Cultura gandeira de montaña contra o abandono nos Ancares

A cooperativa A Carqueixa deseña un proxecto para recuperar prados de sega, pastizais e pastos arbustivos, así coma para mellorar estruturas tradicionais de rega

Publicidade
Cultura gandeira de montaña contra o abandono nos Ancares

Prado natural dos Ancares cun sistema de rega tradicional. / Imaxe: David López.

A montaña lucense experimenta desde hai tempo un forte descenso poboacional, con perdas que rondan o 25% do censo na última década. Concellos como Cervantes ou Navia de Suarna, nos Ancares, conservan sen embargo unha importante actividade gandeira, sobre todo de vacas de carne, con máis de 300 explotacións en activo. Son a principal actividade no territorio, manteñen economía e paisaxe, pero atópanse con problemas frecuentes pola falta de pastos ou pola súa perda de calidade. A cooperativa A Carqueixa (Cervantes) está agora a buscar apoios para un plan de recuperación de prados de sega, pastizais e pastos arbustivos.

“O fortalecemento da gandería de montaña melloraría o atractivo da actividade para as persoas mozas, contribuíndo a súa incorporación ou a potenciar o seu retorno”, valoran desde a cooperativa. Ese é un dos obxectivos dun proxecto que ten outro foco de interese principal, a reducción do perigo de grandes lumes forestais, como o do pasado outono. “Estase investindo en estruturas pasivas contra incendios, coma cortalumes, cando a conservación dos prados de sega demostrouse clave para frear o avance dos incendios:”, explica David López, da Carqueixa.

Os prados salvaron á aldea de Vilar de Donís do lume o outubro pasado.

Os prados salvaron á aldea de Vilar de Donís do lume o outubro pasado.

Pastizais implantados e prados naturais
A cooperativa defende a necesidade de apoios para mellorar e aumentar os prados e pastizais de montaña. As vías posibles de traballo son múltiples. Nos anos 90, os técnicos de Extensión Agraria xa impulsaran a creación de pastizais artificiais nos montes veciñais da comarca, unha acción que foi decisiva para o desenvolvemento da gandería extensiva que hai hoxe en día na serra. É un exemplo, destacan na Carqueixa, de como medidas concretas contribúen a potenciar a gandería.

Aqueles pastizais creados hai décadas mantéñense en boa medida, se ben nalgúns casos foronse deteriorando e precisan de melloras. “Unha cuestión importante a traballar sería o aumento da biodiversidade dos pasteiros. As praderías artificiais son moi produtivas, pero teñen unhas esixencias de fertilización e de choivas que ás veces non se dan, polo que sería conveniente propiciar a súa naturalización con especies da zona, como as habituais nos prados de sega naturais, que en principio adáptanse mellor á comarca e ó cambio climático”, valora David López.

Árnica nun prado natural en Piornedo. / Imaxe: R. Hermida (AGCT).

Árnica nun prado natural en Piornedo. / Imaxe: R. Hermida (AGCT).

Os prados de sega de montaña constitúen un hábitat medioambiental prioritario a nivel europeo, pois caracterízanse pola súa biodiversidade, chegando a contarse neles ata 30-50 especies vexetais en espazos reducidos de 100 metros cadrados. “Son prados que en moitas ocasións se ven invadidos polo mato, perdendo o seu valor medioambiental e gandeiro, e que nos Ancares estanse mantendo polo esforzo persoal de moitos gandeiros. É precisa unha liña de axudas agroambientais que potencie a conservación dos prados de sega de montaña”, destaca David López.

Pastos arbustivos e baixo arborado
Outro dos puntos onde habería que actuar é nos pastos arbustivos, pois nos últimos anos houbo na montaña unha expansión do mato, mesmo invadindo antigos prados. Ese aumento do mato, que adoita atoparse denso e e xa en formacións vellas, pouco aproveitables polo gando, deriva ademais nunha maior carga combustible no monte, o que incrementa as dificultades en caso de lumes.

Gando en pastos arbustivos dos Ancares.

Gando en pastos arbustivos dos Ancares.

“O uso combinado de rozas e do pastoreo permitiría controlar a expansión do mato” -subliña David López-. “Poderíanse ademais vincular esas rozas e ese pastoreo a áreas de defensa contra incendios, como xa se fai noutras comunidades autónomas”.

A cooperativa tamén ve posibilidades na creación de pastos en zonas arboradas con masas de piñeiro silvestre, nas que poderían aplicarse fortes claras para establecer sistemas silvopastorais baixo arborado.

Son todas accións propostas pola Carqueixa nun plan de apoio á cultura gandeira para o que está a buscar financiación a través de distintas vías. A cooperativa, ligada ó Centro de Desenvolvemento Rural dos Ancares, traballa tamén na liña de recuperar elementos patrimoniais das ganderías a través das axudas para investimentos non produtivos en Rede Natura 2000, coas que se poden restaurar sebes, cortiñas (alvarizas), hórreos ou estruturas de rega.

Estruturas de rega

A recuperación ou nova construción de estruturas de rega, coma balsas, fontes ou pozos nos prados de sega, é ademais unha cuestión que nos Ancares se ve importante ante a ameaza do cambio climático. Xa houbo veráns difíciles, coma o do 2017, e desde a cooperativa consideran que cómpre valorar a instalación de estacións de bombeo alimentadas con enerxía solar para suministrar auga a abrevadeiros e balsas de auga.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información