Coren compra 4,7 millóns de quilos de castaña para a súa gama de porco Selecta

Coren compra 4,7 millóns de quilos de castaña para a súa gama de porco Selecta

Sinatura do acordo entre COREN e ALIBÓS

O Grupo Coren formalizou o convenio de adquisición de 4,7 millóns de quilos de castaña galega, que destinará á alimentación dos porcos da gama Selecta ao longo do ano 2020. O acordo de compra foi ratificado por parte de Manuel Gómez-Franqueira Álvarez, presidente do grupo Coren, e Jesús Quintá, xerente de Alibós, a maior empresa recolectora e transformadora de castaña de Galicia.

Grazas á súa gama Selecta de porco alimentado con castañas, Coren converteuse nun dos principais demandantes de castaña en Galicia. Os 4.700.000 quilos de castaña adquiridos -unha cifra lixeiramente superior aos 4.500.000 comprados a pasada campaña- para consumir durante 2020 supoñen, segundo Coren, unha achega económica ao campo galego de 7.100.000 euros.

Ademais da súa repercusión en termos económicos, desde a cooperativa ourensá destacan que “esta iniciativa ten un impacto ambiental positivo, xa que os 4,7 millóns de quilos colleitados este ano pola cooperativa representan uns 160.000 castiñeiros e a recuperación de 2.100 hectáreas de terreo, con castiñeiros que absorben ao ano 12.500 toneladas de CO2”.

Para a alimentación dos porcos da súa gama Selecta, Coren adquire a castaña cada ano en tempada. Posteriormente, pasa por un proceso de pelado e cocción (para evitar o amargor da casca e facilitar a súa dixestibilidade), e posterior conxelado, o que permite a súa conservación co fin de ter dispoñibilidade para a alimentación dos porcos durante todo o ano, mantendo intactas as súas propiedades nutricionais.

Desde que en 2012 lanzou a súa gama de carnes de porco alimentado con castaña, a demanda deste froito por parte de Coren foi continua, contribuíndo así á creación de riqueza no campo galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información