Cooperativa Caprina Galega: produtores de cabrito, leite e queixo

Miguel e Paula comezaron hai 4 anos cunha gandería de cabras en Mondariz, pero a escaseza de forraxe na zona fixo que se trasladasen ata Chantada. Producen e comercializan directamente cabritos, leite e os seus propios queixos elaborados con leite cru

Cooperativa Caprina Galega: produtores de cabrito, leite e queixo

Miguel, cun dos machos do seu rabaño.

Miguel Rodríguez e a súa parella Paula Garrido comezaron hai pouco máis de 4 anos cunha gandería de cabras no concellode Mondariz (Pontevedra). Neste tempo afrontaron o traslado da súa explotación ata Chantada (Lugo), na procura de aforrar nos custos dos forraxes e dispoñer de base territorial para pastorear. Tamén superaron un desaxuste da alimentación que minguou o seu rabaño case á metade o que motivou o abandono dos outros dous socios involucrados nun principio neste proxecto. Porén, aínda que os comezos foron duros, nestes anos chegaron a contar con máis de 300 cabras e apostan por supervisar e estar presentes en todo o proceso de elaboración dos seus queixos para conseguir que “sexan o máis naturais posibles”, reivindica Miguel.

Nos primeiros anos tiveron un desaxuste do penso que minguou o seu rabaño case á metade, aínda así chegaron a ter 300 cabras

Logo dun curso de emprendemento no rural, Miguel comezou a interesarse pola gandería. “Empezar con vacas, sen instalacións, animais, nin terra era inasumible e optamos polas cabras porque era máis accesible”, recorda o gandeiro. Cando estaban aínda cos preparativos do proxecto, xurdiulle a oportunidade de coller unha gandería en Mondariz, preto de Ponteareas, onde vivían. “Levaban pouco tempo e decidiron deixalo porque viron o traballo que implicaba”, explica. Mercáronlle os animais e alugáronlle as instalacións durante un ano.

Miguel quería apostar polo pastoreo e nesa zona estaban moi limitados tanto para sacalos animais a pacer como para conseguir os forraxes para alimentalas, o que motivou que se trasladasen ata Chantada. “Estabamos mercando xa boa parte da herba a xente desta zona e tiñamos aseguradas terras para o pastoreo unha vez que rematasen as concesións, por iso decidimos vir para Chantada”, apunta o gandeiro.

Cabras alpinas

En Chantada esta gandería, socia da Asociación de Criadores de Ovino e Cabrún de Galicia (OVICA), conta cunha nave duns 1.000 cadrados rodeada de 3 hectáreas onde na actualidade teñen unhas 200 cabras (160 adultas e o resto máis novas). A maior parte das súas cabras son de raza alpina, uns animais que contan cunha produción de leite elevada. Nun principio, querían apostar pola cabras murcianas que “aínda que son cabras do sur de España adáptanse perfectamente en Galicia”, explica Miguel.

Contan cunhas 200 cabras de raza alpina e murciana

Pese a que as cabras alpinas teñen unha produción alta, para a elaboración do queixo precisase máis cantidade que do leite das murcianas, por iso querían apostar por esa raza, pero tiveron moitas dificultades para conseguilas, polo que optaron por mercar as alpinas. “Para un quilo de queixo precisas arredor de 7 litros de leite de cabra alpina, mentres que co leite da murciana chégache con 5”, apunta Miguel. Agora teñen xa varios exemplares de cabra murciana.

Produción de leite e queixos

En plena lactación, ó mes e medio de parir, o rabaño produce uns 400 litros ó día. Miguel optou por facer só un muxido ó día, posto que muxir 150 cabras lévalle case 4 horas. Cando chegan ó punto máis alto de lactación é tamén cando lle sacan os cabritos. “Nese momento reducímoslle un pouco a ración para que durante o segundo mes se estabilicen nos 2,5 litros”, precisa o gandeiro.

A maior parte do leite destínano á produción dos seus queixos. El mesmo se encarga de transportar o leite ata a queixería que está situada en Castro Caldelas (Ourense) que comparte con outro produtor de queixos de cabra. “Aquí non nos viña ninguén polo leite polo que tiven que mercar un camión e transpórtoo nun tanque de 1.200 litros”, detalla. O leite que non destina á produción de queixos, véndeo directamente a pequenas queixerías a un prezo medio de 80 céntimos o litro,  “senón non chega nin para cubrir gastos”, matiza.

No 2017 un dos seus queixos semicurados natural obtivo a medalla de bronce no World Awards Cheese

En canto ós queixos, traballan, sobre todo, os semicurados tanto de pasta branda como de pasta dura. “Buscamos un queixo o máis natural posible”, explica o produtor. Pero aparte diso, contan con algúns queixos diferenciados posto que elaboran un queixo envolto en pimentón, propio das Illas Canarias, e tamén un queixo de malte de cervexa. “O que fai a malte é darlle un toque amargo similar ó da cervexa”, detalla o produtor.

Os seus queixos tamén recibiron xa o recoñecemento internacional, xa que o ano pasado presentaron por primeira vez un dos seus queixos semicurados natural ó World Awards Cheese e obtiveron a medalla de bronce.

A meirande parte da produción de queixos comercialízana en feiras, unha labor da que se encarga directamente Paula. Tamén contan con tendas en Santiago, Pontevedra, Vigo e Lugo ás que lle serven directamente. “Temos xa peticións doutros clientes, pero agora mesmo non damos feito máis entregas. No 2019 queremos centrarnos máis na produción de queixos e comezar a coller máis clientes”, adianta Miguel.

