Acruga celebra no Valadouro a primeira poxa de rubia galega organizada na Mariña

A Asociación de Criadores de Rubia Galega organiza unha subasta con cinco xovencas preñadas que dará comezo este sábado a partir das 13 horas

Acruga celebra no Valadouro a primeira poxa de rubia galega organizada na Mariña

Poxa de Acruga. / Arquivo.

O Valadouro acollerá este sábado a primeira poxa de rubia galega que se celebra na Mariña lucense. O evento está organizado pola Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) no marco da Feira de Razas Autóctonas Galegas, impulsada polo Concello. A poxa contará con cinco xovencas de entre 23 e 27 meses que están preñadas de catro a sete meses. Os animais sairán a subasta a un prezo inicial de 1.800 euros. Tódalas reses proceden do centro de recría xestionado por Acruga nas instalacións da Deputación e destacan polas súas características morfolóxicas, xenéticas e reprodutoras.

O evento comezará a partir das 12 horas, coa retirada das tarxetas por parte dos gandeiros interesados en puxar por algún dos animais. A subasta iniciarase unha hora despois, a partir da unha da tarde. Como é habitual, Caixa Rural Galega apoiará a compra de cada exemplar cunha axuda de 200 euros.

O presidente de Acruga, César Dorado, amósase satisfeito por iniciar actividades na comarca da Mariña lucense, na que hai 63 ganderías inscritas en Acruga cun total de 900 cabezas de rubia galega. Dorado destaca que na Mariña está medrando “a demanda e o interese” pola raza, salientando que nos últimos dous anos puxéronse en marcha dez explotacións de rubia galega no Valadouro. “Con esta subasta no Valadouro, a Asociación respondeu á solicitude que nos fixo o Concello e que tamén nos chegou polos propios gandeiros de rubia galega da zona”, conclúe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información