Bacoriños nunha granxa.

Monográfico de gando porcino da ADS de Silleda

O evento abordará, entre outras cuestións, o impacto do Brexit, o emprego de medicamentos e as perspectivas da peste porcina africana, detectada en Centroeuropa. Celebrarase o 22 de febreiro

A Agrupación de Defensa Sanitaria (ADS) de Porcino de Silleda desenvolverá unha nova edición do seu Monográfico durante a celebración da feira Cimag-Gandagro, que se desenvolverá entre o 21 e o 23 de febreiro. O evento abordará cuestións coma o impacto do Brexit no comercio exterior, o emprego de medicamentos ou a expansión da peste porcina africana, xa detectada en Centroeuropa.

Outra cuestión que se abordará na xornada será o raboteo (o feito de que os animais se mordan o rabo uns a outros) e o manexo das porcas nulíparas, aquelas que non pariron nunca. En concreto haberá relatorios sobre a alimentación e a xestión sanitaria destes animais.

O monográfico, que se celebrará o venres 22 de febreiro, segundo día da feira, convértese en cada unha das súas edicións en cita de referencia para o sector porcino, reunindo a centos de asistentes que queren coñecer a actualidade deste ámbito. Este ano, os ponentes serán Antonio Palomo, director de porcino de Setna Nutrición, José Antonio Crespo, de Qualivet, e Juan Hernández García, veterinario especialista en porcino.