Paténtase en Galicia un sistema de extracción de micotoxinas de pensos, alimentos e bebidas

Investigadores da Universidade de Santiago desenvolven un sistema baseado en nanopartículas magnetoquímicas que atrapan os compostos perxudiciais e que poden ser extraídas posteriormente cun imán de gran potencia

Publicidade
Paténtase en Galicia un sistema de extracción de micotoxinas de pensos, alimentos e bebidas

Luis Botana, catedrático de Farmacoloxía, coordinador do proxecto.

Un grupo de investigación da Facultade de Veterinaria de Lugo (Universidade de Santiago, USC) vén de patentar un procedemento para a extracción de micotoxinas da cadea alimentaria. O sistema, que pode ser usado en pensos, alimentos e bebidas, funciona a través dunhas nanopartículas magnéticas que atrapan as sustancias perxudiciais e que despois son extraídas cun imán.

As micotoxinas son unhas substancias tóxicas producidas por fungos que medran nos alimentos en determinadas condicións de humidade e cambios de temperatura. A súa presenza constitúe un problema de seguridade alimentaria que vai en aumento por mor dos efectos do cambio climático e do comercio internacional de cereais, segundo sinala o catedrático en Farmacoloxía Luis Botana, coordinador do proxecto.

O desenvolvemento do sistema de destoxificación é resultado dun proxecto no que participaron o grupo Farmatox (Facultade de Veterinaria), a profesora de Agricultura María Jesús Sainz, a multinacional francesa de solucións nutricionais Evialis, que ten unha planta en Sada; Custom Drinks, a empresa de Chantada produtora de sidra, do grupo Hijos de Rivera; a spin-off da USC Cifga e o catedrático de Electromagnetismo José Rivas Rey.

O procedemento patentado baséase na elaboración de partículas magnéticas compostas con distintos materiais na súa superficie, de modo que manifesten afinidade química cara as toxinas de interese. Posteriormente, estas partículas póñense en contacto durante un tempo con matrices contaminadas por micotoxinas, a fin de permitir o proceso de absorción. O último paso é a extracción das nanopartículas mediante o uso de imáns permanentes.

Utilidades
O método contrastou a súa eficacia, aínda que tamén ten limitacións. En alimentos e pensos en fase sólida, especialmente fariñas, comprobouse que resulta máis complicada a extracción das partículas de menor tamaño. En cambio, en industrias alimentarias que inclúan nos seus procesos algunhas etapas en fase líquida ou en plantas de procesado de bebidas ou de auga, a interferencia coa captación de nanopartículas de menor tamaño é moito menor.

O procedemento de destoxificación que vén de patentar o grupo de investigación liderado polo catedrático da USC Luis M. Botana antóllase como un avance con incidencia directa no ámbito da seguridade alimentaria, xa que posibilita a eliminación de substancias tóxicas (micotoxinas) de pensos (cereais, fariñas…) empregados para a alimentación animal e humana, pero tamén pode ser útil para a depuración de augas ou de moluscos contaminados por toxinas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información