¿Como poden influír os acordos da Unión Europea con Mercosur e EE. UU. no vacún de carne?

Recollemos as valoracións dende o sector tralos últimos acordos selados na UE cos que se variarán as exportacións de carne que chegarán a Europa procedente destes países. Preocupa o impacto nas ventas de carne pero tamén a competencia desleal que poida supoñer para os produtores europeos

¿Como poden influír os acordos da Unión Europea con Mercosur e EE. UU. no vacún de carne?

O recente acordo comercial da Unión Europea con Mercosur, selado a finais do pasado mes de xuño, logo de 20 de anos de negociacións, fixo saltar a preocupación no sector do vacún de carne europeo, que se ve como un dos grandes prexudicados. O acordo permitirá as exportacións a Europa de 99.000 toneladas de carne de vacún procedente dos países de lationamérica. As maiores desconfianzas dende o sector cárnico europeo céntranse nas condicións coas que chegará esta carne ó mercado europeo, que tampouco atravesa o seu mellor momento en canto a consumos se refire.

A preocupación incrementouse logo de que a Unión Europea asinara a principios de agosto outro convenio polo que EE. UU. pasa a xestionar o 80% da cota de exportacións de carne de vacún, unhas 35.000 toneladas das 45.000 que entrarán en Europa nos próximos 7 anos correspondentes ó continxente arancelario de carne sen hormonas. Aínda que neste caso non se incrementará a cota total xa existente, a maior presenza dos Estados Unidos no mercado europeo tamén fai prever consecuencias directas dada a propia idiosincrasia do sector estadounidense.

Os produtores de vacún de carne séntense como moeda de troco do acordo económico de Mercosur

As principais asociacións gandeiras europeas amosaron xa nos primeiros días a súa preocupación e os roxelos ó acordo ó sentir que “fomos empregados polos negociadores europeos como moeda de troco”, como recrimina Matilde Moro, xerente nacional da Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac). “Os gandeiros volveron ser sacrificados para favorecer os intereses doutros sectores”, recriminan dende a Coordinadora de Organización de Agricultores e Gandeiros (Coag). A opinión xeralizada dos expertos, que coinciden en sinalar que os sectores máis beneficiarios serán o automóbil, no bloque europeo, e a agricultura e a gandería, na parte sudamericana; afianzan as desconfianzas dos produtores de vacún de carne europeos.

Os acordos en cifras

Á hora de estimar o impacto que estes acordos terán para os gandeiros europeos e para o sector é fundamental asimilar o que suporán en cifras. Actualmente, a UE xa importa 340.000 toneladas anuais de carne de vacún, das cales máis do 75% procede dos países de Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguay, Uruguay e Venezuela). Esas 99.000 toneladas supoñen un 30% do actualmente importado.

En España, os últimos datos feitos públicos polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación amosan que no 2018 o volume de importacións de carne, tanto fresca como conxelada, ascendeu a 124.389 toneladas, das que 109.534 procedían da Unión Europea e as 14.855 restantes chegaran de terceiros países. A cifra increméntase ata as 233.185 toneladas se se inclúen todo tipo de produtos cárnicos.

importaciones-nacionales-de-carne-de-vacuno

Importacións en España no sector da carne de vacún no 2018. // Fonte: Ministerio de Agricultura.

A carne que se exportará dende Mercosur e EE. UU. son pezas comerciais cun alto valor, destinadas á restauración

Ademais, a carne que se exportará a Europa dende Mercosur e EE. UU. “son pezas cun alto valor comercial como o solombo ou o lombo e que se destinarán principalmente ó sector da restauración, onde non existe practicamente diferenciación polo que resulta moi complicado competir, facendo un dano moi específico ó sector europeo”, sentenzan dende Asoprovac.

As dificultades para que o consumidor final chegue a diferenciar con claridade a carne chegada destes países da producida é tamén un dos maiores temores que teñen dende Ternera Gallega. “Agardamos que non se xogue co etiquetado do produto, e que o consumidor saiba en todo momento de onde procede a carne. En Europa o etiquetado aínda é moi mellorable, conseguiuse que se identifique o país de orixe pero aínda se debería especificar máis dadas as diferenzas que hai na crianza dunhas rexións a outras”, apunta o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González Vázquez. “En Ternera Gallega traballamos por ofrecer unha carne de calidade e con garantías, e agardamos que o consumidor siga a valorar este traballo”, concreta González.

Carne-Vaca-Frigorificos-Bandeira-

Competir en desigualdade

Á marxe do que suporá o incremento do volume de carne que entrará en Europa, unha das maiores preocupacións para os produtores é “o reto de competir con carnes cuns estándares moi diferentes de benestar animal, medioambiental e de saúde pública que as fan moito máis competitivas”, indica Matilde Moro. As estimacións que manexan dende Asoprovac apuntan a que a diferenza de estándares fronte ós países de Mercosur xera un sobrecusto de alomenos o 97% para os produtores europeos.

