Denuncian que os ataques do lobo provocan o peche do 7% das ganderías de ovino e caprino en Galicia

Denuncian que os ataques do lobo provocan o peche do 7% das ganderías de ovino e caprino en Galicia

Foto dunha camada de mastíns nun rabaño de cabrún en Becerreá (OVICA)

A Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica) amosa a súa preocupación polo constante incremento de ataques producidos por fauna salvaxe (lobo sobre a gandería e xabaril sobre a agricultura) nos últimos anos, “sen que a dotación orzamentaria que está a destinar a Xunta de Galicia dende a Consellería de Medio Ambiente sexa suficiente para paliar os danos que están a sufrir os nosos gandeiros e agricultores”, opina.

Neste sentido, Carlos Rodríguez, director técnico de OVICA e profesor de Economía Aplicada na USC, incide en que o número de animais mortos nas granxas en Galicia non deixa de medrar ano a ano. “Así, en 2.014 as camadas de lobo censadas en Galicia pasaron de matar 1.466 cabezas de gando a 2.379 en 2.017, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural recentemente”, advirte. Isto supón un 62,28% máis.

Por especies, no caso do ovino, as ovellas mortas pasou de 946 en 2014 a 1288 ovellas en 2017; de 86 cabras en 2014 a 242 cabras en 2017, de 308 vacas en 2014 a 593 vacas en 2017; e de 126 cabalos mortos en 2014 a 256 cabalos en 2017.

“Estas cifras son verdadeiramente alarmantes, -resalta Carlos Rodríguez-, pois indica que dende que comencei a traballar en Ovica fai 5 anos é a primeira vez que vin como 11 ganderías de ovino e cabrún -4 no último ano- tiveron que pechar por continuos ataques recorrentes de mandadas de lobos en zonas tan diversas, como Becerreá, Cotobade, Guitiriz, Muras, O Irixo e Vilasantar”.

“Os ataques de lobo provocaron o peche dun 7% do total de gandarías de Ovica”

Así, denuncia que “os ataques de lobo provocaron o peche dun 7% do total de gandarías de ovino e cabrún existentes na Asociación”. Ademais, asegura que “o atraso no pago das axudas paliativas polos ataques de lobo e a mala xestión administrativa na orde de axudas preventivas non está a evitar que esta situación se converta en crítica para o sector da gandería extensiva en Galicia”.
Dende OVICA estase a elaborar un informe en colaboración co resto de membros integrantes de O Xan (Grupo de opinión sobre a xestión do lobo en Galicia), para darlle traslado á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dependente da Consellería de Medio Ambiente, co obxectivo de que mellore a execución das ordes de axudas que convoca con carácter anual.

Medidas propostas por Ovica

Entre as medidas “máis urxentes e necesarias” que propón Ovica, figuran a necesidade de efectuar o pago aos gandeiros/as afectados/as polos ataques con máis celeridade da actual. “O atraso actual oscila arredor de 4 a 6 meses dende a comunicación do dano e a solicitude para paliar os danos, (…..) e cumpriría que por parte da Consellería o período de execución do pagamento non se dilate máis aló de 3 meses dende a data do ataque”, explica Carlos Rodríguez.

Outra demanda é que se actualicen as axudas, con prezos reais de mercado do ovino e cabrún, consensuados cos principais sindicatos agrarios, tal e como se procedeu na última convocatoria cos prezos do vacún. Como exemplo, defenden que “non se pode seguir a pagar 26 euros por unha ovella reprodutora de máis de 6 anos cando de media pode manterse outros 4-5 ciclos reprodutivos na cría de cordeiros para a súa venda”.

En concreto, demandan que nese tramo de idade se deben incrementar os baremos nun 50% e un 20% nos tramos de idades inferiores, cando menos na calidade normal, que é a maioría dos gandeiros do sector en Galicia.

Por outra parte, Ovica está a elaborar un informe que acredite mediante a metodoloxía de lucro cesante a mingua produtiva nos 2 anos seguintes ao ataque polos abortos provocados no rabaño no momento do ataque, debido ao estrés post-traumático que sofren os animais que sobreviven.

Valoración das axudas de prevención

En canto as axudas de prevención de danos, Ovica recorda que na última convocatoria de 2.017 se concederon unicamente 237 axudas das 858 solicitudes presentadas na liña de prevención de danos á agricultura, dotada con 119.361 €. Mentres que na liña de prevención de danos á gandería só se concederon 220 axudas das 640 solicitadas, cunha dotación de 176.881 €., segundo os datos facilitados pola propia Consellería.

Neste sentido, Ovica agradece que a Consellería de Medioambiente recupere as axudas para previr os ataques do lobo pero recorda que “a asignación orzamentaria anual é claramente escasa, pois só se chega a dar cobertura entre unha cuarta parte e un terzo das solicitudes presentadas”.

Ademais, Ovica reclama incorporar un discriminante positivo na baremación das solicitudes para a convocatoria de 2018 para os mozos/as menores de 40 anos que se incorporan á actividade agrícola e gandeira. “É necesario que os rabaños de recén incorporados ao noso rural poidan dispoñer deste tipo de axudas nas primeiras fases de instalación, xa que investimentos tan necesarios como os mastíns non están incluídas nas axudas de incorporacións e plans de mellora polo que esta é a única vía de acceder a este módulo subvencionable”, explica Carlos Rodríguez.

Tamén ven como imprescindible que a Consellería de Medio Ambiente estableza un protocolo cunha serie de medidas de actuacións urxentes en canto se detecte unha reiteración continuada no tempo de ataques de lobo sobre unha mesma zona ou ganderías afectadas, a fin de incrementar o asesoramento.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información