Os panadeiros galegos piden “sementar Galicia de cereal autóctono”

A patronal do sector fai un chamamento coincidindo co Día Mundial do Pan para que se plante trigo e centeo nas "miles" de hectáreas cultivables baleiras que hai neste momento no rural galego. Consideran que é unha medida que contribuiría a “manter e mellorar a calidade do pan artesán galego”, crear riqueza e loitar contra o despoboamento

Publicidade
Os panadeiros galegos piden “sementar Galicia de cereal autóctono”

Os panadeiros do mundo conmemoran o 16 de outubro o Día Mundial do Pan, unha data que a Asociación Provincial de Fabricantes de Pan de Lugo (AFAPAN) e a Federación Galega do Pan (FEGAPAN) queren aproveitar para deixar constancia do seu desexo e traballo en prol de “sementar Galicia de cereal autóctono”, cuxo cultivo actual “non cobre a demanda existente”.

O colectivo empresarial de panadeiros lucenses, que leva anos apostando polo respecto á tradición e á elaboración artesá do pan en Galicia como mellor xeito para “conservar e garantir a calidade do produto”, busca agora “incentivar de forma decidida o cultivo de cereal autóctono certificado (fundamentalmente trigo das variedades callobre e caaveiro e centeo do país) no rural galego”, segundo explica o presidente de AFAPAN, César Manuel Fieiras, que asumiu tamén recentemente a presidencia da Federación Galega.

A produción actual de trigo das variedades callobre e caaveiro e de centeo do país non chega para cubrir a demanda existente

Igualmente, sinalan que promover este tipo de cultivos é unha forma de facilitar “o desenvolvemento económico e social do medio rural galego, con beneficios claros e inmediatos para as zonas onde se produzan estas plantacións, e coa posibilidade real de contrarrestar o rápido despoboamento destes territorios e de loitar contra a Galicia baleirada”.

As asociacións do pan galegas destacan que se senten “moi orgullosas do camiño percorrido ata o momento, que levou a que o pan galego sexa considerado como un dos mellores do mundo”, grazas ao apego á tradición e ao soporte de entidades como a Xunta de Galicia a través do persoal da Consellería do Medio Rural, “que leva tempo asesorando e apoiando ao colectivo en demandas concretas”.

Recuperar a materia prima autóctona fronte á que vén de fóra

Con todo, cren que aínda “queda moito por facer”, e que nese camiño “recuperar e poñer en valor o noso, a materia prima autóctona, fronte á foránea, é a forma máis intelixente de apontoar o futuro do sector porque temos un produto único e imposible de imitar noutras latitudes e con outras fórmulas de traballo e ingredientes”.

Queren que haxa unha formación teórico-práctica regrada, en forma de FP dual, que permita a transmisión de coñecementos e técnicas dos panadeiros tradicionais galegos aos mozos que se incorporen ao sector

A patronal dos panadeiros considera que “sementar cereal autóctono en Galicia é a mellor maneira de manter e mesmo mellorar a calidade do pan”, sempre da man “do saber facer, o coñecemento e a experiencia dos actuais panadeiros do país”. Nesta liña, AFAPAN e FEGAPAN tamén traballarán por conseguir en Galicia “unha formación teórico-práctica regrada, a través dunha formación profesional dual, que garanta a transmisión desta tradición e experiencia dos panadeiros tradicionais galegos a mozos que se incorporen a esta profesión”.

“Un superalimento imprescindible en calquera dieta”

Tahona-Melide- Pan-forno-pedra-

O Día Mundial do Pan celébrase todos os 16 de outubro, como data elixida pola Federación Internacional de Panadeiros (UIB) para promover o consumo do pan polos beneficios e as propiedades nutritivas que posúe. Afapan e Fegapan lembran ademais no Día Mundial do Pan que “o pan non soamente é un alimento básico, senón que as súas propiedades nutricionais, se se segue un método de elaboración artesanal, transfórmano nun superalimento imprescindible en calquera dieta saudable”.

“O Real Decreto estatal aprobado en maio resulta ambiguo e insuficiente para o pan galego, que necesita unha norma máis estrita” (César Manuel Fieiras, presidente de FEGAPAN)

AFAPAN é a asociación máis representativa do sector de panadarías na provincia de Lugo. Traballa constantemente pola mellora do colectivo no seu conxunto con iniciativas para aumentar a calidade dos seus produtos e mellorar a súa comercialización e promoción. Pola súa banda FEGAPAN aglutina ás asociacións provinciais de panadarías de Galicia desde 1979, e a súa directiva traballa nestes momentos con novos e variados obxectivos, que pasan por apontoar a imaxe de calidade do pan artesán galego, “que, entre outras cuestións, non pode depender de lexislacións como o Real Decreto aprobado no mes de maio a nivel estatal, que resulta ambiguo e insuficiente para o pan galego, necesitado de protección e dunha norma máis estrita e rigorosa que aclare de forma eficaz ao consumidor ante que produto se atopa”.

Ensaios para lograr variedades de millo para panificar

Sinatura do convenio entre a USC, o CSIC e a panadaría Da Cunha

Sinatura do convenio entre a USC, o CSIC e a panadaría Da Cunha

A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha da USC e o CSIC están a impulsar o cultivo de variedades autóctonas de millo aptas para panificar mediante un acordo que contempla dúas parcelas experimentais en Lugo e Ourense.

A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha, promovida pola USC e o grupo de panaderías Da Cunha, colaborará coa Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas no desenvolvemento do proxecto de investigación Variedades autóctonas de calidade para a obtención de pan de millo de calidade, segundo se recolle no acordo asinado esta semana polo reitor da USC, Antonio López Díaz, a directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), María Elena Cartea, e o xerente e propietario do grupo Da Cunha, Manuel Da Cunha.

O obxectivo desta liña de colaboración, que “constitúe un exemplo de transferencia de coñecemento cara a sociedade”, salientou o reitor Antonio López, pasa por avanzar na promoción e no desenvolvemento do cultivo e dos usos do millo producido en Galicia. Este ambicioso cometido rexe as diversas actuacións científicas e tecnolóxicas contempladas no plan de traballo establecido neste acordo entre a Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha da USC e o CSIC e cuxo obxectivo último é o de favorecer e potenciar o cultivo de millo panificable.

Os primeiros pasos a seguir pasan pola elección e posterior establecemento de dúas parcelas de ensaio en zonas diferenciadas das provincias de Lugo e Ourense. Unha vez seleccionados os emprazamentos, o grupo empresarial Da Cunha en colaboración cos agricultores propietarios procederá a realizar as instalacións necesarias para que as parcelas de ensaio se aproximen na medida do posible ás plantacións de millo tradicionais, aínda que cun deseño apto para a toma de datos (crecemento do millo, seguindo a súa fenoloxía, así como outros parámetros relacionados coas sensibilidades a pragas, enfermidades ou datos de produción) e outras labores experimentais, unha tarefa da que se ocupará persoal da Misión Biolóxica de Galicia. Nunha fase posterior procederase á achega da semente de dous ecotipos (Tuy e Rebordanes), previamente seleccionados pola MBG-CSIC. A estas sementes engadiráselles adicionalmente dúas variedades comerciais de millo de referencia e coas que xa traballa na actualidade o grupo Da Cunha, que se encargará tamén dos procesos de moído e da propia elaboración da fariña, así como do amasado e a feitura e coción do pan.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información