Un ensaio clínico proba que a dieta atlántica reduce o colesterol

Dous grupos de 125 familias da Estrada participaron durante 6 meses nunha investigación que certificou o efecto saudable dunha alimentación baixa en graxas

Un ensaio clínico proba que a dieta atlántica reduce o colesterol

Presentación dos resultados do ensaio clínico sobre a dieta atlántica.

A dieta atlántica galega demóstrase efectiva na redución do nivel de colesterol e tamén contribúe a reducir o peso e a graxa corporais, segundo un ensaio clínico desenvolto no concello da Estrada. Durante 6 meses, o equipo de investigación Galiat comparou a alimentación de dous grupos de 125 familias cada un, un dos grupos sometido ás recomendacións nutricionais do equipo de investigación e outro grupo de control que se puido alimentar a vontade. A conclusión, o grupo que seguiu as recomendacións da dieta atlántica galega reduciu os niveis de colesterol e perdeu peso “sen pasar fame”, destacaron os investigadores.

En que consiste a dieta atlántica? A Fundación Dieta Atlántica caracterízaa como unha alimentación con presencia de peixes 3-4 días á semana, con alto consumo de cereais, patacas e legumes, con presencia elevada de froitas e hortalizas, cun consumo diario de leite e produtos lácteos e co uso moderado de carnes. A forma de preparación da comida é preferentemente cocida, guisada ou á brasa. En canto á inxesta de líquidos, caracterízase por altos consumos de auga e por usos moderados do viño nas comidas.

Este modelo de alimentación, catalogado como dieta atlántica galega, ten un efecto saudable, segundo demostra o ensaio coordinado polo Hospital Clínico de Santiago e no que participaron un total de 7 grupos científicos e 6 empresas. “O obxectivo da dieta atlántica é recuperar os hábitos de alimentación racionais e coherentes co entorno, cos produtos autóctonos do mar e da terra”, destaca a doctora Mar Calvo, investigadora principal do grupo Galiat.

Os niveis de colesterol reducíronse con esta dieta en 11 mg./dl. no caso das mulleres e nenos

O ensaio con 250 familias da Estrada, 125 sometidas ós consellos nutricionais de Galiat e 125 con alimentación libre, permitiu concluir os efectos da mellora dunha axeitada alimentación. “Os resultados amosan unha diminución das graxas en sangue, tanto do colesterol como do LDL colesterol (colesterol malo). Hai que ter en conta ademais que partiamos dunha poboación sa. O colesterol medio era de 200 mg/dl. e conseguimos unha redución maior a 5 mg./dl. de media, chegando ós 11 mg./dl. en mulleres e nenos”, destacou a doctora.

Outra mellora detectada foi a redución de peso e de graxa corporal, a pesar de que na dieta non había ningún tipo de restricción en canto á cantidade de alimentos a inxerir.
No estudo, participaron seis empresas galegas (Terras Gauda, Pazo de Rivas, Quescrem, A Rosaleira, Conservas Friscos e Olei) e distintos grupos de investigación do Hospital Clínico Universitario, do CSIC e de departamentos das Universidades de Santiago e de Vigo. Ó grupo de 125 familias que seguía as recomendacións nutricionais do equipo de investigación tamén se lles suministraban alimentos das empresas participantes, tales como queixos, berzas, grelos, uvas, olivas e mexillóns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información