Outras actividades:

– III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta.

– Concurso – Exposicións de Gando de Raza Rubia Galega. V Memorial Luciano Sánchez

DOMINGO 6 DE OUTUBRO

12:00 h. a 14:00 h.- Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega

13:30 h. a 16:00 h.- Degustación de produtos de razas autóctonas de Galicia a cargo de 100% Feito en Galicia, elaborado polo prestixioso cociñeiro Oliver Fernández Batista do Barco de Valdeoras (prezo degustación: 1 tapa a escoller con cabra galega, cachena, galiña de mos ou porco celta + auga, viño ou caña, tres euros).

17:00 h. a 19:00 h.- Paseo en cabalos de pura raza galega para nenos.

19:00 h.- Entrega de premio do III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta

21:00 h.- Clausura da XXII edición de Expolugo, A Rural 2019

Outras actividades:

– III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información