Miguel-Cabrito-Alpino-Coop-Caprina-Galega-

Medio milleiro de cabritos ó ano

O seu rabaño compleméntase cos cabritos e este ano contabilizan entre 180 e 200. Esta tempada, por circunstancias familiares, tiveron que reducir o seu rabaño e tamén desaxustaron os partos. Así, as cabras no canto de parir nos meses de marzo e abril fixérono aínda a finais de novembro e comezos de decembro e arredor dunhas 40 quedarán xa para o mes de abril.

Venden os cabritos ó mes e medio cando acadan arredor dos 7 quilos de peso, aínda que se adaptan ás esixencias do mercado

Estes cambios fixeron que tamén se reducise notablemente o número de cabritos, xa que o ano pasado venderon un 500. Adoitan vendelos cando teñen arredor de mes e medio e ata ese momento mantéñense co leite das cabras. Véndenos tanto vivos, a un prezo de entre 6 e 9 euros o quilo, dependendo da tempada, así en como xa en canal (entre 10-13 euros) logo de sacrificalos nun matadoiro autorizado de Taboada (Lugo).

Normalmente, os cabritos que venden acadan os 7 quilos de media, pero adáptanse ás esixencias do mercado. “Os clientes da zona de Chantada buscan un cabrito de 5 e 6 quilos, mentres que na zona do sur de Pontevedra queren un cabrito máis grande, xa de entre 10 e 12 quilos, por iso entre os dous mercados ímoslle dando saída”, comenta.

Unha amamantadora adaptada

A época dos nacementos é un dos momentos de máis traballo na granxa, e este ano moitas cabras tiveron partos con 4 ou 5 cabritos, e as diferenzas entre os animais son notables polo que teñen un bo número de animais máis pequenos que precisan de máis atención. Estes cabritos máis pequenos permanecen apartados baixo unha lámpada de calor para que sobrevivan e tamén son criados a biberón, unha tarefa que se repite á mañá, á mediodía e á noite e que implica preto de dúas horas. “Ó ser así pequenos non maman todo seguido, hai que darlle ós poucos e iso leva máis tempo”, apunta.

Cabritos-amantadora-Coop-Caprina-Galega

Miguel fixo unha adaptación para amantar os cabritos.

Pero ademais dos máis pequenos, tamén hai algúns destes cabritos que non están coas cabras porque estas os rexeitaron ou porque perderon algunha toma de leite. “Ás veces, aínda que a cabra os estea a chamar, os cabritos quedan quietiños e non se levantan para ir mamar e logo cando o queren facer xa non teñen forzas para ir, por iso estes tamén os apartamos para darlle de mamar e logo xa volven para onda as cabras”, argumenta o gandeiro.

O volume de cabritos nestas circunstancias deste ano, fixo que Miguel precisase dunha amantadora mecánica para dar abasto e no canto de mercar unha optou por facer unha adaptación que cumpre a función. “No canto dos 3.000 euros que me podía custar a máquina fixen unha por 300”, recoñece. Unha adaptación cun vello tanque de frío no que, mediante unha bombona de butano mantén o leite quente para que os cabritos coman cando precisan. A diferenza do resto dos cabritos, estes aliméntanse de leite en pó xa que aguanta se volverse acedo aínda que estea moito tempo quente.

Coidar a alimentación

Un dos atrancos máis significativos que tiveron nestes catro anos veu por un desaxuste na alimentación, en concreto no penso. “A formulación do penso non era a axeitada e matounos 170 cabras”, recorda Miguel que pese a ter denunciado á empresa, non conseguiu un fallo ó seu favor.

A alimentación é a base de penso e herba seca. Toda a herba mércallela ós veciños da zona e tamén trae palla de Castela. As cabras consumen arredor duns 300 quilos de herba ó día. “Ó principio viñemos para Chantada logo de atopar a nave porque tamén iamos coller uns terreos para pastorear as cabras e producir forraxes, pero ó final seguiron coa concesión e nós sen terras”, comenta.

“Para facer os queixos que queremos temos que controlar ó máximo o que comen as cabras, xa que ó facelos con leite cru calquera mínimo cambio nótase”, matiza. Así, supervisa os pastos de onde procede a herba que merca para asegurarse que son terreos sen fertilización nin sementados.

Cabras-Coop-Caprina-Galega-

As cabras inxiren tanta herba seca coma penso.

Ás veces, pese ós controis e esixencias, tamén se producen alteracións. Ante a escaseza de herba seca do ano pasado optaron por alimentalas con polpa de remolacha azucreira “pese a que se somete a proceso de desinfección logo de sacarlle o azucre, nalgún momento do seu almacenaxe debeu fermentar e provocounos un ataque de Clostridium”, recorda Miguel. Aínda que no leite, nin na saúde das súas cabras, non notaron nada, os seus queixos acusárono ó cabo dun mes. “Cando xa case estaban listos comezaban a estoupar. Botamos case dous meses sen queixos”, explica.

Pese a todo, Miguel está convencido da importancia de elaborar queixos de calidade con leite cru e de pastoreo, por iso tamén se afana en atopar una nova granxa na zona de Ponteareas, para poder coidar da súa familia, ter terra para pastorear as súas cabras e centrarse na produción dos queixos. “A xente realmente non sabe todo o traballo que pasamos para elaborar queixos de calidade”, conclúe o gandeiro.

Queixos elaborados por Cooperativa Caprina Galega: 

COOPERATIVA CAPRINA GALEGA

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información