Investigadores galegos estudan un novo método de detección de contaminantes químicos nos alimentos

O proxecto é un dos seleccionados no concurso de axudas á investigación da Fundación Ramón Areces. Está financiado con 120.000 euros e levarase a cabo ao longo dos vindeiros tres anos

Publicidade
Investigadores galegos estudan un novo método de detección de contaminantes químicos nos alimentos

Equipo da Universidade de Vigo que está realizando o estudo

O grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, dirixido polos docentes Jorge Pérez Juste, Isabel Pastoriza e Pablo Hervés, acaba de recibir unha axuda da Fundación Ramón Areces por importe de 120.000 euros para estudar o uso de nanomateriais na detección de contaminantes químicos nos alimentos.

O proxecto, seleccionado entre 631 investigacións presentadas a nivel nacional, ten como principal obxectivo o desenvolvemento dun sensor portátil que permita a detección “rápida e in situ” de microorganismos patóxenos e contaminantes químicos en mostras reais de alimentos.

“Trátase de crear novos métodos de detección de contaminantes, microorganismos e bacterias nos alimentos”, subliña o profesor Pérez Juste.

Todo un laboratorio nun diminuto microchip

O proxecto seleccionado (SERSforSAFETY) levarase a cabo ao longo dos vindeiros tres anos e con el o equipo vigués pretende deseñar e desenvolver plataformas de diagnóstico miniaturizadas, o que en inglés acostuma denominarse ‘lab-on-a-chip’, baseadas na espectroscopía Raman aumentada en superficies para a posterior fabricación de dispositivos de análise en tempo real, sensibles, rápidos e portables que permitan a ultradetección de bacterias e diversos contaminantes químicos.

“Trátase de crear un sensor de moi pequeno tamaño para, sobre o propio terreo, no campo ou onde fose, ser capaz de, cunha pequena cantidade, analizar a mostra in situ, sin necesidade de realizar amplificacións”, aclara Juste.

O traballo implica a fabricación de substratos nanoestruturados mediante diferentes procesos físicos e químicos que se engloban dentro do campo da Nanoquímica e a Ciencia dos Materiais. “Estes substratos son os que logo se empregarán como sensores de diferentes microrganismos patóxenos e contaminantes químicos”, recalca o docente, que explica que a espectroscopía Raman proporciona información vibracional do sistema, “é dicir, é como unha pegada dactilar da molécula que queremos identificar e, por tanto, moi específica”.

Empresas relacionadas con seguridade alimentaria, principais destinatarias

A investigación que se vai levar a cabo desde o grupo de Química Coloidal, un dos integrantes do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio, é fundamentalmente investigación básica. “A idea é que se somos quen de desenvolver con éxito o proxecto, cun maior investimento podería xa desenvolverse un prototipo de uso profesional, pero iso é algo que xa non está ao noso alcance”, explica Juste, ao que engade que na actualidade non hai ningún produto similar no mercado baseado nestas tecnoloxías e que os principais destinatarios serían as industrias relacionadas coa alimentación, sobre todo, aquelas que se dedican a cuestións relacionadas con seguridade alimentaria, pero tamén empresas biotecnolóxicas e todas aquelas que teñan que ver co control de calidade.

A axuda da Fundación Ramón Areces permitirá a contratación dun estudante de doutoramento para que faga no grupo a súa tese de doutoramento. “Somos un grupo moi diverso, a maior parte somos químicos, pero tamén hai un biólogo molecular, que neste proxecto vai desenvolver un papel importante”, aclara o docente.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información