Os queixos galegos conseguen trece premios nos World Cheese Awards 2016

Queixerías Prestes, da DOP San Simón da Costa, foi a queixería galega máis galardoada. Queixerías Barral logra un ouro para o seu Tetilla e O Balido consegue a primeira medalla de prata para un queixo galego de ovella

Os queixos galegos conseguen trece premios nos World Cheese Awards 2016

O Balido, o primeiro queixo galego de ovella que logra a medalla de prata nos World Cheese Awards

As queixerías galegas lograron trece premios no World Cheese Awards 2016, un certame que reuniu estes días en San Sebastián aos mellores produtores a nivel internacional e no que 3.061 pezas de 35 países competiron por ser o mellor queixo do mundo. Esta edición supón un importante recoñecemento para os queixos galegos, que triplican os galardóns alcanzados no certame do pasado ano.

As queixerías vilalbesas Prestes, Don Crisanto e Casleiras alzáronse con once premios, para os seus queixos da Denominación de Orixe San Simón da Costa, os queixos galegos máis premiados no considerado o mellor certame de queixos do mundo. Prestes foi a gran revelación desta edición, na que logrou un total de cinco distincións, unha por cada unha das categorías nas que concorría.

A outra gran recoñecida foi Queixerías Barral, que logro unha medalla de ouro para o seu queixo Tetilla.

O Balido, primeiro queixo de ovella galego que logra a medalla de prata nos World Cheese Awards

Tamén é de destacar O Balido que se converte no primeiro queixo de ovella galego que logra a medalla de prata nos World Cheese Awards. Trátase dun queixo curado de cinco meses e vinte días elaborado especialmente para a ocasión. Santiago Navaza, fundador en 2014 desta pequena queixería artesanal de Lalín, adianta que cara ao mes de maio “imos comercializalo como produto estrela”.

“Temos unha finca con 300 cabezas que se alimentan de pasto verde, traballamos co concepto e a metodoloxía dos manchegos, pero coa técnica da vaca galega”, precisa Navaza sobre un queixo cuxa curación se desenvolve na Casa Grande de Piñoi, con máis de 300 anos de antigüidade, e que grazas á pedra galarza coa que está construída, e aos ventos da Serra do Candán (95% de humidade e entre 12-13 graos de temperatura), permite que este queixo de ovella sexa algo máis brando que os tradicionais e proporciónelle ademais “un retrogusto especial que fan deste produto, non só ideal para as sobremesas, senón tamén para acompañar a calquera comida”.

A partir de agora, segundo anuncia Navaza, a produción de O Balido estará destinada principalmente á elaboración deste queixo curado durante cinco e seis meses, polo que este emprendedor lalinense afirma que “obrigarame a deter a estocaxe”, pero seguirán servindo o tenro e o semitenrno aos particulares e aos pequenos comercios onde se distribúe desde maio de 2015.

Consulta aquí a lista de queixos premiados no World Cheese Awards 2016

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información