A Comisión Europea asegura que a carne destes países deberá cumprir uns estándares idénticos cos que agora se lle están a esixir ós gandeiros europeos, porén, as asociacións de produtores amosan as súas dúbidas ó respecto. “Resulta difícil crer que os produtores destes países cumpran coas mesmas garantías cando, por exemplo, o benestar animal e o mediambiente a nivel granxa apenas están lexislados en países como Brasil”, apuntan dende Asoprovac.

“Está en xogo o noso modelo de produción que cumpre cos máis elevados estándares de calidade do mundo e as esixentes normas europeas de medio ambiente e benestar animal”, sentenza Miguel Blanco, secretario xeral de Coag. “Neste marco de acordos internacionais precisamos asegurar que o sector cárnico europeo compita nas mesmas condicións, que as regras sexan as mesmas para todos”, reclama Javier López, director da Interprofesional de Vacún de Carne (Provacuno).

Producir a carne baixo os estándares de calidade europeos custa un 97% máis que a que procede de Mercosur

Só o ano pasado, os países de Mercosur xeraron un cuarto da produción mundial de carne de vacún e sitúanse entre os 10 primeiros exportadores do mundo. “Son grandes produtores e tremendamente competitivos xa que teñen acceso a tecnoloxías e produtos, en moitas ocasións, prohibidas na UE”, recoñecen dende Asoprovac. Tal é así que a carne de vacún producida en Mercosur é sistematicamente máis barata que na UE á súa entrada en matadeiro, ata un 40% de media segundo os datos do 2018.

As propias características do sector de vacún destes países fan que sexan moito máis competitivas que as ganderías españolas ou galegas, cun carácter máis atomizado e familiar. En países como Brasil a tónica dominante no sector son as grandes empresas gandeiras moi superiores en tamaño, ó que se suma dispoñer das maiores empresas cárnicas do mundo, o que lle confire fortaleza ó sector.

A situación é similar cando se analiza ós Estados Unidos, que ocupa un dos principais posto no mercado mundial: primeiros produtores, cuartos exportadores e tamén primeiros importadores do mundo. “A súa competitividade está baseada na optimización de custos dos sistemas de produción ó largo da cadea así como a unha impecable adecuación da oferta á demanda e a dimensión dos seus grupos cárnicos”, analizan dende Asoprovac.

Os produtores recriminan que o Modelo Europeo de produción implica uns elevados custos que non se lle esixen a terceiros países

No caso da carne procedente de EE. UU. o acordo céntrase na cría sen hormonas, que xera un sobrecusto para a cadea americana con respecto a outros mercados, pero aínda así hai unha ampla lista de diferenzas dun modelo de produción a outro que non só se resume nos animais criados con ou sen hormonas.

“O denominado modelo Europeo de Produción impón ós produtores esixencias que se traducen en elevados custes de produción animal, que adoitan non ser esixibles a países terceiros”, detalla Matilde Moro. “Este acordo segue a mesma pauta doutras negociacións cos Estados Unidos, onde xa se fixeron concesións tan significativas como permitir o emprego do ácido láctico para desinfección de canais”, recrimina Miguel Blanco.

Ademais, no caso dos Estados Unidos, a competencia da súa industria no mercado europeo parece estar asegurada xa que conta cun sistema “moito máis racional e de fácil aplicación que permite optimizar os custes da cadea e habilitar formas organizativas modulables axustadas ós mercados de destino mentres que a lexislación europea é moito máis ríxida”, explican dende Asoprovac.

En plena fase de diminución do consumo

Os acordos chegan nun momento no que o sector acusa unha contrición do consumo, cunha redución estimada de entre o 6 e o 10% nos últimos anos. “Nun contexto de descenso paulatino do consumo europeo de carne de vacún, non parece que teña moito sentido que se flexibilice a entrada da mesma dende terceiros países”, coinciden en sinalar tanto dende Asoprovac como dende a IXP Ternera Gallega.

As estimacións apuntan a que podería producirse unha forte caída dos prezos da carne de vacún de entre o 8% e o 16%

A isto engádese que a propia Comisión recoñeceu xa nun informe publicado no 2016 que o volume adicional das importacións de vacún da UE crea unha presión directa á baixa sobre os prezos dos produtores europeos. Así, dende o sector estímase que podería producirse unha forte caída dos prezos de entre o 8% e o 16%.

Neste senso e dado que se trata dunha contrapartida para un sector fronte a outros intereses económicos, dende distintas entidades apuntan a que se poidan conceder axudas compensatorias ós produtores. “Non somos moi partidarios das axudas, xa que os sectores deben ser solventes e competitivos, pero haberá que buscalo xeito de que os gandeiros de vacún de carne non saian prexudicados”, apuntan dende Ternera Gallega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información