“Moitas veces retíranse os lácteos ou o glute por moda, sen recomendación médica”

Entrevista a Rosaura Leis Trabazo, especialista en nutrición, profesora titular de Pediatría da Universidade de Santiago e coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Publicidade
“Moitas veces retíranse os lácteos ou o glute por moda, sen recomendación médica”

Rosaura Leis Trabazo.

Rosaura Leis é unha das especialista de referencia en nutrición infantil en España. Entre outras moitas responsabilidades, é profesora titular de Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora da Unidade de Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Preocúpalle especialmente a obesidade infantil, que define como unha pandemia, e que relaciona tanto coa falta de actividade física como cos cambios na dieta alimentaria.

Que vos preocupa aos pediatras hoxe en día en canto á alimentación dos nenos e dos mozos?
A gran pandemia nutricional neste momento é o sobrepeso e a obesidade, que afecta a todos os países e a todas as idades. O motivo desta pandemia son os cambios nos estilos de vida, tanto alimentarios como de actividade física. E o momento de incorporar os bos hábitos é precisamente na infancia, e mesmo desde o útero materno.

Cambiamos as nosas dietas tradicionais por unha alimentación con máis comida rápida e precociñada, que supoñen unha maior inxesta de graxas saturadas, azucre e sal, fronte aos nosos cereais, froitas e verduras, peixe, lácteos…etc. da dieta tradicional. Estes cambios na alimentación supoñen un importante risco nutricional.

Así, estamos a ver como os nenos inxiren dietas moi calóricas, fan pouco exercicio físico e practican un lecer pasivo, co que o balance é un aumento da graxa corporal. Sen embargo, detectamos uns déficits importantes de nutrientes nestes nenos, especialmente de calcio, iodo, vitamina D ou ferro. E isto débese fundamentalmente a que as súas dietas son ricas en calorías pero pobres en nutrientes. No caso da vitamina D, o seu déficit débese a que é secuestrada pola graxa corporal no caso de nenos e persoas obesas.

 “O gran problema é a obesidade, con dietas moi calóricas pero pouco nutritivas”

Doutra banda, estamos a asistir a modas de dietas restritivas, nas que se eliminan da dieta determinados alimentos, sen ningún fundamento científico e por unha percepción individual dunha posible “reacción adversa”, que nunca debe ser un diagnóstico. Por exemplo, no caso dos lácteos estamos a asistir a un descenso no seu consumo, cando se trata da nosa principal fonte de calcio. É moi importante o seu consumo a todas as idades, e sobre todo na idade pediátrica e na adolescencia. Diminuír o consumo de lácteos supón un importante risco nutricional, especialmente para o cumprimento das recomendacións de inxesta de calcio.

Estades a detectar xa isto por falta de consumo de lácteos?
Estamos a asistir a unha diminución do consumo de lácteos, que non soamente son bos por ser a principal achega de calcio da nosa dieta, senón tamén en proteínas de alto valor biolóxico e doutros nutrientes.

O mesmo poderíase dicir das dietas sen glute, que están indicadas soamente para aquelas persoas que padecen enfermidade celíaca ou con intolerancia ao glute non celíaca ou alerxia ao trigo. Porén, está a xeneralizarse na poboación sen que haxa un diagnóstico médico.

Por iso, destacaría que unha reacción adversa a un alimento é unha manifestación clínica anormal que se produce pola inxesta, inhalación ou contacto cun alimento ou aditivo alimentario. Pero necesita ser diagnosticado por un médico e a eliminación dese alimento da dieta debe ser tamén prescrita por un médico. De tal maneira que naqueles casos nos que temos que eliminar da dieta determinados produtos, o propio facultativo ten que ver se ten que recomendar algún tipo de suplemento ou aporte de vitaminas ou de minerais.

 “Están a quitarse alimentos da dieta por moda, sen ser prescritos por un médico, e iso supón un risco nutricional”

Nestes momentos, debido a modas quítanse alimentos fundamentais da pirámide nutricional sen ser suplidos por nada e sen facer unhas dietas equilibradas.

Sen embargo, ata agora chegaba a ser común que ante unha complicación intestinal, os profesionais sanitarios o primeiro que recomendaban era retirar os lácteos da dieta. Teñen a súa parte de responsabilidade?
É certo que, por exemplo, ante unha diarrea aguda era frecuente suprimir os lácteos da dieta. Tamén hai que destacar que esta retirada se realizaba de forma temporal. Isto débese a que durante e despois dunha diarrea aguda, sobre todo vírica, prodúcese unha perda de lactasa intestinal e ao faltar esta encima non se pode hidrolizar a lactosa, o azucre do leite. Así, moitas veces, secundariamente a estes procesos infecciosos, hai unha mala absorción de lactosa que pode prolongar a diarrea, a distensión e a dor abdominal.

