“As ovellas xogan un papel ambiental que non está recoñecido”

Entrevista a María Carmen Fernández Carreira, nova presidenta de Ovica, a asociación de criadores de ovino e cabrún de Galicia

“As ovellas xogan un papel ambiental que non está recoñecido”

María Carmen Fernández, nova presidenta de Ovica, na súa explotación.

Ovica, a asociación de criadores de ovino e cabrún de Galicia, é desde hai máis de vinte anos a referencia do sector na comunidade, xa que agrupa a máis da metade das gandarías con máis de cen cabezas, as máis profesionalizadas. En Ovica son en total 144 explotacións con máis de 23.000 cabezas de gando, ubicadas principalmente nas provincias de Lugo e Ourense, as que contan con máis disponibilidade de pastos en extensivo. Falamos coa nova presidenta da entidade, María Carmen Fernández Carreira, que accedeu este ano ó cargo logo de máis dunha década como asociada de Ovica.

María Carmen Fernández xestiona unha explotación de ovino en Castroverde (Lugo) na que se iniciou hai preto de tres décadas con 6 cabezas. Na actualidade, conta con máis dun cento de ovellas.

Falemos da situación xeral do sector. ¿Que preocupacións e necesidades destacaría entre os produtores de ovino e cabrún de Galicia?
– Algo que nos preocupa é a falta de apoio ós aproveitamentos silvopastorais, en montes arborados. As ovellas e cabras teñen aí un gran papel, xa que reducen o mato no monte e por tanto o risco dos lumes forestais. Se moitos montes nos que estamos non se pastasen, quedarían impenetrables. Sen embargo, a nivel de axudas da Política Agraria Común, subvenciónase con 120 euros a hectárea de pastos permanentes e só con 36 euros a hectárea de aproveitamentos silvopastorais, cando para nós o aproveitamento en monte arborado ten a mesma importancia ambiental que o outro tipo de pastos. Pensamos que é un tema que habería que solucionar. Outro gran problema, ligado precisamente ó abandono do monte, é a proliferación de fauna salvaxe.

“Sen as ovellas e cabras, moitos montes quedarían impenetrables e con maior risco en caso de lumes forestais”

Os ataques de lobo en explotacións de ovino é un dos problemas recurrentes que tedes no voso día a día. ¿Cal é a situación agora mesmo?
– Cada vez o problema é maior. Pensa que o ano pasado só en Lugo houbo máis de 600 ataques de lobo en explotacións gandeiras, moitos deles sobre gando ovino. Estamos intentando que a Administración se implique na financiación de medidas preventivas. Ata o 2009 tivemos un convenio polo que a Xunta subvencionaba a adquisición de mastíns para a defensa do gando e é unha das medidas de apoio que nos gustaría que se retomase. A nivel preventivo, nós ás explotacións recomendámoslle o uso de mastíns e de peches con pastor eléctrico.

No problema da fauna salvaxe, un avance desde hai anos foi o establecemento de indemnizacións por danos do lobo. ¿Como valorades o funcionamento do sistema?
– Debería ser un sistema máis áxil, xa que a Administración tarda ata 3 anos en pagar os danos. Parécenos demasiado tempo para cubrir un problema que pode ser grande, sobre todo en casos dunha gran mortandade do rabaño. Nós queremos deixar claro que non estamos en contra do lobo, pero téñense que adoptar medidas axeitadas. Parécenos ben que o lobo teña o seu espazo, pero a actividade gandeira tamén precisa de espazos nos que desenvolverse.

“Non estamos contra o lobo, pero a actividade gandeira precisa espazos nos que desenvolverse”

Pasemos a falar do traballo que vides desenvolvendo desde Ovica. Un dos últimos proxectos que implementastes foi a creación dunha cooperativa, Vélaro, para a comercialización conxunta de cordeiros e cabritos. ¿Que resposta está tendo o voso produto no mercado?
– A cooperativa está funcionando bastante ben. Creouse hai un par de anos e no 2014 xa comercializou máis de mil cordeiros dos socios. Temos un acordo con Vegalsa – Eroski para a distribución do noso produto nas súas grandes superficies e a idea é seguir nesa liña. O reto que nos marcamos é sacar unha marca de calidade que sirva para que a nosa produción se valore no mercado. Cremos que é fundamental, xa que o noso produto é de calidade pero hai que visibilizar esa cuestión no punto de venda.

Outro parte do traballo da asociación céntrase na asesoría ás explotacións a nivel produtivo e sanitario. Nesa liña, desde o 2007 tedes constituida unha Agrupación de Defensa Sanitaria (ADS) . Cóntanos como está funcionando esa liña de traballo.
– A ADS, que se denomina Acivo, agrupa a todos os socios de Ovica e conta con dous veterinarios, un para Lugo – A Coruña e outro para Ourense – Pontevedra, que atenden todas as cuestións de saneamento do gando. Dúas veces ó ano desparasítanse os rabaños e o traballo da Agrupación en xeral está sendo moi positivo. Desde Ovica, contamos tamén con dous técnicos cos que asesoramos ás explotacións en todo o que precisan e ofrecemos formación. No capítulo da formación, pensamos que os centros de capacitación agraria de Galicia deberían incorporar tamén un módulo de ovino e cabrún de, por exemplo, 250 horas, para o que poderían contar coa colaboración dos nosos técnicos. Tamén apostamos porque haxa unha formación regrada para a rapa das ovellas e que se implemente un carné profesional da rapa.

“Creamos unha cooperativa para a comercialización que no 2014 superou os 1.000 animais vendidos”

Esta tempada estades precisamente coa rapa dos rabaños. ¿Seguides co sistema de traballo doutros anos, nos que contabades con profesionais polacos?
– Si, levamos 14 anos contratando a dous grupos de polacos que veñen aquí con contrato e con alta na seguridade social. Somos a única asociación que ofrecemos en Galicia este servizo dun xeito legal e profesional. Sempre lle recomendamos ás explotacións que conten para este traballo con profesionais que estean dados de alta na seguridade social, xa que facelo doutro xeito é un risco tanto para o produtor como para a persoa que fai o traballo.

Xornadas técnicas de ovino e cabrún

O Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal) organizou en colaboración con Ovica unha xornada técnica de formación para as explotacións de ovino e cabrún. O evento, que se desenvolveu en Pol (Lugo) o pasado fin de semana, incluiu ponencias sobre a implantación de pastizais, sobre a PAC 2015-2020 e un curso teórico – práctico de podoloxía en ovino e cabrún, entre outras cuestións. Colaboraron tamén na actividade técnicos do Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente de Medio Rural, e a Deputación de Lugo.

María Carmen Fernández, en primeiro plano á esquerda, nas xornadas.

María Carmen Fernández, en primeiro plano á esquerda, nas xornadas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información