Entrepinares destinará 16 millóns de euros a ampliar as súas instalacións en Vilalba

Medio Rural xa lle confirmara en xuño á industria unha axuda de 4,7 millóns de euros para a construcción dunha torre de secado do soro procedente da elaboración do queixo

Entrepinares destinará 16 millóns de euros a ampliar as súas instalacións en Vilalba

Visita da conselleira a Entrepinares.

A queixería Entrepinares, con sede en Vilalba, fixo unha presentación pública do seu proxecto de ampliación de instalacións con motivo da visita da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. Medio Rural xa anunciou en xuño que lle aportará á queixeira 4,7 millóns de euros para a construción dunha torre de secado do soro derivado da elaboración de queixos. O investimento total das obras chegará ós 16 millóns de euros.

Para a posta en marcha da torre precísanse construír tres naves: unha para albergar a maquinaria do proceso, outra como almacén do produto rematado e outra para a zona de expedición. Esta obra, presupostada en 15,1 millóns de euros, evitará que o soro procedente da planta de Vilalba sexa procesado en Zamora.

Así mesmo, a compañía tamén mellorará a automatización das técnicas microbiolóxicas de laboratorio e emprenderá diferentes melloras na liña de queixo de untar: limpeza automática mediante escuma, transportador, marcador de tarrinas e diversa maquinaria para a automatización do proceso. O orzamento é de 779.625 euros, dos que a consellería achegará 244.279 euros, un 31% do total.

A titular de Medio Rural sinalou esta empresa como un exemplo do camiño a seguir e falou da relevancia que ten enlazar con éxito produción, transformación e distribución para darlle saída á materia prima nos diferentes mercados.

Queserías Entrepinares foi creada en 1984 por Antonio Martín Castro e actualmente posúe un centro loxístico en Valladolid e tres centros de produción, un deles o de Villaba (Lugo), no que traballan preto de 90 persoas. A planta vilalbesa ten capacidade para procesar arredor de 40 toneladas de queixo diarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información