Baixada xeral dos prezos do vacún en Silleda

A Central Agropecuaria rexistrou este martes unha nova baixada dos prezos do vacún, que afectou a tódolas categorías de recría e boa parte do gando maior. So subiron os becerros carniceiros. O porco cebado e os ovos mantéñense e o prezo dos leitóns continúa caendo

Baixada xeral dos prezos do vacún en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou unha baixada xeralizada dos prezos do vacún na xornada deste martes. A redución dos prezos deixouse sentir en tódalas categorías do gando de recría, tanto de raza Frisoa como nos cruces industriais e tamén no vacún maior. A excepción veu marcada pola suba dos prezos dos becerros carniceiros. Namentres, o prezo do porco cebado e dos ovos mantense esta semana e o dos leitóns continúa caendo.

No referido ós becerros de recría, non houbo excepcións e rexistrouse una redución dos prezos que afectou a tódalas categorías dos becerros frisóns e de cruces industriais así como a machos e a femias. Nos xatos frisóns, o prezo dos tenreiros de menos de 20 días situouse nos 87 euros, 11 euros menos ca hai unha semana. As femias desta categoría rexistraron o prezo máis baixo da xornada, e o único animal desta sección vendeuse por 18,50 euros, fronte ós 70 que acadaran de media as femias na pasada feira.

O prezo dos becerros de entre 20 e 50 días foi de 107 euros, 6 menos ca na xornada anterior. Nas femias situouse en 41 euros, 37 euros por debaixo do acadado hai un semana. O mesmo aconteceu nos animais de máis de 50 días, onde o prezo medio foi de 117 euros para os machos, 14 menos ca na anterior, e no caso da única femia vendida desta categoría acadou os 77 euros, 26 euros por debaixo da media anterior.

A baixada dos prezos foi aínda máis acusadas no caso dos becerros de cruces industriais. Os animais de menos de 20 días situáronse nos 196 euros de media, 74 menos que na feira anterior. Nas femias desa sección, a baixada foi de 46 euros ata os 145 euros. Na categoría de entre 20 e 50 días, acadáronse os 290 euros, 19 por debaixo dos rexistrados hai unha semana. E no caso das femias o prezo medio foi de 179 euros, 26 menos. Os animais de máis de 50 días, baixaron 43 euros, ata os 391 euros de media no caso dos machos, e as femias acadaron os 272 euros logo dunha redución de 69 euros.

Suba dos becerros carniceiros

A única subida de prezos desta semana veu nos becerros carniceiros. No caso dos de raza Frisoa, incrementouse en 94 euros aboándose 631 euros polo único exemplar rexistrado. Porén, as femias frisoas, baixaron en 102 euros ata os 411 euros de media.

Nos becerros de cruces industriais o prezo foi de 923 euros, 28 euros máis que a semana anterior. Mentres, nas femias, ó igual que nas frisoas, o prezo baixou ata os 809 euros, 41 menos que o martes pasado.

Vacún maior

Tamén o vacún maior rexistrou unha baixada dos prezos en case tódalas seccións. As vacas de primeira categoría pagáronse a 1.097 euros, 17 menos ca a semana anterior. Tamén as de segunda rexistraron unha baixada do prezo, aínda que neste caso foi mínima en só 0,28 céntimos. A única excepción marcárona as vacas de desvelle, onde o prezo subiu en 25 euros ata os 465 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacuno-23_07_2019-

Acusada baixada nos leitóns

En canto ó porcino, a mesa de cotización decidiu manter sen variacións o prezo do porco cebado. O selecto e o normal quedan nos 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,896 euros o quilo. A única excepción rexistrouse, de novo esta semana, nos animais de desvelle onde se produciu unha baixada de 0,02 euros e o prezo oscila agora entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo.

Os prezos do leitón volven baixar, e encadean unha nova semana á baixa, rexistrando a redución máis importante dende que en xuño comezou a caída do prezo. Nesta sesión o prezo reduciuse en 4,5 euros. Así, a cotización do bacoriño de 20 quilos queda nos 57 euros para os animais procedentes dunha única granxa e nos 52 euros para os de varias ganderías. O prezo por quilo é de 2,85 e 2,6 euros respectivamente.

Nesta xornada non houbo variacións no prezo dos ovos. Deste xeito, os ovos de categoría XL mantéñense a 1,31 euros a ducia, os da L están en 0,99 euros, os da M en 0,96 euros e os da S a 0,81 euros. Mentres, o prezo da galiña de desvelle continúa sen variacións nun intervalo de 0,09 e 0,17 euros o quilo.

No referido ó prezo do coello, que se fixa na Lonxa de Madrid, continúa sen cambios e cotízase a 1,85 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino--23_07_2019-

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información