camion_palla_01_standar

Baixa a colleita de cereais e encarécese a palla para o gando

As previsións apuntan a unha baixada da produción do cereal que afectará tanto ó prezo do gran como da palla. O valor da palla acada xa os 60 euros por tonelada na Lonxa de León, case ó dobre do ano pasado a comezo da campaña

As primeiras estimacións da colleita de cereais desta campaña apuntan a unha baixada da produción con respecto ós últimos anos. A redución da colleita afecta non só ó prezo do cereal senón ó da palla para o gando, segundo comezou a verse nalgúns dos principais mercados de forraxes, como a Lonxa de León. Así, todo apunta a que a escaseza de cereal encarecerá o prezo da palla.

A seca e o calor dos meses de maio e xuño parecen estar detrás desta merma da produción e conseguinte incremento dos prezos, como coinciden en indicar dende o sector.

Os datos que manexan dende o consello sectorial de Cereais de Cooperativas Agro-alimentarias de España apuntan a que a colleita de cereais se sitúa en 17,4 millóns de toneladas, un 27,3% menos ca da campaña pasada. A cifra é un 20,6% máis baixa ca media dos últimos tres anos e mesmo inferior á media rexistrada dos últimos 30 anos.

A colleita de cereais sitúase en 17,4 millóns de toneladas, un 27,3% menos que a campaña pasada

En concreto, por cultivos, de trigo brando colleitarán 4,34 millóns de toneladas, de cebada 6,94 millóns de toneladas, de millo calculan que serán 3,56 millóns de toneladas. En canto ó trigo, agardan colleitar 700.608 toneladas, de avena 859.445 toneladas, de centeo 286.187 e de triticale e outros cereais variados 802.824 toneladas.

Esta mesma semana fixáronse as primeiras cotizacións para a cebada e a palla na Lonxa de León, onde se apreciou xa un incremento dos prezos. Así, o cereal alcanzou os 171 euros por tonelada, fronte ós 153 euros que se pagaran o ano pasado.

Tamén a palla rexistrou un incremento do prezo con respecto á campaña do 2018, situándose nos 60 euros por tonelada, case o dobre que o ano pasado, cando a comezos de verán se situaba nos 33 euros por tonelada.

“Todo parece indicar que este ano haberá menos cantidade de palla e dunha calidade inferior e que o prezo se incrementará”, confirman dende a empresa Paja Nual, de Burgos. Aínda que, polo momento, en xeral non se comezou a colleitar o cereal, xa que as chuvias dos últimos días atrasaron o inicio da campaña. Sinalan ademais, que hai unha importante disparidade entre unhas zonas e outras, algunhas delas moi afectadas pola calor, o que mermou a produción.