A redución do uso de antibióticos en porcino centra a III edición das xornadas de Agavepor

A redución do uso de antibióticos en porcino centra a III edición das xornadas de Agavepor

Asistentes ás xornadas de Agavepor na Facultade de Veterinaria de Lugo

A redución do uso de antibióticos en gando porcino e a adopción de medidas alternativas ou de prevención centrou este mércores a temática da terceira xornada formativa organizada pola Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor), un foro de carácter anual que citou nesta edición a máis dun centenar de veterinarios e criadores de porcino da comunidade galega.

A diminución do emprego de antibióticos en porcino antóllase xa unha necesidade, segundo indicou o vogal de Agavepor, Pedro Sedano, quen insistiu na necesidade de adoptar outras medidas alternativas a este tipo de fármacos por mor de que, en ocasión, o seu “uso abusivo” estaba a provocar que os animais xeraban resistencias a este tipo de substancias.

Sedano sinalou que o uso de antibiótico en porcino en algunhas zonas de España era sensiblemente superior ao rexistrado noutros países europeos. Este veterinario engadiu asemade que para investir unha situación que xa estaba a converterse en problema naqueles casos nos que os animais xeraban resistencia aos antibióticos e, polo tanto, este medicamento non producía os efectos desexados, cómpre adoptar medidas alternativas cun grao de eficacia semellante.

Este vogal de Agavepor salientou neste senso que as alternativas recomendadas para evitar o emprego de antibióticos pasan polo uso doutros produtos de orixe natural e tamén polas correctas prácticas de manexo dos animais nas explotacións de porcino.

Respecto da situación en Galicia, Sedano indicou que a cabana de gando porcino conta con arredor de 90.000 nais, localizadas fundamentalmente en explotacións da provincia de Ourense e tamén noutros concellos pontevedreses como poden ser Lalín ou Silleda. O volume do sector porcino en Galicia é sensiblemente inferior ao doutras comunidades como Cataluña ou Murcia, dixo Sedano, quen se ben localizou nestes territorios as principais problemas derivados do uso excesivo de antibióticos, indicou que a redución do uso de antibióticos tamén é un cometido necesario no caso de  Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información