Catro Ventos, o paraíso da raza vianesa na Fonsagrada

Ovidio Méndez buscaba unha vaca que infiltrase graxa para facer a súa carne á parrilla no mesón que rexenta no lugar de Barbeitos. Apostou pola raza vianesa e logra animais de 300 quilos/canal ao sacrificio con 20 meses

Catro Ventos, o paraíso da raza vianesa na Fonsagrada

Ovidio co seu gando na explotación en ecolóxico de raza vianesa que ten en Barbeitos, na Fonsagrada

No máis alto da Fonsagrada, alí onde pegan todos os ventos, atópase un mesón moi singular, vinculado a unha gandería que lle aporta a súa especialidade. No Mesón Catro Ventos, a sete quilómetros da Fonsagrada, no cruzamento da estrada de Grandas de Salime coa que vai a Santa Eulalia de Oscos a protagonista é a vaca vianesa.

Ovidio Méndez incorporouse hai 20 anos á explotación de carne familiar. Un ano despois montou un cebadeiro onde chegou a haber 160 becerros de raza rubia galega. “No 2008 montei o mesón e abandonei un pouco a gandería, quedei só con 8 ou 10 limusín pero hai catro anos comecei coa vianesa e foi un acerto, estou contento coa raza”, explica.

Ovidio argumenta o cambio: “a nosa especialidade no mesón é a carne á grella. O limusín é culón e para a parrilla non me valía. A vianesa pola contra é unha carne cun nivel de engraxamento moi bo e é moi saborosa. En comparación con outras razas como o angus ou o kobe, esta carne ten tanto sabor, só que está sen vender, non ten a mesma fama”, di.

“En comparación con outras razas como a angus ou o kobe, esta carne ten tanto sabor, só que a vianesa está sen vender, non ten a mesma fama”

As vacas vianesas coas que comezou Ovidio viñeron doutra explotación de Verín (12 animais) e de Ortigueira (outros 5). Hoxe conta con 29 reprodutoras que están sempre fóra, en extensivo. “É un animal moi duro, non ten problemas coas nevaradas. É unha raza de monte, son máis ariscas que a rubia galega pero se ven a xente a diario fanse mansas. Levo sen atender un parto un montón de meses, non dan ningún problema e para min, ao ter que atender o restaurante, é importante non ter que estar enriba delas”, argumenta.

35 hectáreas de pasto en ecolóxico

Os becerros cébanse durante 10 meses

Os becerros cébanse durante 10 meses

Os becerros están no prado coas nais desde que nacen até que teñen entre 8 e 10 meses. Logo cébanse, con concentrado a discreción e palla, até os 15 meses no caso das femias e até os 20 os machos. Cando son sacrificados, chegan a alcanzar os 300 quilos/canal. “É moito para unha vianesa”, recoñece Ovidio, que se segue considerando gandeiro antes que hostaleiro.

Dispón de 35 hectáreas a pasto. “Renovo pouco as pradeiras, porque ao estar en ecolóxico é máis complicado”, di. Aínda que a explotación se atopa certificada en ecolóxico, o cebo final faino en convencional. “Tenteino pero é moi difícil. É un animal que infiltra graxa pero iso en ecolóxico non o conseguía”, afirma.

“O cebo mellora a carne. Se matas directamente do prado é moi natural, pero menos saborosa”

“O cebo mellora a carne sen ningunha dúbida”, asegura Ovidio. “Se matas directamente do prado é moi natural, pero menos saborosa, máis seca e máis dura”, argumenta. E canta máis idade máis evidente é a mellora. “Unha vaca vella de 10 ou 12 anos saca un chuletón moi infiltrado e con moito sabor, aí si que xa nos imos a delicatesen”, conta.