Nestas ocasións con frecuencia recoméndase retirar os lácteos da dieta. Porén, hoxe sabemos que manter pequenas cantidades de lactosa na dieta poderían favorecer a recuperación das células intestinais. Por tanto, hoxe xa nin sequera recomendamos a retirada total dos lácteos, salvo que se diagnostique unha mala absorción á lactosa, secundaria ao cadro vírico.

É dicir, que mesmo a moda dos leites sen lactosa habería que polos en cuestión porque cada vez teremos menos lactasa no organismo…
Existe unha patoloxía que é o déficit de lactasa tipo adulto, e hai unha porcentaxe importante da poboación, en Galicia unha persoa de cada tres ou máis, que a partir da infancia empeza a perder lactasa intestinal, de forma que chega un momento en que é insuficiente para hidrolizar a lactosa. Nestes casos, os leites sen lactosa son un bo alimento e unha boa opción.

Non obstante, tamén é certo que a maioría das persoas con problemas de absorción de lactosa tolerarían cantidades habituais de consumo de leite, sobre todo se isto faise xunto con outras recomendacións dietéticas, como consumilo xunto con outros alimentos para diminuír o tempo de baleirado gástrico. Ademais, estas persoas adoitan tolerar sen problema o iogur e o queixo porque no iogur parte da lactosa xa está hidrolizada, e ademais os xermes que o producen parecen que continúan realizando o seu labor no intestino.

Ata agora tamén se asociou leite enteiro ou lácteos e colesterol. Sen embargo, parece que a graxa do leite mesmo é positiva para a saúde segundo os últimos estudos….
Que as recomendacións cambien é froito dos avances da investigación nutricional. Cando se descubriron os niveis de colesterol en sangue se correlacionaban directamente co colesterol dos alimentos. Por tanto, a recomendación foi retirar das dietas os alimentos ricos en colesterol. Con todo, posteriormente descubriuse que os niveis sanguíneos de colesterol estaban máis condicionados pola graxa saturada dos alimentos que polo propio colesterol. O leite de vaca ten graxa saturada, pero os últimos estudos parecen evidenciar que o tipo de graxa saturada dos ruminantes, un  ácido graso trans, o ácido linoleico conxugado, ten mesmo beneficios para a saúde.

Por tanto, creo que deberiamos entender que a alimentación debe ser sempre equilibrada e variada, e en cantidades adecuadas á idade, ao sexo e á patoloxía de cada un.

Neste sentido, considero que debemos tomar alimentos de distintos tipos pero sempre no contexto dunha alimentación saudable. E paréceme que a pirámide nutricional é moi orientativa: na base ten os alimentos que debemos consumir con máis frecuencia e no cumio os que debemos consumir esporadicamente e en pequenas cantidades.

A nosa dieta atlántica tradicional na base da pirámide incluía o exercicio físico; a continuación os cereais, sobre todo integrais, as froitas e as verduras (3 froitas e 2 verduras ao día); despois os lácteos (3 ou 4 racións ao día, segundo as idades), o aceite de oliva. Logo, na metade da pirámide, os que se deben consumir varias veces á semana, o peixe, os legumes, a carne, os ovos. E no vértice, os alimentos de consumo esporádico, a pastelería, os embutidos ricos en sal e en graxas saturadas, os azucres. Porén, actualmente a pirámide de consumo dos nosos nenos e tamén dos adultos está investida.

“As dietas veganas non son axeitadas para a infancia porque non se cobren todos os requirimentos nutricionais”

Cae tamén o mito de que o consumo de leite líquido soamente débese restrinxir á infancia e á adolescencia?
O ser humano ten moitas características distintas ao resto de mamíferos, entre outra nosa lonxevidade. A recomendación nutricional é tomar polo menos tres racións de leite ou de produtos lácteos ao día e ao longo de toda a vida. Pódese restrinxir por mala absorción da lactosa ou por perda da lactasa tipo adulto, pero aínda nestes casos, a maioría poden consumir sen problema iogur e queixo, e por suposto un leite baixo ou sen lactosa. Pero sempre ten que ser unha recomendación médica.

Hai persoas contrarias ao consumo de leite que, sen recomendación médica, o substitúen polas bebidas vexetais, mal chamadas leites. Desde o punto de vista nutricional poden ter boas características, pero moi diferentes do leite dos ruminantes.

É perigoso substituír na infancia ou a adolescencia o leite por zumes vexetais de avea, soia…etc.?
Calquera dieta restritiva que fagamos supón un risco para a saúde se non a complementamos doutra forma. A Sociedade Europea de Gastroenteroloxía e Nutrición Pediátrica estima que as dietas veganas non son adecuadas para a infancia porque non se cobren todos os requirimentos nutricionais. Ten que ser moi diversificada, variada, calculada e con determinados suplementos para cumprir as recomendacións.

A conclusión que faría é que é necesario manter a adherencia ás dietas tradicionais, dietas variadas, con racións adecuadas, e sen perder de vista a actividade física. Galicia é unha das comunidades con maior lonxevidade de España. Debemos loitar para manter isto porque se non por primeira vez na historia corremos o risco de vivir menos que a xeración anterior

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información