rubia_galega_acruca_fonsagrada_3

Adxudicadas as xovencas poxadas na Fonsagrada cun prezo medio de 2.100 euros

O mercado gandeiro da Fonsagrada acolleu este sábado a primeira poxa da tempada celebrada pola Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga).

As cinco xovencas que saíron a poxa foron adxudicadas por un prezo medio de 2.100 euros, moi por encima dos 1.800 de saída con que partían os animais.

As xovencas preñadas, procedentes do rabaño de elite da Granxa Gayoso Castro, adxudicáronse por 1.950 euros, 2.050, 2.100 e por 2.200 euros, no caso de dous dos exemplares. Foron adquiridas por gandeiros con explotacións en Castroverde, Carballedo e na propia Fonsagrada.

O presidente de Acruga, César Dorado, mostrouse ao termo da poxa “moi satisfeito polos resultados conseguidos. Logrouse un prezo medio elevado, e iso a pesar da seca que estamos a padecer, o que significa que segue habendo demanda desta raza”.

A próxima poxa de xovencas desta recentemente estreada tempada de outono será o próximo día 17 de setembro en Pedrafita do Cebreiro.