A carne de vianesa é o verdadeiro reclamo do Catro Ventos. Está intermitentemente na carta e Ovidio vai informando no facebook do restaurante das novidades. “É unha carne que se vende moi ben. Nesta zona non se coñecía e a novidade e a curiosidade axudou a probala e a posicionala entre a clientela. Hoxe a xente xa pregunta por ela”, asegura.

Cecina e carne de boi

Ovidio, no restaurante cun chuletón de raza vianesa

Ovidio, no restaurante cun chuletón de raza vianesa

A venda directa da súa propia carne que Ovidio fai no restaurante non só serve para valorizar a súa explotación, senón que tamén axuda a aportar valor e maior rendibilidade ao traballo de outros gandeiros da zona. Por ejemplo, el Catro Ventos merca directamente a Amaro, un veciño de Corneas, no veciño concello de Baleira, que ten medio cento de nais de raza vianesa. “Foi a el a quen lle vin a raza vianesa por primeira vez”, lembra Ovidio.

“Á maioría dos xatos que produce Amaro tamén lles damos saída no restaurante e no mes de novembro facemos unhas xornadas gastronómicas de vianesa para promocionar esta raza nas que matamos 4 xatos de cada un”, detalla.

A vianesa é unha raza autóctona galega en perigo de extinción que conta cun censo de 2.800 animais repartidos en 79 explotacións

Os dous, Amaro e Ovidio, seguen traballando en conxunto para aumentar as posibilidades desta raza autóctona en perigo de extinción que conta cun censo de 2.758 animais, dos que 1.795 son nais reprodutoras, repartidos en 79 explotacións, 6 delas na provincia de Lugo.

“Mandamos cecina a curar, estamos facendo probas para aproveitar deste xeito a parte que no restaurante ten menos valor”, explica Ovidio, que tamén vai capar 6 animais para facer carne de boi.

Animal de traballo con boa ganancia de peso ao destete

Vaca vianesa na explotación de Ovidio en Barbeitos, na Fonsagrada

Vaca vianesa na explotación de Ovidio en Barbeitos, na Fonsagrada

A raza vianesa é orixinaria da Terra do Bolo, comarca que se sitúa no oriente da provincia de Ourense, e exténdese cara aos montes do Invernadoiro e Serra de Queixa en Chandrexa de Queixa, Manzaneda e A Pobra de Trives, chegando até Vilar de Barrio, Montederramo e Maceda. É unha raza en perigo de extinción integrada na Federación de Razas Autóctonas de Galicia e que conta co distintivo 100% Raza Autóctona outorgado polo Ministerio de Agricultura.

Explotada antigamente como animal de traballo polas súas características morfolóxicas, na actualidade a súa utilidade céntrase na produción de carne de calidade cunhas ganancias de peso ao destete, dadas as súas cualidades de boa produtora de leite, de 800 gr/día, aos seis meses de idade do becerro.

Noutro tempo en Viana do Bolo, da cal toma o seu nome, e máis en Celeiros e A Veiga, celebrábanse feiras nas que se comerciaban con xugadas de bois, que eran embarcados en ferrocarril desde Monforte de Lemos e A Rúa para seren exportados a outras rexións..

Noutro tempo as xugadas de bois de raza vianesa eran exportados en ferrocarril como forza tractora a outras rexións do estado

As condicións orográficas desta comarca, a máis montañosa da provincia de Ourense, dificultaron a mecanización agrícola e favoreceron os sistemas de explotación tradicionais necesitados de animais cunha forte adaptación ao medio, polo que a raza vianesa, moi valorada pola súa rusticidade e vigorosidade, gozou do mellor censo das Morenas Galegas.

Pero a situación rematou a partir da segunda metade do século XX coa evolución industrial e agrícola e o posterior desenvolvemento das vías de comunicación. As vacas e bois vianeses foron substituídos como forza tractora por maquinaria e desde o punto de vista produtivo por outras razas altamente especializadas para alcanzar maiores rendementos leiteiros e cárnicos, aínda que con maiores requerimentos para producilos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información