SILLEDA_BECERROS_POXA_CRUCE

Baixada dos prezos gando vacún en Silleda

A sesión deste martes da Central Agropecuaria de Galicia caracterizouse pola baixada dos prezos dos becerros de recría, e en menor medida no vacún maior. Baixada tamén no porco cebado e suba nos leitóns

A sesión da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA deste martes caracterizouse pola baixada dos prezos do gando vacún, especialmente nos becerros de recría. Nas mesas de prezos baixan os do porco cebado, soben os dos leitóns, mentres que os ovos presentan altibaixos.

En concreto, en gando vacún os becerros de raza Frisoa baixaron en dúas das tres categorías. Así, na de menos de 20 días a cotización media caeu ata os 96 euros por xato, 8 menos que na poxa de hai dúas semanas, a mesma baixada que se rexistrou na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, que quedou nunha media de 122 euros por xato. Pola contra, os tenreiros de máis de 51 días subiron ata un prezo medio de 146 euros, 6 máis que na última poxa.

Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral foi a unha baixada de prezos, pero con excepcións. Asi, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias nos machos subiron ata os 289 euros, fronte aos 269 da última poxa, mentres que as femias baixaron de 198 a pasada semana a 187 euros. Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou ata unha media de 299 euros por animal, 23 menos que a pasada semana. Pola contra, nas femias houbo subida: de 203 a 221 euros. Nos xatos de máis de 51 días os prezos nos machos baixaron ata os 371 euros, fronte aos 411 do anterior mercado. Nas femias, pola contra, os prezos recuperáronse: 298 euros fronte aos 280 do pasado martes.

En canto aos becerros carniceiros de cruce industrial, a raza máis representativa do mercado de Silleda, esta semana cotizáronse a unha media de 758 euros os machos e 711 euros as femias, cunha baixada respecto á pasada semana, na que os prezos foron de 848 e 769 euros, respectivamente.

Polo que respecta ao vacún maior, baixaron os prezos, agás na categoría segunda, a máis representativa. Deste xeito, quedaron en 1.121 euros de media en categoría primeira, 732 en segunda -a máis numerosa- e 444 na de desvelle. O pasado martes as cotizacións foron de 1.133, 720 e 448 euros, respectivamente.

SILLEDA_VACUN_18_09_1

Baixada no porco cebado, suba nos leitóns e nos ovos

Polo que respecta ás mesas de prezos, os ovos soben 0,01 euros nas categorías XL e L ata os 1,61 e 1,19 euros a ducia, respectivamente. Pola contra, as categorías M e S baixan o mesmo importe ata os 0,95 e 0,81 euros a ducia.

Na Lonxa de Madrid  o coello sobe 0,15 euros, quedando nos 1,90 euros o kilo.

En canto ao porco cebado, a mesa de cotizacións acordou baixar os prezos da pasada semana, un 0,03 nas categorías Selecta e a Normal, de forma que o quilo queda en 1,250 e 1,225 euros , respectivamente; a Canle baixa 0,039 euros e queda en 1,591 euros por quilo. E na categoría de desvelle mantense o intervalo de entre 0,61 e 0,67 euros o quilo.

En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa, as cotizacións mantivéronse sen cambios esta semana, quedando nunha media de 1,550 euros/kg. No resto de países europeos a tendencia foi tamén á estabilidade ou mesmo á suba de prezos.

En canto aos leitóns, acordouse subir as cotizacións 2 euros, quedando nos 31 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 36 euros os procedentes dunha única explotación.

SILLEDA_PORCINO_18_09_1