Os galegos comen de media 80 gramos de pan ao día, con Lugo á cabeza e Pontevedra a que menos

Publicidade
Os galegos comen de media 80 gramos de pan ao día, con Lugo á cabeza e Pontevedra a que menos

O consumo medio diario de pan en Galicia sitúase arredor dos 80 gramos, segundo se desprende da investigación realizada polo graduado en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias do campus de Lugo Jesús Fernández Cruces no marco do seu Traballo de Fin Grao, un estudo que vén de ser galardoado na primeira edición dos premios outorgados pola Cátedra do Pan e do Cereal da USC, promovida polo grupo Dacunha en colaboración coa institución académica compostelá.

As conclusións da investigación ‘¿En qué dimensión se encuentra el pan en la actualidad?’, un meticuloso estudo de valoración do pan tradicional en Galicia que recolle respostas de máis de 200 persoas de diversas localizacións xeográficas galegas, denotan que “lonxe dalgunhas falsas crenzas, o consumo de pan en Galicia é moderado e saudable”, segundo subliñou a directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, Ángeles Romero.

Lugo e A Coruña son as provincias onde se come máis pan

O consumo de pan non é homoxéneo nas catro provincias galegas, segundo desvela a investigación realizada por Jesús Fernández, que se ben salientou a boa calidade do pan tradicional de Galicia, precisou que as provincias de Lugo e da Coruña son as que rexistran un maior consumo deste produto, seguidas de Ourense. A realidade de Pontevedra é diferente, xa que ademais de ser a provincia galega na que se consume menos pan, as enquisas realizadas nesta provincia revelan que preto dun 30% da poboación moza non come pan”, precisou Fernández, para logo indicar que esta porcentaxe duplica á contabilizada entre a mocidade de Lugo e da Coruña.

Alén destas cuestións estatísticas, o estudo realizado por Fernández Cruces sinala que a mocidade é o segmento de poboación máis ‘gourmet’ no que a consumo de pan se refire. A maior parte da poboación consultada afirma comer pan branco, pero os consumidores máis novos amosan cada vez máis interese naqueles produtos diferenciados pola proximidade da orixe das materias primas e sobre todo polas fariñas integrais, afirma este graduado en Nutrición Humana e Dietética.

A catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero sinalou que, ademais do interese dos resultados deste estudo, o traballo de Jesús Fernández Cruces premiado pola Cátedra do Pan e do Cereal destaca tamén polo seu carácter innovador, como é a incorporación de modelos tridimensionais deste produto alimenticio como ferramenta de estimación do seu consumo e, por ende, como elementos de apoio axeitados para a consulta clínica de dietistas e nutricionistas.

Outro dos aspectos salientables desta investigación fan referencia a que a poboación de máis idade, que supostamente é a que conta cunha maior cultura sobre pan tradicional e cultivo de cereais, non é a máis esixente á hora de demandar produtos diferenciados, xa que na súa maioría decántase por “pans brancos e brandos”, conclúe Jesús Fernández.

Entrega do premio

O investigador pontevedrés Jesús Fernández Cruces recolleu este venres na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo o premio concedido pola Cátedra do Pan e do Cereal da USC, un galardón dotado con 1.000 euros en metálico, ademais de diploma acreditativo e dun contrato laboral cunha duración de seis meses no Grupo Dacunha, cuxo presidente participou no acto de entrega deste galardón.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel actuou como anfitrión nunha emotiva cerimonia de entrega, na que tamén participaron o catedrático da USC e secretario da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, Santiago Pereira, e Fernando Almeida, enxeñeiro agrónomo do Grupo Dacunha.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información